Noticias Persoal Contratacións CIG-Saúde defende o dereito ao traballo en condicións dignas independentemente da súa nacionalidade
 
 

CIG-Saúde defende o dereito ao traballo en condicións dignas independentemente da súa nacionalidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

unnamed

En lugar de garantir postos de traballo para as/os médicas/os que emigran

CIG-Saúde denuncia que o PP eméndase a si mesmo para consolidar a precariedade laboral no SERGAS

Compostela, 16 de febreiro de 2018.- 

A CIG-Saúde denuncia que a única emenda referida ao persoal do SERGAS que presentou o propio PP ao Proxecto de Lei polo que se modifica a Lei de Saúde sexa coa intención de permitir a entrada no sistema público de médicos e médicas alleos ao espazo europeo. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, matiza que “non cuestionamos a súa formación, nin a súa competencia profesional. O que si advertimos é que o PP, deste xeito, en lugar de garantir condicións dignas para as/os médicas/os do SERGAS, independentemente da súa nacionalidade, pretende contar cunha bolsa de profesionais como man de obra barata no sistema sanitario”.

Na actualidade, para traballar no SERGAS, como así se recolle nas convocatorias das Ofertas Públicas de Emprego, é requisito de acceso ser do Estado español ou de calquera dos estados membros da UE. Isto debería implicar garantir para eses/as profesionais unhas condicións laborais acordes co posto e a titulación requirida.

Porén, o SERGAS mantén en condicións precarias ao seu persoal, o que está provocando a súa emigración masiva. Fronte a isto, a CIG-Saúde leva anos denunciando que se remate con esa precariedade, que se traduce en contratos por horas, días, meses, sen recoñecemento da carreira profesional… e exixindo a cobertura das prazas vacantes con contratos de interinidade, que despois se poden converter en postos estábeis xa que as prazas cubertas deste xeito son as que se convocan na oposición.

Neste sentido, María Xosé Abuín lembra que recentemente “reiteramos mediante un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade e á Directora de Recursos Humanos do SERGAS a creación dunha Comisión Técnica para analizar as necesidades de persoal do sistema sanitario galego, porque entendemos que se debería actuar, entre outras cuestións, consolidando emprego estábel e ampliando as prazas MIR en base ás necesidades que o devandito estudo concluíra”.

Lonxe de facer isto, o PP opta por emendarse a si mesmo e introducir unha outra modificación na Lei de Saúde eximindo do requisito de nacionalidade “por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas”.

A CIG-Saúde entende que con esta matización o PP “está recoñecendo que o persoal actual do sistema sanitario público é insuficiente e que é necesario abordar esta situación”, di Abuín, quen engade que “desde a CIG-Saúde defendemos o dereito ao traballo de todas as persoas, independentemente de onde nazan, mais queremos denunciar a hipocrisía do PP porque non busca persoal en condicións dignas, senón institucionalizar esas formas de contratación precarias pensando que o persoal que vén de fóra da UE está máis en disposición de aceptalas. Un abuso en toda regra”.

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto