Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria O PP impón os orzamentos máis restritivos e antisociais dos aprobados en Galiza
 
 

O PP impón os orzamentos máis restritivos e antisociais dos aprobados en Galiza

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Artigo extraido de Avantar.

 

Delegados/as da área pública da CIG concentráronse diante do Parlamento para manifestar a súa oposición a uns orzamentos que favorecen a privatización, precarización e perda de calidade dos servizos públicos.

dscn1099
A CIG saíu novamente á rúa para manifestar a súa oposición aos orzamentos que o PP vén de aprobar no Parlamento. Delegados e delegadas das federacións da área pública da central sindical concentráronse, durante o seu debate e votación no Hórreo, para denunciar que se trata dos orzamentos máis restritivos e antisociais que se teñen aprobado en Galiza. Suso Seixo denunciaba, no decurso da mobilización, que a redución dos investimentos nos sectores produtivos povocará un incremento, aínda maior, do desemprego e que a drástica caída das partidas destinadas aos servizos públicos ten como obxectivo favorecer a súa progresiva privatización.

No caso do Ensino, recórtanse nun 6,77% respecto 2010, cando xa decreceran neste ano nuns 6 millóns de euros. “Un recorte sen precedentes a un servizo básico fundamental como é o ensino, cunha clara intencionalidade: favorecer a privatización da educación, desviando un 11% dos orzamentos ao ensino privado concertado”, denunciaba o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen engadía que “só garanten a escolarización nos tramos obrigatorios mais non unha atención educativa indispensábel para garantir a calidade necesaria”.

Fronte a isto, o secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que se transfire a “escandalosa” cantidade de máis de 250 millóns de euros ao ensino privado concertado, o que supón máis do 11% dos orzamentos totais da consellaría. “Niveis non obrigatorios como Educación Infantil están subvencionados con 38 millóns de euros e niveis postobrigatorios como a FP con 13 millóns de euros. Mentres, numeroso alumnado de FP non puido estudar este curso por falta de prazas”, dixo.

Ademais, CIG-Ensino considera que estes orzamentos “desprezan o profesorado”, ao reducirse o seu salario nun 7,1% e ao reducir a oferta de emprego a unha taxa de reposición do 10%.

 

No mesmo sentido, CIG-Saúde ve con preocupación que os orzamentos inclúan os servizos sanitarios  na taxa de reposición, co déficit actual de persoal que está a dificultar a prestación dunha sanidade pública e de calidade, e que se decrete que, durante o ano 2011, non se procederá á contratación de persoal temporal, nin ao nomeamento de persoal estatutario, agás en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazábeis.

“Pode ser que esta medida sexa tamén intencionada, dando paso á iniciativa privada no sector sanitario”, advertiu a secretaria nacional de CIG-Saúde María Xosé Abuín quen lembrou que no resto da administración isto deu paso á creación máis numerosa da administración paralela. “Os servizos reducíronse e a súa prestación foi mediante a externalización dos mesmos, utilizando as fórmulas de mercado: asistencias técnicas, contratos de servizos determinados. Para as fórmulas privadas non hai ningunha taxa de reposición. Non é unha preocupación dos gobernos que a administración pública medre por esta vía”.

 

Pola súa banda María Carme López Santamariña resumía as razóns polas que a CIG se opón ás contas que veñen de aprobarse no Parlamento asegurando que son “os orzamentos máis antisociais dos últimos anos, con enormes recortes nos servizos públicos: atención sanitarias, servizos sociais, ensino e todo aquilo que ten que ver cos servizos que debería prestar a administración pública aos colectivos máis desfavorecidos nun momento de grave crise como o actual”.

Neste senso, apunta que as contas da Xunta resultan especialmente restritivas dentro do apartado destinado á área pública e supoñen “un ataque brutal” contra as traballadoras e traballadores públicos, posto que se consolida e afonda na rebaixa salarial executada xa no 2010 (para o 2011 prevese un recorte do 7,1% e unha redución de máis do 30% nas pagas extraordinarias), conxélase a oferta de emprego público e a taxa de reposición limítase ao 10%, incluíndo por primeira vez á Sanidade e o Ensino.

“Isto vén significar a destrución de empregos públicos e polo tanto de servizos, que xa neste ano 2010 están desaparecendo, aproveitándose  o goberno galego do PP das directrices que o goberno do PSOE está marcando dende Madrid”, sinala López Santamariña. Ao mesmo tempo advertiu que a CIG non está disposta a ser cómplice “dunha política económica e laboral encamiñada a deteriorar os servizos públicos mediante a súa progresiva redución e privatización, desmantelando e aniquilando servizos, e reducindo os seus cadros de persoal”.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto