Noticias Persoal Contratacións 10 preguntas (e 10 respostas) sobre o Pacto de Contratacións
 
 

10 preguntas (e 10 respostas) sobre o Pacto de Contratacións

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

PACTO

  • 1.Que é o Pacto de Contratacións?
    • O SERGAS, coma empresa pública que é, necesita dotarse dunha ferramenta de xestión que permita ordenar a adxudicación de chamamentos dos contratos en base aos principios de igualdade, mérito e capacidade.
    • Na mesa sectorial negóciase esa ferramenta, e desa negociación sae un texto que subscriben as Organizacións Sindicais (OOSS) que así o consideran.
  • 2.Como é o Pacto?
    • O Pacto articúlase en torno un baremo que se configura coa nota da OPE, servizos prestados e formación, e polo cal son ordenadas as persoas aspirantes. Con ese baremo de aplicación, confecciónanse as listaxes por categorías profesionais e ámbitos territoriais, ordenándose as persoas aspirantes por rigoroso orde de puntuación.
    • Para cada categoría profesional confecciónase unha listaxe xeral, e en función dos requisitos da prestación do servizo, pódense confeccionar tamén listaxes de curta duración (pool) ou listaxes de áreas especiais e outro tipo de sublistas.
  • 3.Para que serve o Pacto?
    • Para ordenar o xeito en que se dan os chamamentos.
    • Cando unha xerencia decide contratar, utiliza as listaxes e ofrece o contrato por orde de puntuación segundo o establecido no Pacto. Para a cobertura emprégase a listaxe correspondente: lista xeral, lista pool, área especial... A propia xerencia determina o tipo e duración do contrato: días soltos, tempo parcial, acúmulo de tarefas...
    • A Administración decide qué substitúe, con qué tipo de contratos, e de canta duración (política de contratación); unha vez decidido, oferta eses contratos á lista, pola orde que se establece no pacto (xestión do pacto).
      • A política de contratación da Administración non ten que ver co pacto, senón co que esa Administración nun momento dado decide contratar. No caso da Administración actual, a tendencia é a non substituír, e cando se fai, faise con contratos precarios, de días soltos, e de acumulación de tarefas. Isto non o regula o pacto, o pacto regula a quen se lle dan os contratos que a Administración decide realizar.
      • Ademais da nefasta política de contratacións, a Administración tamén fai unha mala xestión do pacto, e isto ten como consecuencia o empeoramento das condicións laborais.
      • Desde hai uns anos, as xerencias teñen como norma cubrir as ausencias con recursos propios (normalmente xa escasos en cada servizo), é dicir, mobilizando ao persoal que xa está contratado. Cando non teñen opción a empregar este recurso é cando utilizan a contratación a través das listas, e fano ofertando contratos por días, por horas, a media xornada…, facendo os chamamentos a última hora, obrigando ao persoal a manter unha dispoñibilidade absoluta para o SERGAS. Non se planifican os chamamentos (ordenando os contratos por duración e establecendo horarios de chamamento).
  • 4.Como se leva a cabo a negociación do Pacto?
    • A Administración envía un texto e as OOSS van facendo alegacións a ese texto, non sempre coincidentes, e a Administración decide cales recolle e cales non. A Admón. non recolle todas as nosas propostas nin de lonxe, e moitas veces, as propostas dun sindicato son contrarias ás doutro. Ademais, a Administración redacta o texto das alegacións que recolle como considera, case sempre dun xeito ambiguo e pouco claro, o que facilita que cada xerencia interprete o que máis lle conveña en cada momento.
    • Normalmente fanse varias reunións, sobre a base do texto no que a Administración vai incorporando o que lle parece das alegacións das OOSS.
    • Chega un momento no que a Administración di que xa non ten cabida seguir negociando, porque lle parece que o texto xa está completo e propono para a súa sinatura.
  • 5.Que supón asinar ou non asinar o pacto?
    • Asinar o pacto supón estar de acordo coa xeneralidade, posto que sempre haberá cuestións coas que non se estea de acordo. No pacto a Admón. recolle só parte das alegacións das OOSS, polo que non todo o que se recolle no pacto é aceptábel para as OOSS. É dicir, para facer un pacto a gusto de todo o mundo, habería que facer un pacto por cada persoa aspirante. Porque a contratación é un xogo de intereses enfrontados: o que a unha persoa lle parece ben, a outra parécelle prexudicial para os seus intereses. Do que se trata é de conxugar os intereses de todo o mundo do mellor xeito posíbel. E non sempre se consegue, porque hai diferenzas de visión entre as OOSS e a Administración. Asinar o pacto significa que na globalidade se considera un pacto medianamente aceptábel.
    • Non asinar o pacto significa que contén cuestións que non son aceptábeis de ningunha maneira, ou que son moi prexudiciais para a maioría de aspirantes. Significa que das propostas presentadas, a Administración non recolleu apenas, ou as que recolleu non o fixo de xeito aceptábel. Significa que ese texto vai empeorar as condicións nas que se ofertan os chamamentos ás persoas aspirantes.
    • Hai que ter en conta outra diferenza entre asinar e non asinar o pacto. As OOSS que asinan o pacto forman parte posteriormente das comisións de seguimento. As que non o asinan, non. É dicir, as OOSS que non asinan o pacto non van poder estar nas Comisións Periféricas nas áreas, nin na Comisión Central, nin tampouco teñen dereito a recibir a documentación e información que delas emana. Isto implica non poder levar a estas reunións a defensa de casos nos que a Administración salta o pacto, ou nos que algunha xerencia interpreta o pacto ao contrario do que recolle. Implica non poder dar información constante, inmediata e correcta sobre a publicación de listas, ou os procedementos de actualización, por exemplo.
  • 6.Como foi a negociación deste pacto?
    • Foi unha negociación estraña. Fixéronse 3 reunións, nas que a Administración se limitou a achegarnos o borrador do texto e darnos un prazo para alegacións, sen apenas debate nas reunións, agás na última.
    • Desde a CIG-Saúde remitimos e defendemos en cada ocasión as nosas alegacións, que foron realizadas despois de escoitar as asembleas de afiliación e persoal, e despois de intensos debates internos.
    • Hai cuestións das que propuxemos que si se recolleron ou que recolleron en parte, como que as persoas das listas autonómicas poidan escoller a área de preferencia na que prestar servizos ou a consolidación da puntuacion das listas de pool, e hai outras cuestións que para nós eran importantes e que non se recolleron, nin hai intención de recollelas, como o descanso obrigatorio ou que non penalicen os chamamentos feitos para o mesmo día.
  • 7.Que pasa se as OOSS non asinan o Pacto?
    • A Administración non precisa da sinatura de ningunha OOSS para publicar o Pacto. Iso si, deixaría de ser un pacto e pasaría a ser unha regulación unilateral da Administración.
    • En todo caso, para que o Pacto saia adiante e se publique, a Administración non precisa dunha maioría de asinantes, coa sinatura dunha organización sindical da Mesa Sectorial é suficiente para a súa publicación.
  • 8.Que decidiu a CIG?
    • Despois de recoller as opinións das persoas afectadas, nas Asembleas convocadas e a través doutros medios, e despois de intensos debates internos, a CIG decidiu asinar o presente texto do Pacto de Contratacións, condicionando a sinatura á recollida na acta de fin de negociación dunha serie de compromisos (selección de FEAs, formación, negociación sobre vínculos e xestión de chamamentos…).
  • 9.Por que?
    • A CIG denunciou o Pacto en vigor porque consideraba que había moitas cousas que mellorar. O Pacto en vigor (do ano 2011) supuxo un cambio importante con respecto ao do ano 2004, mais co paso do tempo e vendo o uso e abuso que se facía dalgunha das cuestións recollidas nese texto, desde o punto de vista da CIG había diversos puntos moi mellorábeis no Pacto, e había outros que había que introducir ou retirar. Desde a CIG-Saúde enviamos moitas alegacións (recollidas das asembleas e dos debates internos) aos textos que se nos presentaron desde a Administración. Desas alegacións, algunhas foron recollidas, outras non e algunhas recolléronse parcialmente ou cunha redacción diferente da que nós esperabamos. Na visión global, malia os aspectos que non se recolleron ou que non nos convencen, o novo texto ten melloras con respecto ao Pacto en vigor, que no seu momento asinamos. Tamén segue tendo eivas e problemas desde o noso punto de vista, pero despois da valoración e do debate intenso, consideramos que podemos asinar este Pacto, condicionando a sinatura da CIG á introdución de compromisos que sigan procurando a mellora da interpretación e xestión do Pacto.
    • O feito de asinar, permitiranos participar nas Comisións de Seguimento e continuar denunciando a mala xestión do pacto e defendendo as persoas aspirantes que ven conculcados os seus dereitos, ademais de recibir, e polo tanto distribuír, información sobre o pacto e o seu desenvolvemento.
  • 10.Onde podo informarme sobre o pacto e como me afecta?
    • Coma sempre, nos nosos locais sindicais, ou en www.cig-saude.info

 

Desde a CIG-Saúde seguiremos levando ás Comisións de Seguimento todas aquelas cuestións que afonden nunha mellor xestión das contratacións e nunha ordenación equitativa dos chamamentos.

Mais tamén seguiremos combatendo a nefasta política de contratación do SERGAS, exixindo a cobertura de todas as ausencias, contratacións nominais e a fin da precariedade.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto