Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Mesa Sectorial 27 de xullo. Temas tratados.
 
 

Mesa Sectorial 27 de xullo. Temas tratados.

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG INFORMA

Temas tratados na Mesa Sectorial do pasado día 27 de xullo

  • Procedemento de selección temporal do persoal da Lei 17/1989. Desde a CIG non aceptamos este procedemento dado que a Admón non recolleu a nosa alegación de igualar o baremo deste proceso co resto de baremos de selección temporal do SERGAS, recollendo como elemento a valorar a formación, que co baremo proposto non se ten en conta.
  • Cómputo de xornada PACS. Este tema ten solera. Trátase de que ao persoal de PAC que ten xornada complementaria, se lles están a aplicar os permisos e licenzas sobre esta xornada en lugar de sobre a xornada ordinaria, e de resultas, descóntaselles o salario de parte da xornada complementaria que fan. Na reunión houbo moito debate e ante a imposibilidade de chegar a un entendemento,  a directora de RRHH quedou en convocar unha reunión dun grupo de traballo, para ver con calma este tema.
  • Aprobación dos temarios OPE correspondente a diversas categorías.  Os temarios de FEAS das categorías de anestesia, trauma e odontoloxía están pendentes da revisión por parte de asistencia sanitaria. No referente ao temario das/os Técnicas/os Superiores de Prevención de Riscos, a Admón aceptou algunha das nosas alegacións e non recolleu outras. Enviarán os temarios definitivos.
  • Carreira profesional. A directora de RRHH comunícanos que neste momento está vixente a Lei de Orzamentos do ano 2016 que impide negociar incrementos retributivos, e que non saben o que vai pasar coa Lei do ano 2017.  Xusto, iso é o que queremos nós, que a Lei de orzamentos do ano 2017 levante esta restrición é permita que o SERGAS poida negociar a carreira profesional e a recuperación dos acordos suspendidos; e isto só depende da vontade política da Consellaría de Sanidade e do goberno do PP. O actual Conselleiro na primeira e única reunión que mantivo coa representación sindical da Mesa Sectorial, comprometeuse a negociar nese foro os temas pendentes, e a facilitar a recuperación dos dereitos do persoal do SERGAS. Mais isto no sucedeu, estamos na mesma situación que coa Conselleira anterior, que é unha situación de desprezo cara as/os traballadoras/es públicos. O que importa é a colaboración público-privada e gastar o diñeiro público de xeito irresponsable, só hai que ver os informes de fiscalización que fai o Consello de Contas, que están a hipotecar a sanidade pública no presente e no futuro. A directora de RRHH quedou en transmitir as nosas peticións.
  • Decreto sobre a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación.  Este decreto foi rexeitado pola CIG-SAÚDE e outra central sindical, neste caso corporativa. Sorprendentemente foi apoiado polo resto de OOSS, agás unha delas, que se abstivo. Non acabamos de entender como se pode estar en contra da privatización da sanidade pública e apoiar un decreto que non garante o interese público e que permite ceder a terceiros a explotación dun fármaco de xeito que limite a súa gratuidade, cando a investigación está feita con finanzamento público e o investigador que o descubriu tamén é público. Este, entre outros, é un dos motivos polo que a CIG-SAÚDE non apoiou este decreto. Na nosas alegacións solicitabamos que a Titularidade dos resultados da investigación fosen do SERGAS ou da Consellaría de Sanidade, posto que a axencia do coñecemento só fai tarefas de xestión, e é unha intermediaria, polo que non debería ter dereitos de titularidade sobre a propiedade intelectual. Para garantir o ben común e o interese público deberíase recoller neste decreto, obrigatoriamente, que cando as licenzas van ser explotadas por terceiros debe de haber, previamente, un recoñecemento de interese público, emitido pola Consellaría de Sanidade ou o SERGAS. Do contrario a empresa que explota impón os prezos de mercado, situación coñecida por todas/os no caso do medicamento da hepatite C. Desde a CIG consideramos necesario para evitar enganar ao persoal investigador que os acordos de titularidade dos dereitos de explotación se realicen ao principio dos proxectos e só se poidan modificar posteriormente mediante acordo de todas as partes co visto e prace das persoas investigadoras. Trátase de evitar que os/as traballadores/as públicos/as estean a realizar prestación de servizos a terceiros sen o seu coñecemento. Estas alegacións tampouco foron aceptadas. Este decreto está en consonancia coa creación da axencia galega do coñecemento, cuxo obxectivo é favorecer o lucro das empresa privadas..
  • Rogos e preguntas.
    • Informa a directora de RRHH: o SERGAS vai permitir que os LD ordinarios e os LD adicionais se poidan gozar até o 31 de marzo.
    • O SERGAS está a elaborar un documento sobre as/os titores/as, que enviarán á Mesa Sectorial. No devandito documento pretenden incorporar algunha condición ou limitación no concurso de traslados para garantir que haxa titores/as sobre todo en Médicas/os de Familia. Veremos que documento presentan.
    • Puntos formulados pola CIG-SAÚDE:
      • Grupo de traballo de permisos e licenzas. A directora de RRHH comenta que están a traballar no documento, convocarannos na primeira quincena de outubro.
      • Grupo de traballo Enfermeira/o Especialista. Convocarannos na segunda quincena de setembro.
    • Outros temas:
      • Concurso de traslados FEAS. Setembro.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto