Noticias Outras novas Outras novas CIG-Saúde considera “propaganda” a ‘Estratexia SERGAS 2014’ e alerta das pretensións de Feijoo de privatizar a sanidade pública
 
 

CIG-Saúde considera “propaganda” a ‘Estratexia SERGAS 2014’ e alerta das pretensións de Feijoo de privatizar a sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Artigo extraido de Avantar.
Denuncia tamén a desproporcionada presenza policial e a súa actuación contra os representantes das plataformas en Defensa da Sanidade Pública.
CIG-Saúde considera que o acto de presentación da ‘Estratexia SERGAS 2014’ foi puramente propagandístico, para xustificar a decisión do goberno do PP de aplicar un recorte orzamentario, en materia sanitaria, que leva implícita a privatización de servizos, seguindo o modelo da comunidade de Madrid, que  xa demostrou que empeora a calidade asistencial, encarece o gasto sanitario e que, ao final, obriga á administración pública a acudir ao seu rescate incrementando aínda máis os custes Denuncia ademais a desproporcionada presenza policial e a súa actuación contra os representantes das plataformas en Defensa da Sanidade Pública que estaban concentrados ás portas do pazo de Congresos, onde se celebraba o acto, “para intentar calar as voces” de quen quere manifestar a súa oposición as políticas sanitarias que pretende impor Feijóo.

CIG-Saúde vén de dirixirse á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas para amosar o seu máis enérxico rexeitamento á actitude policial contra os representantes das plataformas sanitarias constituídas nas diversas localidades en defensa da sanidade pública, cando se manifestaban pacificamente ás portas do pazo de Congresos de Compostela, na chamada “Praza da Concordia”, para amosar a súa disconformidade coa política sanitaria do goberno do PP.

“É a primeira vez que no eido sanitario se utilizan as forzas de orde pública para intentar calar as voces que queren transmitir as inquedanzas da poboación das súas localidades, que ven con preocupación o futuro da sanidade e o recorte de prestacións que esta consellaría pretende acometer”, afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.

Por iso, solicitan da conselleira que, “en aras a de garantir o dereito democrático que ten toda persoa a reivindicar pública e pacificamente unha sanidade pública e de calidade, reprobe a actuación policial e se desculpe publicamente por estas actuacións”.

 

A Estratexia SERGAS 2014

Respecto do plan presentado polo Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira Pilar Farjas, Abuín cuestiona os piares nos que se basea referidos á xestión integrada, a ordenación de recursos humanos, a redución de tempos máximos de espera e o plan de infraestruturas sanitarias. Todo isto acompañado do anuncio dun recorte do 7% en gasto sanitario.

María Xosé Abuín lembra que a maioría destes plans xa foran expostos na mesa sectorial e a CIG-Saúde xa presentara os documentos coas alegacións aos mesmos.

Respecto do plan de infraestruturas sanitarias, que se pretende vender como unha ampliación do número de camas, Abuín sinala que é un plan que fóra deseñado polo bipartito, que antes ía ter financiamento público, pero que agora será de xestión privada. “O que fan é multiplicar por catro os custos, hipotecar de futuro as inversión sanitarias, reducir o número de camas e o cadro de persoal, recortando, en consecuencia as prestacións sanitarias e dificultando a incorporación das novas tecnoloxías durante os 20 anos que dure o pago do canon” afirma.

A isto engade que atrasa en máis de un ano a posta en funcionamento do Hospital de Lugo e denuncia que se cargan a unidade de tratamento do cancro que estaba previsto que se xestionara neste hospital. “Non se publicou no DOG o concurso para adquirir o acelerador lineal, convocouse un proceso selectivo para a dotación de 2 prazas de radiofísico hospitalario nese centro e a unha semana de escoller o destino, o SERGAS suprimiuno”, declara.

Canto á xestión integrada, a secretaria nacional de CIG-Saúde manifesta as súas dificultades para facer unha valoración global do mesmo dado que a única experiencia levada a cabo é o da área sanitaria de Ferrol. “Desde a creación desta xerencia única pouco ou nada se ten avanzado no seu desenvolvemento nin se realizou ningunha avaliación” di, e engade que “pode resultar pouco responsábel facer o deseño dunha nova estrutura de xestión do SERGAS, eliminando todas as estrututras actuais, sen que se avalíen os aspectos positivos e negativos do modelo implantado nesta área”.

Fronte a isto, CIG-Saúde apoia unha xerencia de área sanitaria con funcións de “identificación  de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial de saúde pública, de saúde laboral e sociosanitaria, o que posibilitaría un modelo integral de saúde que favoreza a atención dos problemas de saúde de cada zona e, ao tempo, a eficacia e a continuidade da atención co lóxico beneficio do usuario”, explica Abuín.

 

Suspensión do Plan Mellora de Atención Primaria

Alén diso, para CIG-Saúde, o modelo de área integrada que presenta o PP, vai condicionar  de xeito negativo o desenvolvemento da atención primaria, coa conseguinte perda de autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos. “Provocará que quede subordinada ás estratexias de xestión dos centros hospitalarios de referencia. A atención primaria precisa dun impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos e acadar un correcto funcionamento da súa carteira de servizos, actualmente desenvolvida. A única inversión que fixo o PP en atención primaria foi cargarse o Plan Mellora”.

Para a federación de Saúde, é altamente preocupante o decreto de reordenación de recursos humanos, que presentou o SERGAS. A CIG vén demandando, desde hai anos, un plan de reordenación de recursos humanos que permitise falar dunha política integral en materia de persoal que acabase coa permanente sensación de conflitividade no sector. “O que acontece co documento que presenta a consellaría de Sanidade é que, no canto de dar unha solución global que permita equiparar os intereses do sistema sanitario público cos intereses dos seus profesionais, o único que fai é contribuír a crear un clima de incerteza permanente”.

 

Tempos máximos de espera

Respecto do plan de tempos máximos de espera, que segundo Feijóo suporá a redución das listas de espera e a priorización en función das patoloxías, “o único que fai, unha vez máis, é intentar maquillar os resultados que esta consellaría está a ter. Toda a poboación sabe que se incrementaron as listas de espera, sobre todo en cirurxía, probas diagnósticas e consulta. En concreto as listas de espera en pacientes de cirurxía en doentes de prioridade unha, incrementáronse en máis de seis días, tomando como referencia aos datos do ano pasado”.

CIG-Saúde denuncia ademais que se están a producir listas de espera en servizos de oncoloxía médica e radioterapia médica. “Neste servizos, e atendendo ás recomendacións das sociedades científicas, o número de profesionais en Galiza está por baixo da media do estado español. É imposíbel garantir un mínimo de calidade se careces de recursos humanos.

Canto ao recorte do 7% do gasto sanitario, que din que van facer en xenéricos, os datos que presenta a conselleira constatan que Galiza está a cola en uso de xenéricos. “Pero non hai problemas aquí, segundo a conselleira, as responsabilidades están no estado ou no Consello Interterritorial, ela non ten responsabilidade ningunha”, di Abuín.

“O único reto claro que manifesta o PP é a privatización da sanidade, a diminución do número de camas, os recortes de cadros de persoal e a precariedade na contratación” conclúe María Xosé Abuín.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto