Noticias Persoal Outras novas CIG-Saúde valora positivamente o seguimento da folga xeral no Sergas
 
 

CIG-Saúde valora positivamente o seguimento da folga xeral no Sergas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Mantén a concentración diante da consellaría en San Lázaro para hoxe venres día 3, ás 11:00 h

     

    A CIG-Saúde vén de valorar positivamente tanto o seguimento da folga xeral convocada no Sergas para onte e hoxe como as mostras de apoio recibidas das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega.

    O persoal do Sergas súmase ao rexeitamento da posición da consellaría de Sanidade, que se negou a establecer un calendario de recuperación dos acordos retributivos suspendidos desde o ano 2010 tal e como se lle viña demandando e nin sequera foi quen de comprometerse a fixar a dotación orzamentaria necesaria para garantir que en 2019 comezan a se retribuír os graos da carreira profesional para todo o persoal, fixo e temporal.

    María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia en todo caso o intento das Xerencias de boicotear á folga na súa primeira xornada mobilizando persoal de servizos mínimos para ocupar postos de persoas que a están secundando. “Nalgún caso a información que recibimos foi que diante da participación na folga de enfermeiras e enfermeiros de quirófano, outro persoal asumiu o seu traballo como instrumentistas”.

    Abuín demanda da administración un “escrupuloso respecto ao dereito á folga das traballadoras e traballadores do Sergas” e advirte que “está en mans da consellaría de Sanidade recoñecer os dereitos laborais e retributivos do persoal do Servizo Galego de Saúde para rematar así con este conflito”.

    Lembra ademais que as organizacións sindicais asinaron acordos coa administración que “non poden depender das decisións unilaterais que adopte en cada momento o partido que sustenta o goberno”. Xunto a isto advirte que “se a esta administración non lle satisfán estes acordos, o que ten que facer é pór enriba da mesa outros, non limitarse a suspendelos deixando ás traballadoras e traballadores do Sergas nas peores condicións salariais do Estado español”.

    A CIG-Saúde fai un chamamento a participar na concentración convocada para hoxe venres, día 3, ás 11:00 horas diante da consellaría de Sanidade en San Lázaro. Unha mobilización que coincide coa segunda xornada de folga.

     
     
     
     
     
     
     
     

    rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

    1leftarrow-icone-5226-48

     

    Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
    Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
    Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
    executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

    2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

    Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
    Se estás de acordo, preme este botón: Acepto