Noticias Outras novas Mobilizacións A CIG suspende a folga xeral emprazando o novo goberno a responder as demandas da clase traballadora galega
 
 

A CIG suspende a folga xeral emprazando o novo goberno a responder as demandas da clase traballadora galega

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño “Pola recuperación dos dereitos XA”

A CIG acordou este luns, día 4 de xuño, tras reunir os seus organismos de dirección: Secretariado e Consello Confederal, suspender a folga e chamar para a data prevista, 19 de xuño, a unha xornada nacional de mobilización con manifestacións en todas as comarcas baixo o lema de “Pola recuperación dos dereitos XA”. A central sindical retomará a convocatoria nos próximos meses “se o novo goberno do PSOE e a correlación de forzas que o fixo posíbel non derroga e anula todas as reformas que rouban, saquean, explotan e empobrecen á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego”.

Así o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o secretario xeral, Paulo Carril, lembrando que a central sindical, cando convocou a folga xeral do 19 de xuño, concibiuna como a moción de censura -que outros non facían- da clase traballadora galega fronte á situación de emerxencia nacional, social, política e institucional, para conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados so pretexto da crise e demandar a fin dun goberno do PP que, en minoría parlamentar e cheo de corrupción actuaba con total impunidade.

 

O secretario xeral considerou que a caída do goberno do PP a consecuencia da moción de censura “é un primeiro paso que confirma a axeitada análise realizada pola CIG no momento da convocatoria” aínda que matizou que “somos conscientes, porén, de que o PSOE é responsábel e causante de moitas das reformas que padecemos, que xunto ás que aplicou o PP estes anos, lévanos á realidade de que ter un traballo ou unha pensión non nos permite vivir en condicións dignas”.

Por iso afirmou que “coa mesma responsabilidade coa que convocamos a folga xeral, hoxe acordamos suspendela uns meses, á espera de que se produza ese cambio nas políticas e se atenda a nosa táboa reivindicativa” e advertiu que “non imos esperar de brazos cruzados, senón que imos esixir coa mobilización os nosos dereitos, mesmo retomando a convocatoria de folga”.

Neste sentido acreditou en que “a mobilización e a loita da clase traballadora é a que pode conseguir vías alternativas que nos permitan vivir e traballar dignamente na nosa terra” e avanzou que a CIG condiciona a suspensión da folga “a que haxa unha recuperación real dos dereitos nos próximos meses".

Salientou que desde a CIG se apostou duro e con valentía por cambiar esta situación, “con toda a nosa capacidade de acción, pasando á ofensiva coa disposición de impedir que nos rouben tamén o dereito a loitar polas nosas condicións de vida e por un futuro digno” e considerou que “coa nosa loita temos contribuído á caída do goberno do PP, mentres que o resto dos sindicatos mantiñan unha actitude de conformismo e pasividade ou mesmo de colaboración, nalgúns casos, diante desta grave situación”.

 

Xornada nacional de mobilizacións

Por todo isto chamou á xornada nacional de mobilizacións para o vindeiro día 19 de xuño en todas as comarcas para exixir “un cambio inmediato de políticas” entre as que salientou a derrogación das reformas laborais “que nos empobrecen”; conseguir avances reais para as mulleres; defender as pensións públicas; rematar cos abusos da patronal; frear as políticas de recorte contra a xente desempregada; acabar coa privatización de servizos públicos; impedir o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais e conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

XORNADA NACIONAL DE MOBILIZACIÓNS - 19 DE XUÑO

A Coruña: Praza de Vigo, 20h

Cee: Praza 8 de marzo 20h

Ferrol: Praza de España, 20h

Santiago: Praza Roxa, 20h

Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h

Vilagarcía: Casa do Mar, 20h

A Estrada: Praza do Mercado, 20h

Vigo: A Doblada, 20h

Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h

Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h

Monforte: Praza de España, 20h

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h

A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

Ver nova completa en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto