Noticias Outras novas Mobilizacións Todas as organizacións sindicais do SERGAS reclaman “máis emprego, de mellor calidade para unha sanidade pública digna”
 
 

Todas as organizacións sindicais do SERGAS reclaman “máis emprego, de mellor calidade para unha sanidade pública digna”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Convocan concentracións o día 3 nas áreas sanitarias e manifestación o 10 en Santiago
 
CIG, CCOO, UGT, CSI-F, CESM-Omega, SATSE e máis SAE anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de concentracións en todas as áreas sanitarias o día 3 de marzo e unha manifestación en Compostela, o día 10 de marzo, con saída ás 11:00 horas de diante da explanada da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para denunciar a OPE que vén de ser convocada, a eliminación de postos de traballo e a precariedade laboral que se está a dar no SERGAS. Unha política laboral que está afectando á prestación deste servizo público básico por mor da falta de persoal.
16-03-01 SERGASSegundo explicaron, un dos potenciais máis importantes da sanidade pública é o seu persoal. Para ter uns servizos públicos de calidade, precísase persoal cualificado e suficiente. Porén, denunciaron que “o goberno do PP, pola contra, está a facer todo o posíbel para reducir este capital humano á mínima expresión, eliminando ano tras ano, postos de traballo na sanidade pública”.

Lembraron que entre os anos 2010 e 2014 a taxa de reposición foi do 10%, ou sexa, que de cada 10 traballadores/as xubilados/as só se cubría unha praza e que no ano 2015, a taxa de reposición foi do 50% das vacantes producidas ese ano.

Sinalaron que neste ano -2016- a taxa de reposición anunciada é do 100% das vacantes do ano anterior o que, matizaron, non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos. A este respecto subliñaron que “esta taxa de reposición non se está a aplicar sobre todas as prazas vacantes, senón sobre as vacantes que previamente teñen autorización para a súa cobertura”.

A isto engadiron a supresión de postos de traballo do Plan Mellora de Atención Primaria e do Plan Galego de Saúde Mental. Por iso cualificaron como absolutamente insuficiente a OPE anunciada pola consellaría, que só contempla a cobertura de 818 prazas.

Neste sentido, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, asegurou que desde 2009 xubiláronse no SERGAS 3.000 traballadores e traballadoras e que coas ofertas de emprego público deste período máis a convocatoria deste ano non se chegan a cubrir nin a metade. Así especificou que na OPE de 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, as citadas 818.

Isto daría un total de 1.539 prazas, que non se achegan, nin de lonxe, ás 3.000 que serían precisas para garantir a necesaria calidade na atención das e dos doentes na sanidade pública.

As organizacións sindicais denunciaron ademais que, en todo caso, como esas prazas son estruturais, o que se están é cubrindo con persoal en condicións sumamente precarias, “contratos lixo de un día, días soltos, de luns a venres…, para prazas que sempre se cubriran con interinidades ou contratos pola causa que motivaba a contratación”.

Diante desta situación chamaron a atención sobre o feito de que Galiza está gastando unha importante cantidade de cartos para formar a profesionais que logo acaban emigrando por falta de emprego ou por mor dunhas condicións laborais absolutamente precarias.

Para solventar esta situación, fronte á convocatoria feita pública polo SERGAS, demandaron unha OPE para todas as categorías co 100% das prazas vacantes desde 2009 e a negociación dunha Orde de Vínculos que obrigue ao SERGAS a contratar pola causa que motiva a contratación.

Advertiron de que a supresión de postos de traballo na sanidade pública “é a ferramenta que utiliza o SERGAS para facilitar a privatización”. Denunciaron que se están destinando os cartos públicos para financiar a sanidade privada, pola vía de derivar doentes en listas de  espera ou de obrigar a aqueles/as que xa non queren agardar máis a recorrer ás clínicas privadas.

A este respecto chamaron a atención sobre a proliferación de seguros sanitarios privados, que se benefician precisamente das deficiencias do sistema público e fixeron un chamamento tanto ás galegas e galegos como ao persoal do SERGAS a mobilizarse para exixir da Xunta de Galiza unha sanidade pública de calidade, que pasa, ao seu entender, por contar co persoal suficiente para atender a demanda sanitaria existente.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto