Noticias Outras novas Mobilizacións CIG denuncia no Día Internacional para a eliminación da violencia machista
 
 

CIG denuncia no Día Internacional para a eliminación da violencia machista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Artigo extraido de Avantar.

A secretaría da Muller da CIG denuncia o desmantelamento, por parte da Xunta de Galiza, das políticas de Igualdade

Considera que utiliza a crise económica como xustificación para recortar os orzamentos na materia, en concreto nun 17,8%, nos destinados a violencia de xénero.

A secretaría da muller da CIG vén de presentar a campaña que está a desenvolver con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Campaña que, nesta ocasión, leva o lema “Dez pasos para facermos fronte á violencia sexista”. Margarida Corral, secretaria confederal de Muller e Mocidade denunciou ademais que “gobernos de distinta índole toman como escusa a crise económica para desmantelar sen ningún pudor as políticas de igualdade que tantos séculos custou acadar”.

Alén de lembrar que nesta data se conmemora, desde o ano 1960, ás “bolboretas inesquecíbeis”, tres irmás violentamente asasinadas na República Dominicana polo seu activismo político como militantes opositoras da ditadura de Trujillo, salientou que, precisamente polas súas orixes non se pode cinguir exclusivamente o 25 de novembro á violencia a cargo da parella, das agresións sexuais e físicas as mans de familiares e viciños, senón tamén á violencia no traballo ás graves cifras de vítimas da violencia entre a parella.

 

Neste sentido lembrou os últimos datos da EPA, segundo os cales a taxa de paro masculina do terceiro trimestre en Galiza é do 14% mentres ca a das mulleres é do 15,88%, ou que a porcentaxe de paro total nos últimos tres meses do ano en Galiza, segue a manterse porcentualmente un maior nº de mulleres paradas que de homes (preto do 54,5% de media). “Desigualdades que se acentúan aínda máis no caso das mulleres e persoas inmigrantes, e moito maior se se conxuga o feito de ser muller e inmigrante”.

Por iso reiterou o compromiso da CIG, nesta data, na loita contra a violencia de xénero en todos os ámbitos, “visibilizando a achega invisíbel do traballo reprodutivo e produtivo das mulleres, sustento en gran medida do sistema de benestar, que periga por mor dos recortes orzamentarios derivados das medidas neoliberais levadas a cabo polo sistema capitalista”.

 

Desmantelamento das políticas de igualdade

A secretaria confederal de Muller denunciou as medidas que desde que chegou o PP ao poder se veñen poñendo en marcha e que conlevan “o desmantelamento das políticas de igualdade”. Así fixo referencia á supresión do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, amparándose en motivos económicos; a deliverada política de desmantelamento dos servizos sociais públicos, comezando pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas I+B; a cancelación da posta en marcha do servizo "kanguros" e a disolución final do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pasando pola eliminación dos Centros Quérote (de asesoramento afectivo sexual á mocidade), o Servizo do Noitebús para a mocidade do rural, a recente eliminación do II Plan Galego de Inclusión Social, ou no seu día a paralización do programa ENTENDO, que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ás lésbicas, gais, bisexuais e transexuais.

Fronte a iso, denunciou a aprobación da ILP pola que se establece e regula unha rede de apoio a mulleres embarazas, afirmando que “o goberno de Feijoo financiou con cartos públicos a asociacións ultracatólicas para que exerzan presión e disuadan ás mulleres do seu dereito a abortar libremente, no marco dunha campaña de boicot que a Xunta de Galiza está a realizar na aplicación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo (Lei do aborto), como xa fixo o pasado ano cando se opuxo á dispensación da pílula postcoital sen receita”.

 

Orzamentos: o 17,8% menos para apoio as mulleres que sofren violencia de xénero

Sobre os orzamentos da Xunta de Galiza, asegurou que “non só non apostan por intentar saír da situación económica na que nos atopamos, senón que emprega a situación de crise para xustificar políticas que noutra situación o PP na Xunta non se atrevería a implantar” e amosou a súa indignación e a da central sindical, pola gravidade da incidencia que ten sobre a calidade de vida das mulleres “o forte recorte que sofre o programa de apoio as mulleres que padecen violencia de xénero”, que pasa de 3,3 a 2,8 millóns, un 17,8% menos.

Xunto a iso denunciou o descenso nun 3,8% do orzamento destinado ao programa de acción social e promoción social salientando, dentro deste, a diminución que afecta do 311A, dirección e servizos sociais de promoción social, que pasa de 218,1 a 133,11 millóns e en todo o relacionado co fomento da igualdade. “Despois dun recorte superior o 80% no orzamento do ano 2010, novamente se reducen algunhas partidas neste novo exercicio; concretamente o programa de accións para a igualdade protección e promoción da muller redúcese desde os 8,3 millón no ano 2010 a 6,7 no 2011. A este programa asignáranse 32 millóns no ano 2009”.

O programa de apoio a conciliación a vida laboral e persoal, ten presupostado 1 millón de euros, 0,9 millóns foi o destinado nos orzamentos do ano 2010 e “lonxe quedan os 5 millóns que se destinaron no ano 2009”.

Ante este panorama concluíu que “quen vai soportar os axustes orzamentarios van ser, novamente, todos os programas relacionados co emprego, a muller e os relativos ás migracións, os grupos máis necesitados”.

 

Decálogo da CIG

Respecto da campaña da CIG, que se desenvolve baixo o lema 10 pasos para facermos fronte á violencia sexista, resumiuno na “denuncia pública das distintas discriminacións que seguimos a sufrir as mulleres en todos os ámbitos, visibilizando a achega invisíbel do traballo reprodutivo e produtivo das mulleres, sustento en gran medida do sistema de benestar, que periga por mor dos recortes orzamentarios derivados das medidas neoliberais levadas a cabo polo sistema capitalista; dando a coñecer os dereitos laborais e sociais das vítimas da violencia sexista; demandando a aplicación de planes de igualdade e protocolos de acoso efectivos nos lugares de traballo; a necesidade de garantir unha rede pública de servizos sociais integrais, sanitarios e educativos; reivindicando a aplicación dun modelo coeducativo en todas as etapas; esixindo que se garanta o dereito á sexualidade e a interromper o embarazo na rede pública de saúde; a aposta polo impulso da corresponsabilidade nas tarefas do coidado e no fogar para garantir a conciliación; recoñecendo e garantindo os dereitos das mulleres inmigrantes; visualizando a problemática específica en materia de saúde laboral das mulleres”.

 

Concentracións

A CIG convocará concentracións nas distintas comarcas sinalando as xa confirmadas en:

- A Coruña, ás 11:30 horas diante do Edificio da Xunta, en Monelos,facendo unha denuncia expresa da continua situación de violencia contra as mulleres, e dos recortes que, tanto nesta materia, como en xeral, con todo aquilo que ten que ver coas políticas de igualdade, conciliación e cos servizos sociais públicos por parte do goberno da Xunta.

- Ferrol, ás 12.30 horas diante da Residencia Hospitalaria Arquitecto Marcide, como denuncia da eliminación das listas de substitución do SERGAS por parte dunha traballadora que estaba embarazada a pesares de ser a seguinte persoa na lista para ocupar esa vacante. Ela non comunicara en ningún momento de maneira formal o seu embarazo, aínda que si o sabían. Non foi informada dos trámites relacionados co procedemento de adaptación ou cambio de posto, nin valorada pola unidade de prevención de riscos laborais, directamente saltárona da lista.

- Lugo, ás 11:30 horas diante do Supermercado Día ubicado na Avenida da Coruña, nº 66, en repulsa polos preto de 12 despedimentos a mulleres no que vai de ano.

- Ourense, ás 12:00 horas, diante do edificio sindical, no parque de San Lázaro, como denuncia da violencia sexista, alén da sistemática merma das políticas relacionadas coa igualdade por parte dos distintos gobernos, amparándose na actual situación de crise.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto