O próximo sábado día 7 de abril de 2018, CIG-SAÚDE vai celebrar o seu VII congreso na cidade de Pontevedra.
Cada 4 anos a CIG e as súas federacións convocamos os nosos congresos para analizar a nosa acción sindical de pasado e de futuro; para ver os nosos acertos e erros.
O congreso da CIG-SAÚDE ten como un dos seus obxectivos reforzar o noso compromiso coa defensa da sanidade pública, coa defensa dos dereitos das/os traballadoras/os, e co dereito a que todas as persoas reciban unha sanidade pública de calidade independentemente onde vivan.
Tamén analizamos a situación das/os traballadoras/es da sanidade privada. A CIG-SAÚDE defende un modelo de sanidade pública, máis iso non é ningún impedimento para defender que as/os traballadoras/es da sanidade privada teñan unhas condicións laborais dignas, xa que conxuntamente as/os traballadoras/es da sanidade pública e privada formamos parte da clase traballadora cada día máis castigada polas políticas neoliberais.
Sen esquecernos, neste congreso, da defensa da investigación pública e da importancia do valor fundamental deste sector: o persoal investigador e todo o persoal que traballa neste sector, que é tan importante para a nosa saúde, e tan pouco recoñecido.
As políticas de xénero e muller forman parte importante do noso relatorio. A sanidade é un dos sectores máis feminizados onde as políticas de xénero son case invisibles.
Ao inicio do congreso recibiremos un saúdo do Secretario Comarcal de CIG-Saúde de Pontevedra, Xermán Rouco Llanderrozas, e o Alcalde da cidade Miguel Anxo Fernández. E no acto de clausura intervirá o Secretario Xeral da CIG Paulo Carril Vázquez, e o Secretario Comarcal Marcos Conde Farto.
Como nos congresos anteriores, este congreso servirá para conformar unha organización máis forte, máis unida e máis comprometida coas políticas sociais, e co dereito de todas/os a vivir nunha sociedade máis xusta e sen explotación.