Noticias Outras novas Outras novas O SERGAS debe introducir transparencia na xestión das "peonadas".
 
 

O SERGAS debe introducir transparencia na xestión das "peonadas".

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Agrupación Médica de CIG (AgM-CIG), diante da actual polémica establecida no Parlamento Galego e nos medios de comunicación sobre a actitude dos/as médicos/as  diante dos incentivos á alta médica nas consultas en réxime de autoconcertación (“peonadas”) realizadas fora do horario laboral de mañá nos hospitais, quere expresar publicamente a súa posición:

 

1. Os/as médicos/as estamos fartos/as de que se sementen dúbidas públicas sobre a ética das nosas decisións profesionais e as súas repercusións sobre os pacientes: a nosa ética profesional oponse frontalmente a dar altas inxustificadas de pacientes por motivos económicos.

2. A Consellería de Sanidade ten que abandonar o actual escurantismo que arrodea todo o relacionado coa xestión da autoconcertación: o SERGAS ten que facer público, de contado, o documento de instrucións que regula a organización das “peonadas” realizadas en xornada extraordinaria de tarde nos hospitais, así como as retribucións do persoal que traballa en réxime de autoconcertación.. Ese documento existe e, até agora, o SERGAS ven negándose a entregarllo aos representantes dos traballadores: o xerente de Burela tíñao na man cando falou o 25/11/2010 cos sindicatos, mais negouse a entregarlles unha copia.

3. A Consellería de Sanidade ten que elaborar, e consensuar cos sindicatos, un Plan de Organización da Actividade de Tarde dos Hospitais. As elevadas listas de espera e  a infrautilización de moitas infraestruturas hospitalarias, así o esixen. O SERGAS debe retomar as negociacións que, sobre este tema, iniciara a anterior administración sanitaria cos sindicatos, e que a actual administración sanitaria interrompeu.

4. As Consultas de Alta Resolución, ben usadas, poden ser un instrumento útil para racionalizar a atención sanitaria e reducir as molestias e desprazamentos innecesarios  dos pacientes. Sen embargo, para que isto sexa así é necesario definir ben, e dun xeito transparente, que se entende por Consultas de Alta Resolución, cousa que non semella que teña realizado o SERGAS.

5. As estratexias de incentivación que o SERGAS está usando na actualidade nas peonadas de consultas, polo pouco que coñecemos delas dado que o seu contido concreto non é público, non semellan ser as máis adecuadas. Desde a AgM-CIG instamos ao SERGAS a conseguir que os incentivos económicos que oferte aos profesionais teñan unhas características que aseguren que van promover actitudes que vaian sempre en beneficio do paciente. Non semella que vaia nese sentido, de ser certa, a actual proposta do SERGAS de pagar 35€ por unha consulta de peonadas que vai ligada a un alta, e de pagar 20€ cando esa circunstancia non se dá; trátase dunha proposta que cheira demasiado a que o que busca sobre todo é reducir artificialmente as listas de espera.

 

Francisco L. Vázquez Vizoso
Portavoz da Agrupación Médica de CIG-Saúde (AgM-CIG)

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto