Noticias Sanidade Pública Outras novas O SERGAS ten secuestrado o traballo dos 250 expertos dos grupos de traballo de atención primaria
 
 

O SERGAS ten secuestrado o traballo dos 250 expertos dos grupos de traballo de atención primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

CIG-Saúde exixe a súa inmediata remisión ás organizacións integrantes do Consello Técnico

A CIG-SAÚDE vén de demandar que, de inmediato, o SERGAS envíe a todas as organizacións que integran o Consello Técnico de Atención Primaria, as conclusións dos grupos de traballo, compostos por 250 profesionais da atención primaria, que levan debatendo en distintas  comisións desde o ano  2019 a situación.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembra que tras da convocatoria de  folga do 8 de abril de 2019, creouse o Consello Técnico de Atención Primaria. “Deste Consello naceron 15 comisións de traballo, nas que de forma altruísta, e  motivadas/os  pola defensa da Atención Primaria Galega, 250 profesionais da sanidade pública traballan en distintas comisións para analizar e presentar propostas de mellora de cara a deseñar un Plan de Atención Primaria que dea respostas ás necesidades asistenciais e laborais. É dicir para que, desde a atención primaria, se dea unha resposta asistencial axeitada as necesidade da poboación e baseada na evidencia científica”.

 A derradeira reunión do Consello Técnico de Atención primaria, celebrouse o día 12 de decembro de 2019, e desde aquela data non se volveu recibir ningunha documentación das comisións de traballo.

Para Abuín “é lamentable, que o SERGAS se apresurase a publicar as conclusións do grupo de traballo dos 11 expertos que eles contrataron, mentres ten secuestrado o traballo das comisións de expertos da Atención Primaria Galega”.

Por iso a CIG-Saúde exixe do SERGAS que publique de inmediato as conclusións de traballo dos grupos de: matronas;  fisioterapeutas; enfermaría; medicas e médicos de familia; coordinación entre niveis de atención primaria e hospital; farmacéuticas e farmacéuticos; promoción, prevención e intervención comunitaria e análises demográfico, entre outros.

Silenciar a voz das e dos profesionais

“Se o SERGAS intenta  silenciar a voz das/os profesionais, non publicando as conclusións destas/es expertos, o que está a pór de manifesto é que nunca tivo interese en facer un Plan  de Atención Primaria en consenso cos profesionais”, denuncia a secretaria nacional.

CIG- SAÚDE reitera a súa petición de que se publiquen de inmediato as conclusións dos grupos de expertos,  e que se convoque unha reunión do Consello Técnico de Atención Primaria para analizar as proposta e por prazos de execución das mesmas.

Lémbralle ao SERGAS que o que se disolveu foi o Parlamento, mais que a Administración ten que seguir funcionando e “non pode estar ao servizo dos interese políticos do partido do goberno”.

Nese sentido María Xosé Abuín conclúe que “a sanidade galega, a atención primaria e a poboación non poden seguir soportando a neglixencia do SERGAS”.

CIG informa pdf

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto