Noticias Persoal Outras novas CIG-Saúde denuncia que a “soberbia” do PP e de Feijóo impide solucionar a problemática de Atención Primaria
 
 

CIG-Saúde denuncia que a “soberbia” do PP e de Feijóo impide solucionar a problemática de Atención Primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogo

Considera que "fixeron saltar polos aires" o acordo asinado o pasado 10 de abril.

Compostela, 11 de abril de 2019.-

O pasado luns asinábase o acordo de negociación de todos os temas que se viñan denunciando, desde hai anos, referidos o deterioro de Atención Primaria. Un acordo polo que o SERGAS se comprometía, a través da Directora de Recursos Humanos -designada por eles-, a negociar en dúas mesas as demandas presentadas polo comité de folga. "Transcorridas menos de 24 horas xa fixeron saltar todo polos aires", denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Abuín explica que tan só un día despois da sinatura deste acordo desde o Presidente da Xunta, até o Xerente do SERGAS, pasando polo portavoz de Sanidade no Parlamento e mesmo o propio conselleiro de Sanidade, en comparecencia parlamentaria, retiraron publicamente o apoio ao acordo asinado no ámbito de negociación. "O PP non só desautoriza así á Directora de Recursos Humanos, senón que constata a súa indecencia política e o escaso, por non dicir nulo valor dos seus compromisos, que xa non se sustentan sequera en campaña electoral", denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde.

María Xosé Abuín lembra as manifestacións públicas de uns e outros e denuncia que mesmo chegaran a cualificar a plataforma de Primaria como un "chiringuito"; que manifestaran que xa tiñan asinado todo cos Colexios Profesionais e outros colectivos; que o conselleiro chegara a afirmar que o modelo de Primaria do PP xa era un modelo de éxito que non precisaba máis orzamento e que só ía dedicar 17,3 millóns de euros en dous anos; que a solución pasaba por facer campañas de información á cidadanía e por aumentar máis tecnoloxía na Atención Primaria. "Isto quere dicir, nin máis nin menos, que o que pretenden é ampliar o negocio, que agora está nos hospitais, tamén á primaria, e que o único que farán, en todo caso, será redefinir algúns temas".

A secretaria Nacional de CIG-Saúde considera "inadmisible" que xa antes de iniciarse a negociación do estudo de necesidades de persoal na atención primaria, que é un dos compromiso recollidos na acta, xa o conselleiro adiante en sede parlamentaria que non teñen a máis mínima intención de dotar o servizo de máis medios humanos, nin materiais, nin máis orzamento. Nin sequera de dotar á Primaria de capacidade resolutiva ou a creación dunha Xerencia. "Antes de cuantificar as necesidades reais xa anuncian o ridículo orzamento que van investir, o que é a proba máis evidente de que a súa intención era e é non facer nada", denuncia Abuín.

Desde a CIG-Saúde "lamentamos o erro cometido ao confiar en que a consellaría de Sanidade e Feijóo ían cumprir o que a Directora de Recursos Humanos, que adoita respectar os compromisos que adquire e que dela dependen, nos estaba a transmitir. Estaba sendo utilizada e eles non tiveron sequera a decencia de asistir a ningunha reunión coa Plataforma".

A CIG-Saúde lamenta, xa que logo, ter desconvocado a folga e terlle dado ese voto de confianza ao goberno do PP, que "sabemos que non é digno de tal", afirma Abuín, quen anuncia que "imos convocar unha reunión da plataforma en breve para propor retomar a folga no mes de maio se o día 26 o SERGAS non trae á mesa sectorial as propostas para desenvolver os acordos acadados o 10 de abril. Estamos dispostas a incrementar a mobilización a todos os niveis".

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto