Noticias Persoal Outras novas A CIG-Saúde denuncia que a Xunta de Galiza pretende condicionar a asistencia sanitaria á voluntariedade das e dos profesionais
 
 

A CIG-Saúde denuncia que a Xunta de Galiza pretende condicionar a asistencia sanitaria á voluntariedade das e dos profesionais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

logocigsauded

 

A CIG-Saúde denuncia que a Xunta de Galiza pretende condicionar a asistencia sanitaria á voluntariedade das e dos profesionais

Demanda que se garanta a prestación independentemente do lugar onde se viva

A CIG-Saúde vén de denunciar a pretensión da Xunta de facer depender da voluntariedade das/os profesionais a asistencia sanitaria nas áreas que ten intención de suprimir coa aplicación da nova lei de saúde que o Partido Popular pretende impor en Galiza. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, considera que esta suposta voluntariedade “non é máis que unha escusa do presidente da Xunta para aplicar a súa política de desmantelamento da sanidade pública”.

O proxecto de Lei de Saúde contempla a desaparición das áreas sanitarias da Mariña, O Barco, Monforte e Salnés. “O PP pretende así centralizar a asistencia sanitaria nos grandes complexos hospitalarios afastando e dificultando o acceso a ela á poboación destas zonas. Deste xeito, aproveitando a Lei de Garantías, afondará no desmantelamento da sanidade pública porque para garantir o cumprimento dos tempos máximos de espera previstos nesa lei concertará un maior número de servizos sanitarios (cirurxía, probas diagnósticas…) coa sanidade privada”, denuncia Abuín.

A secretaria nacional da CIG-Saúde denuncia tamén que se adopta esta medida no canto de dotar dos medios e recursos humanos necesarios estas áreas para poder garantir a mellor e máis completa atención á toda a poboación.

Considera, ademais, que non foi casual que o presidente da Xunta fose convidado de honra na reunión da sanidade privada que se celebrou en Galiza e que “tivo ben coidado de omitir na súa axenda pública”.

Alerta respecto da prestación da atención primaria

Para Abuín é “moi grave” que Feijóo chegara a afirmar –en sede parlamentaria- que a atención nestas áreas dependerá da “vontade” dos/as especialistas. Lembra que desde o ano 1996 todos/as os/as médicos/as fan a súa formación a través do MIR, incluídos/as os/as médicos/as de familia. Por iso pregúntase se tamén no caso de primaria se fará depender a prestación de que haxa profesionais para garantir a atención.

Fronte as modificacións que o PP pretende introducir, a CIG-Saúde demanda a mellora das condicións laborais e salariais, a devolución da carreira profesional e o resto de retribucións “roubadas” desde o ano 2010. Exixe que se remate a precariedade e que se apliquen criterios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público no persoal especialista, publicando de inmediato o pacto de selección temporal de FEAS.

Demanda ademais a convocatoria do 100% das prazas vacantes nos concursos de traslados anuais e as ofertas de emprego e que se integre ao persoal que traballa nos hospitais comarcais nos proxectos de investigación, formación e outras actividades con alianzas estratéxicas de xestión compartida.

Abuín subliña que no SERGAS hai persoal altamente cualificado e con coñecementos suficientes para deseñar un modelo de prestación sanitaria pública que garanta a igualdade de todas/os no acceso aos servizos sanitarios, independentemente de onde se viva ou da patoloxía que se presente. “As ansias do Presidente da Xunta por incorporar persoal externo, ou con intereses privados na sanidade pública, só vai traer desigualdade no acceso  e maior sufrimento as persoas enfermas”, advirte.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto