Noticias Outras novas Outras novas 27 de xaneiro: FOLGA XERAL!
 
 

27 de xaneiro: FOLGA XERAL!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG convoca folga xeral o 27 de xaneiro contra “as políticas que imporán un retroceso social e laboral de 60 anos”

A central anima a CCOO e UGT a sumarse á convocatoria contra unha reforma das pensións que só beneficiará ao capital financeiro

A Confederación Intersindical Galega ten convocada unha nova folga xeral para o vindeiro 27 de xaneiro en contra das políticas “anticrise” adoptadas polos gobernos, nomeadamente a pretensión de reformar o sistema público de pensións, que o Secretario Xeral cualificou como “o maior ataque aos dereitos da clase traballadora dende o franquismo”. A central anima a CCOO e a UGT a sumarse á convocatoria, que coincide no tempo co paro xeral anunciado polos sindicatos vascos, e adiantou que está disposta a flexibilizar a data de cara a consensuar un día común, co obxecto de fortalecer a resposta social. En todo caso, a convocatoria de folga xeral realizarase antes do 28 de xaneiro, xornada marcada polo goberno español para sacar adiante a súa proposta de reforma das pensións.

   

 

 

Ao mesmo tempo que a Comisión do Pacto de Toledo ultimaba o seu informe, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, acompañado do Secretario de Comunicación e Propaganda, Francisco Miranda Vigo, comparecían en rolda de prensa para anunciar a decisión do Secretariado Confederal da CIG de promover a convocatoria dunha nova folga xeral o vindeiro 27 de xaneiro, na véspera da data límite marcada polo goberno español para sacar adiante a súa proposta de reforma do sistema de pensións.

 

Seixo advertiu da necesidade de dar unha resposta contundente ás políticas económicas e laborais que os gobernos viñeron adoptando até o momento, porque “todos os avances que se tiñan conseguido cara un sistema de protección social estábel e seguro estanse destruíndo. Tanto as reformas xa efectuadas, como agora a das pensión ou a que se nos anuncia da negociación colectiva déixanos nunha situación social e laboral de hai 60 anos”, advertiu.  “Estamos ante un cúmulo de despropósitos que require dunha contestación inmediata”.

 

Redución das contías das pensións

O Secretario Xeral da CIG foi moi crítico á hora de avaliar as propostas de atrasar a idade de xubilación até os 67 anos e  incrementar os anos para calcular a base reguladora, medidas destinadas á dificultar o acceso ás pensións e rebaixar as contías das mesmas. Sobre este punto, explicou que, na práctica, subir de 15 a 20 anos o tempo para a base reguladora suporá unha perda do 6% nas pensións futuras. Se o cálculo se realiza en 25 anos,  provocarase unha caída das contías das pensións do 10%, e se finalmente se ten en conta toda a vida laboral, tal e como veñen reclamando a CEOE ou o FMI, a perda ascende até o 20% da prestación percibida.

A maiores tamén se fala da necesidade de mudar o sistema de revisión das pensións en función do IPC real, co obxectivo de reducir por esa vía o poder adquisitivo das pensións.

 

As recomendacións da Comisión do Pacto de Toledo

En canto ao atraso da idade de xubilación, Xesús Seixo referiuse á xuntanza que a Comisión do Pacto de Toledo estaba mantendo á mesma hora que a central comparecía en rolda de prensa, advertindo das preocupantes “recomendacións” contidas no seu informe.

Aínda que o documento non recolle expresamente a suxestión de elevar a 67 anos a idade de xubilación, insta a tentar igual a idade real de xubilación, situada arredor dos 63 anos, coa idade legal, os 65. Isto suporá a adopción de políticas destinadas a dificultar as xubilacións anticipadas, voluntarias ou mesmo as xubilacións parciais con contrato relevo; unha vía escollida por  moitas empresas para rexuvenecer os seus cadros de persoal.

Ademais, o goberno fala ás claras de primar o atraso da idade de xubilación con fondos públicos, favorecendo así as uns sectores que non sofren o desgaste físico e psíquico que padecen outras profesións.

Neste punto, o Secretario Xeral da CIG, manifestou as contradicións nas que cae a propia patronal  ao demandar o atraso da idade de xubilación até os 70 anos, cando son as empresas as que dificultan o acceso ao mundo laboral aos traballadores e traballadoras maiores de 50 anos e despiden, en primeiro lugar, aos obreiros/as máis antigos.

 

Os falsos argumentos para xustificar a reforma das pensións

Se ningunha das reformas que o goberno veu aprobando até agora está xustificada, a modificación das pensións só obedece a unha estratexia para facilitar liquidez e recursos á banca. Por iso, Seixo, afirmou que “se Zapatero e o seu goberno fosen minimamente honrados o que deberían facer é dimitir e pasar a cobrar a súa nómina do BBVA ou o Banco Santader, xa que traballan para a banca e non para a maioría da sociedade”.

Para xustificar esta reforma, aclarou, estanse recorrendo a informes de “expertos” que teñen situado a quebra do sistema público de pensións no horizonte do ano 2040, estudos de dubidosa rigorosidade cando previamente vaticinaron esta quebra no 2005, 2010, etc.. Utilízanse, así mesmo, argumentos falsos que pretenden vincular a viabilidade do sistema á evolución demográfica, é dicir, ao avellentamento da poboación. “O futuro das pensións tense que vincular ao número de activos, que son quen pagan as pensións dos pasivos, e á propia calidade dos salarios”, aseverou Seixo.  “Polo tanto, aplicando políticas de fomento do emprego e de salarios dignos, están máis que garantidos os ingresos á seguridade social”.

Fronte a estes argumentos catastrofistas, Seixo lembrou que o superávit da Seguridade Social está por enriba dos 60.000 millóns de euros, e que no terceiro trimestre de 2010, cunha taxa de paro do 20%, o sistema rexistraba un superávit de 11.000 millóns de euros. “Haberá que preguntarlle a estes expertos que previsións teñen de desempregados/as para o 2040 para crer que vai ser deficitaria a seguridade social. Pensan que haberá un 40% de parados/as?”, preguntou.

Outro dato que se esgrime refírese ao incremento substancial das pensións no PIB futuro, facendo o sistema insostíbel. Porén, os datos actuais tiran polo chan este argumento. No ano 1995 o peso das pensións no PIB representaba o 8%. En 2008, cun incremento de 1.5 millóns de pensionistas, esta cifra reduciuse ao 7,8%, ao incrementarse de forma significativa o Produto Interior Bruto. A falacia do argumento consiste en baremar só unha das variábeis sen ter en conta o propio crecemento do PIB.

 

Desigualdades sociais e garantías

Alén de resultar tremendamente beneficiosos para o capital financeiro e o seu modelo especulativo, a xeneralización dos sistemas privados de pensión creará graves desigualdades sociais entre aqueles/as traballadores/as en precario que non poidan acceder a un sistema complementario de pensións e aquelas persoas con maior capacidade de aforro. Isto, alertou,  provocará que un sector moi amplo da poboación só teña posibilidade de percibir as pensións mínimas.

Do mesmo xeito, a CIG recalca que único sistema garantista é o público, porque os pagos se afrontan coas achegas dos/as traballadores/as en activo. Por iso, Seixo apuntou que, ao estar suxeitos aos movementos especulativos, os fondos privados de pensións non poden garantir a súa propia supervivencia e, ao igual que acontece neste momento, “se os estados non saísen en defensa do sector financeiro, moitos destes fondos estarían en quebra”.

 

Chamamento á UGT e CCOO

Durante a comparecencia, Seixo aclarou aclarou que a CIG comunicou a súa decisión de convocar folga xeral o 27 de xaneiro aos Secretarios Xerais de UGT e CCOO en Galiza, animándoos a sumarse a esta convocatoria; mais tamén explicou que a central nacionalista está aberta á posibilidade de mudar de data. Se a nivel estatal UGT e CCOO deciden adoptar outro día para a folga xeral, previo ao 28 de xaneiro, a CIG “non terá inconveniente en consensuar unha data para conseguir unha maior resposta social”.

Dende a CIG advertiuse da necesidade de contestar contundentemente a todas estas políticas neoliberais, porque, do contrario, “estaremos diante dun escenario moi complicado para a clase obreira”. Neste senso, afirmou que a folga xeral do pasado 29 de Setembro obxectivou que cando o movemento obreiro actúa con coherencia “hai motos miles de traballadores e traballadoras dispostos a dar a cara”.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto