Noticias Persoal Outras novas Folga nos PACs
 
 

Folga nos PACs

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

logo folga pacs

As Organizacións Sindicais CIG-Saúde, CCOO, UGT, SATSE, CSIF, CESM e OMEGA deciden convocar Folga Legal nos centros sanitarios do SERGAS, do ámbito da Atención Primaria, denominados PUNTOS DE ATENCIÓN CONTINUADA (PACs).
 
O ámbito da folga afectará a todo o persoal estatutario das categorías de Medicina de Familia e de Enfermaría, que presta os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada do SERGAS.
A FOLGA desenvolverase desde ás 15 horas dos días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro, rematando ás 08 horas do día seguinte; e desde as 08 horas dos días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro, rematando ás 08 horas do día seguinte.
Mediante a presente convocatoria de FOLGA, as Organizacións Sindicais convocantes queremos poñer de manifesto diante da Administración Sanitaria e da opinión pública a nosa preocupación pola situación que se está a vivir nos Puntos de Atención Continuada (PACs) e que está sendo obxecto de negociación nunha Comisión Técnica da Mesa Sectorial.
 
A convocatoria desa Comisión Técnica estivo precedida dunha recollida de sinaturas dun numero importante das e dos profesionais afectados, que reclamaban:
• Equipos completos médico/enfermeiro en tódolos PACs. A atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido; e a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala planificación por parte das EOXI.
• Respecto aos tempos de traballo do persoal conforme a directivas europeas, que están para garantir unha atención eficiente por persoal descansado en beneficio dos pacientes. Isto debe ser independente de ter un contrato fixo ou traballo fraccionado, o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos.
• Calquera avaliación de “derivación hospitalaria” debe ser eliminada das listas de obxectivos, xa que as derivacións non son opcionais, seguen criterios médicos. Os ADX deben adecuarse ao traballo no PAC.
• A existencia de criterios obxectivos para a dotación de persoal nos PACS en base á carga asistencial, dispersión, distribución etaria, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061 para garantir o dereito a asistencia.
• O pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade dende este momento e con carácter retroactivo dende o 2010.
• Que non se aumente a xornada laboral efectiva das 1451 horas actuais, calquera exceso de xornada debe ser voluntario, incentivado e por tramos; empeorar as condicións laborais aumentarán as fugas de persoal a outras áreas e servizos e empeorarán a asistencia.
• Computo axeitado de Incapacidades Temporais e permisos retribuídos.
• As asistencias a calquera reunión convocada dende as xerencias deben ser contabilizadas coma xornada laboral.
• As dietas dos domingos e festivos deben ser aboadas pola comida e pola cea.
• Elaboración dos calendarios de quendas dando prioridade ao persoal propio de PAC, ocupando o persoal voluntario os ocos.
• A dotación de Equipos de Protección Individual a todo o persoal que traballa nos PACs, inda que sexan persoal en formación ou ocasional. Debe existir un circuíto de limpeza que evite ter que levar a roupa a lavar ao domicilio persoal.
 
Despois de máis de 6 meses de reunións, na última, celebrada o 21 de setembro de 2018, o SERGAS perdeu unha oportunidade importante para clarificar aspectos que levan varios meses a ser debatidos sen chegar a ningún acordo, entre eles o xeito de computar a xornada ordinaria (obrigatoria) e a complementaria (voluntaria) e como afectan a ese cómputo os permisos e as situacións de IT do persoal.
As Organizacións Sindicais reclamamos que se mude o criterio de que “toda xornada traballada ten unha parte de ordinaria e outra de complementaria” e que se incorpore o que recolle a literalidade do acordado, separando a xornada ordinaria da complementaria e recoñecendo que a xornada complementaria é a realizada “por riba da acordada como ordinaria”.
A ordenación da xornada é fundamental para poder garantir a calidade asistencial nun dispositivo básico que ten que ofrecer atención continuada ás urxencias e emerxencias que se producen en calquera punto do noso territorio.
A irresponsabilidade da dirección do SERGAS, prolongando a solución deste conflito, non fai máis que poñer de manifesto a súa incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos.
As Organizacións Sindicais convocantes esiximos unha resposta inmediata ás reivindicacións que levan sobre a mesa máis de seis meses para poder poñer as bases que permitan garantir unha asistencia sanitaria de calidade.
sindicatos
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto