Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A administración galega en estado de sitio
 
 

A administración galega en estado de sitio

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A ADMINISTRACIÓN GALEGA EN ESTADO DE SITIO


O anteproxecto de Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e o Sector Público Autonómico de Galiza consagra os chiringuitos, incrementa o número de altos cargos, substitúe direccións xerais por axencias, confirma as contratacións de persoal por parte desas entidades e permite retribucións dos seus cargos por riba das do Presidente da Xunta.


1. CRECEMENTO DESMESURADO DO NÚMERO DE ALTOS CARGOS
Esta lei establece un aumento considerable do número de órganos superiores e directivos da Xunta de Galiza. Crea novos órganos e da cobertura legal a outros xa existentes.

 

· O antigo Secretario Xeral recupera a denominación de Secretario Xeral Técnico.
· Aparece un novo tipo de Secretario Xeral que se configura como Viceconselleiro ou como figura homóloga dos Secretarios de Estado do goberno español. Na práctica xa se viña utilizando esta figura.
· Dan carta de natureza a unha nova figura, o Vicesecretario Xeral, que na práctica xa introduciu Feijoo en todas as consellarías.

 

Así, a estructura de órganos superiores e directivos da Xunta, excluíndo aos conselleiros, quedaría do seguinte xeito:

 

cadro

 

Todos estes cargos crearanse segundo o principio de discrecionalidade do goberno, o cal vai xerar unha hipertrofia da estructura superior da Xunta de Galiza. Os Secretarios Xerais, como viceconselleiros de facto vanse ocupar de áreas funcionais da Administración e polo tanto poderá haber máis de un por consellaría.

2. EXTENSIÓN DA DISCRECIONALIDADE NOS NOMEAMENTOS ATA AS XEFATURAS DE SERVIZO
Con este anteproxecto pérdese a oportunidade de definir as xefaturas de servizo como postos de traballo. Se ben as xefaturas de servizo non teñen rango de órgano directivo, esta lei mantén a situación actual de equiparalas ás subdireccións xerais no tocante á súa creación.
O resto de unidades administrativas se crearán a través de RPT, excepto as xefaturas de servizo e as subdireccións xerais. As xefaturas de servizo son tratados por tanto como órganos e non como postos, o cal pode levar a restituír o criterio de libre designación para o seu nomeamento, como puidemos comprobar recentemente coa resistencia da Administración a sacalos a concurso de traslados e a modificar o tipo de cobertura nas RPT.


3. XEFES TERRITORIAIS = DELEGADOS PROVINCIAIS VERGONZANTES
Este texto fosiliza a aberración nacida dos decretos de estrutura. Os antigos delegados provinciais son camuflados baixo o nome de xefes territoriais. Con nivel de xefe de servizo e retribucións de subdirector xeral (3.000 € anuais a maiores concedidos en plena crise) seguimos sen saber o rango equiparable dos substitutos dos antigos delegados provinciais.


4. BLINDAXE SALARIAL DOS CARGOS DOS CHIRINGUITOS: PERSOAL DIRECTIVO E DE ALTA DIRECCIÓN
A consideración deste persoal como persoal directivo e persoal de alta dirección xunto coa liberdade de fixar as súas retribucións da como resultado que as súas condicións salariais non poidan ser obxecto de negociación colectiva nin de control por parte dos representantes dos traballadores e que escapen ás limitacións da lei de Orzamentos Xerais de Galiza.


5. AUMENTO DAS RETRIBUCIÓNS DO PERSOAL DE ALTA DIRECCIÓN DOS CHIRINGUITOS
O persoal de alta dirección dos chiringuitos poderá cobrar máis que Feijoo. O anteproxecto da LOFAXGA contempla no seu artigo 57.2 a posibilidade de que as retribucións deste persoal superen as do presidente da Xunta.

6. A PORTA DE ATRÁS: CONTRATACIÓN DE PERSOAL POR PARTE DOS CHIRINGUITOS, CREACIÓN DE LISTAS DE SUBSTITUCIÓNS PARALELAS
O anteproxecto reserva para os órganos de goberno e dirección a aprobación de cadros de persoal e RPT’s. O artigo 55.2 di que a contratación será decidida polo órgano do chiringuito que sinale a súa normativa específica e os seus estatutos. Aparte dos arquicoñecidos principios de igualdade, mérito e capacidade, non se articula ningún sistema de garantías para darlle cumprimento. O seu persoal será seleccionado por unha comisión propia. Respecto ao persoal temporal, os chiringuitos poderán contratar e establecerán e contarán cun sistema de listas de substitución, sen que a LOFAXGA fixe ningún tipo de criterio. Este anteproxecto abre a porta á precarización do emprego público, tanto pola institucionalizacion expresa da temporalidade laboral, como pola desregulación dos sistemas de acceso e dos órganos convocantes, como pola substitución de emprego público na Administración por emprego nos chiringuitos.


7. VETO AO CONTROL POR PARTE DOS REPRESENTANTES DOS TRABALLADORES
En ningunha parte do articulado do anteproxecto se define ningún órgano de control no que participen os traballadores ou os seus representantes.
Nin para dar cabida á negociación colectiva nin para dar cumprimento ao mandato do EBEP de participación institucional.
En relación ao procedemento de elaboración de disposicións normativas de carácter xeral que afecten á estructura orgánica da Xunta, métodos de traballo, procedementos administrativos e burocráticos ou réxime de persoal da Administración xeral ou do sector público, a LOFAXGA enmudece en canto á participación dos traballadores e dos seus representantes e non recoñece de forma explícita o dereito a participar.


8. BARRA LIBRE: LAXITUDE NORMATIVA PARA A CREACIÓN DE CHIRINGUITOS
Ata o presente existía un feble sistema condicional que establecía unha serie esixencias á hora de crear chiringuitos. Era un trámite formal que revestía a forma de control xurídico sobre o acto de creación O anteproxecto remata con isto derrogando o sistema normativo tecido ao redor do parto dos chiringuitos.
O anteproxecto esixe simplemente:
· que se xustifique o tipo de organismo que se crea.
· obxecto e fins e o réxime xurídico xeral.
Este anteproxecto derroga a disposición adicional V da Lei de Orzamentos para o ano 2008 que establecía que ademais do anterior os proxectos normativos para a creación de chiringuitos establecerán:
· réxime que lles afecta en materia de persoal, patrimonio e contratación.
· a natureza dos recursos económicos con que se dotan.
· irán acompañados dunha proposta de estatutos.
· memoria xustificativa sobre la oportunidade da súa creación coas vantaxes sobre a situación anterior.
Tamén derroga os artigos da lei de Patrimonio da Comunidade e da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario que regulaban limitaban a creación e actividade destes
chiringuitos.
A LOFAXGA desartella este sistema e vai máis aló incluso ao crear nesa mesma norma tres macrochiringuitos sen necesidade dunha lei específica de autorización.


9. OKUPAS NA XUNTA: ASUNCIÓN DE ÁREAS ENTEIRAS DA ADMINISTRACIÓN POR PARTE DOS CHIRINGUITOS
A recreación no estabelecemento da institución da encomenda de xestión intersubxectiva combinada coa consideración de “medios propios” por parte da Xunta, de todos os chiringuitos (aos que se lles obrigará a modificar os seus estatutos para ter tal consideración), vai producir por necesidade un desaloxo e desmantelamento de órganos directivos da Xunta na súa totalidade para ser ocupado ese espacio polos chiringuitos.


10. TRES NOVOS MACROCHIRINGUITOS
O anteproxecto de LOFAXGA crea 3 novos macrochiringuitos que se apropian de competencias de direccións xerais enteiras facéndoas desaparecer.
Desaparecen por tanto, órganos directivos da Xunta para ocupar o seu lugar estes macrochiringuitos.
· Axencia Galega de Innovación
No anteproxecto gardado agora nun caixón, de lei de autorización desta axencia se prevía a desaparición da dirección xeral de I+D+i.
· Axencia para a Modernización e Innovación Tecnolóxica de Galicia
Asume a estructura, medios e competencias da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se extinguirá.
· Axencia Galega de Infraestruturas
Asumirá as competencias que na actualidade están atribuídas á Dirección Xeral de Infraestruturas e aos Servizos de Infraestruturas dos departamentos territoriais, así como as asignadas á sociedade pública ACEOUSA.
A LOFAXGA abre a porta á SUBSTITUCIÓN DE DIRECCIÓNS XERAIS POR AXENCIAS.


11. MANTEMENTO E CONVERSIÓN DOS OUTROS CHIRINGUITOS
Lonxe das proclamas cínicas do conselleiro Rueda sobre a desaparición dos chiringuitos, a LOFAXGA consolida un sistema onde a Administración se vai ver rodeada e sitiada por enxendros desta natureza. A desaparición de dúas direccións xerais e unha secretaría xeral por tres macrochiringuitos é o primeiro paso.
Xunto con isto, a LOFAXGA confirma e mantén o resto de entidades da Administración paralela, dotándoas de liberdade de contratación, protexéndoas a nivel patrimonial, dando opacidade á súa xestión e control, e elevándoas de rango ata o nivel de órganos superiores da Xunta.
Para iso van cambiar os Estatutos das seguintes entidades:
Converten en organismo autónomo:
· APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística)
Converten en axencias de novo cuño:
· IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica)
· INEGA (Instituto Enerxético de Galicia)
· AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural)
· INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño)
· INGACAL (Instituto Galego de Calidade Alimentaria)
· CIXTEC (Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable)
· AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias)
Converten en entidades públicas empresariais:
· Portos de Galiza
· Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos
· Compañía Radiotelevisión de Galicia

PERVERSIÓN DO SISTEMA
Que tipo e que modelo de Administración Pública deseña a LOFAXGA? Esta é a pregunta fundamental que hai que responder.
A LOFAXGA deseña unha Administración Pública sen Administración Pública. A fuxida do Dereito Público é o principio rector desta lei, que traza as liñas básicas para que isto suceda, para que as decisións administrativas se tomen fora do ámbito político e do administrativo, para que a execución, implementación e posta en marcha de políticas públicas se faga dende fora da Administración e dos ámbitos de decisión públicos.
Fomenta un sistema perverso en que a Administración vai quedar reducida á súa mínima expresión rodeada dun cinto de entidades sen control que van ir penetrando pouco a pouco na Administración.
Unha Administración na que as direccións xerais e os órganos directivos van ser substituídos por axencias e organismos autónomos. O persoal funcionario e laboral da
Xunta está en perigo de extinción, se atomizarán os sistemas de acceso, os vínculos xurídicos e os convenios. Camiñamos cara a unha Función Pública sen funcionarios.
A falla de control sobre estas entidades, a opacidade nas contratacións, a asignación de recursos públicos sen mesura, a apropiación da xestión de grandes áreas funcionais, só pode configurar un escenario previsto dende hai moito tempo: A PRIVATIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto