Noticias Persoal Outras novas A CIG traslada á Xunta a proposta de ampliación do permiso de paternidade até 22 semanas en aplicación do acordo a nivel do Estado.
 
 

A CIG traslada á Xunta a proposta de ampliación do permiso de paternidade até 22 semanas en aplicación do acordo a nivel do Estado.

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG área pública

A aplicación desta medida suporía a equiparación co permiso de maternidade e un impulso á corresponsabilidade nos coidados das nosas fillas e fillos.

A ampliación do permiso de paternidade até equiparalo no 2021 co permiso de maternidade é xa unha realidade que comezará a aplicarse en xaneiro do 2019 no ámbito da Administración Xeral do Estado tras un acordo entre o Ministerio de Política Territorial e Función Pública e as organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral, incluída a CIG.

No marco das negociacións para a modificación da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galiza, a CIG trasladou toda unha batería de medidas para mellorar as condicións de conciliación familiar de todo o persoal da Xunta, desde o docente ao sanitario pasando polo da administración xeral. Entres estas propostas estaba o incremento dos permisos de paternidade e maternidade até conseguir que cada un deles acade, con carácter intransferíbel, os 12 meses de duración.
 
Somos conscientes de que esta é unha medida que require de prazos para a súa consecución e xa nos últimos anos instamos á administración galega a dar pasos nesa dirección. Para o ano 2019 a Xunta xa avanzou a súa intención de incrementar o permiso de maternidade até as 22 semanas, mais deixou inicialmente sen tocar o incremento do permiso para a outra persoa proxenitora, á espera de como rematasen as negociacións abertas en Madrid.
 
Acordo en Madrid: 16 semanas de permiso de paternidade no 2021.
 
No ámbito do Estado asinouse un acordo o pasado 29 de outubro centrado no permiso de paternidade. Este acordo implica o incremento paulatino até acadar as 16 semanas no 2021, o que supón a mesma duración do permiso de maternidade, que nese ámbito non tivo melloras como aconteceu en Galiza nestes últimos anos, onde foi aumentando de 2 en 2 semanas até chegar ás 22 a partir de xaneiro de 2019.
 
Ese acordo foi subscrito por catro das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da AXE (Administración Xeral do Estado), entre as que se encontra a CIG, e estas son as novidades (actualmente o permiso de paternidade é de 5 semanas).
 
O criterio dun permiso intransferíbel vén sendo defendido desde hai anos pola CIG, como mellor camiño cara o fomento da corresponsabilidade no coidado das nosas crianzas entre ambas persoas proxenitoras. O feito de que a maior parte do permiso non vaia ser simultáneo incide precisamente nesta vía de romper con roles perpetuados polo patriarcado que son claramente discriminatorios coas mulleres.
Cadro paternidade
A CIG demanda un paso adiante da Xunta de Galiza, até acadar as 22 semanas no 2021 e pactar un plan plurianual de incrementos até acadar os 12 meses para cada permiso.
 
Tendo en conta o obxectivo final fixado pola CIG (12 meses intransferíbeis para cada permiso) e os propios pasos dados pola Xunta nestes últimos anos no aumento da duración do permiso de maternidade, a CIG trasladoulle a Función Pública que o incremento do permiso de paternidade para o persoal da Xunta se acompase co propio permiso de parto, elevando a un mínimo de 22 semanas o permiso de paternidade no 2021, e sempre adaptándose ás posíbeis ampliacións do permiso de maternidade.
 
A CIG trasladoulle a Función Pública a necesidade de acadar un pacto plurianual para aumentar ambos permisos e emprazou á Xunta a incorporar os cambios na Lei 2/2015 para conseguir a súa efectividade desde o 1 de xaneiro de 2019. Debido ao avanzado dos prazos de negociación da Lei sen que a administración galega atendera as demandas iniciais da CIG e tendo xa superado o trámite parlamentar , desde o sindicato instamos ao goberno galego a que, de non se poder incorporar na reforma da Lei, se arbitren as medidas legais necesarias para que todo o persoal da Xunta poida ver aumentado o permiso de paternidade no sentido das nosas demandas e do acordo no Estado xa a partir de xaneiro de 2019.
 
CIG ÁREA PÚBLICA
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto