Noticias Outras novas Outras novas Servizos Mínimos para a folga do 27
 
 

Servizos Mínimos para a folga do 27

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Xunta, mediante acordo do Consello da Xunta de onte, ven de decretar uns servizos mínimos abusivos e cos que desde logo a CIG non está de acordo. Pódese descargar de aqui a nota de prensa sobre o acordo do Consello da Xunta.

 

Noticia de Avantar:

A CIG oponse ao borrador de servizos mínimos presentado pola Xunta e anuncia que vai interpor recurso

A proposta do Goberno galego practicamente reproduce o decreto da folga xeral de setembro, aínda que incrementa algúns servizos como os de transportes
A CIG trasladou esta mañá a oposición á proposta de servizos mínimos presentada pola Xunta de Galiza por considerala abusiva e conculcadora de dereitos. A central sindical entende que con este borrador de servizos mínimos non queda garantido o lexítimo exercicio do dereito á folga do conxunto do persoal que traballa para a administración galega. Por iso, a central nacionalista confirmou que, ao igual que aconteceu na folga do 29 de setembro, presentará recurso contencioso-administrativo contra este decreto ao entender que resulta desproporcionado.

A proposta presentada pola Xunta esta mañá á CIG afecta ao persoal que traballa nos servizos considerados esenciais nos sectores e actividades baixo competencia da Xunta (Sanidade, seguridade, protección civil, medios de comunicación social, rexistro, educación, bombeiros, etc.). Non obstante, non foi posíbel chegar a un acordo negociado, xa que a central sindical entende que os servizos estabelecidos resultan abusivos.

 

Centros de ensino

Na exposición do borrador de servizos mínimos, a administración menciona e toma como referencia e xustificación o auto do 19 de xuño de 2002 da sala do contencioso-administrativo do TSXG, no que se di: “enténdese que os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que atenderse ás quendas estabelecidas para os sábados”. Non obstante, a Xunta recorreu naqueles servizos que lle interesou ao referido auto, mentres que ignorou por completo o estabelecido polo TSXG noutras actividades, fundamentalmente as referidas á transportes e educación.

Así no caso do ensino non se aplica o auto, xa que de cumprirse o estabelecido polo alto tribunal galego ningún centro debería estar en funcionamento o día 27 de xaneiro, posto que nas fins de semana as escolas permanecen pechadas. Pola contra, a Xunta estabeleceu que un traballador/a de cociña nos centros ordinarios e o 30% do persoal de comedor, subalterno e limpeza das residencias docentes ten que estar operativo o día da folga xeral.

Ademais, a CIG considera especialmente intolerábel que a Xunta volva privar dos seus dereitos ao persoal das escolar unitarias, xa que, ao igual que aconteceu o 29 de setembro, fixa como servizo mínimo a un profesor/a, o que na práctica implica que estes/as traballadores/as non poderán exercer o seu dereito á folga.

A vulneración de dereitos do borrador agrávase máis no caso específico das universidades galegas, pois de respectarse o auto do TSXG só se debería garantir a apertura do rexistro público. Non obstante, a administración adopta decisións tan pouco xustificadas como a obriga de permanecer no seu posto a/o secretaria/o do reitor.

 

Transporte escolar e de traballadores/as

No caso do transporte a Xunta mesmo supera os servizos mínimos que estabelecera para a folga de setembro, ao recuperar o horario de mañá e tarde tanto para os viaxes escolares como para o desprazamento de traballadores/as, estipulando como esenciais os servizos de entrada aos centros de ensino das 7.30 até ás 10.00 horas e os de saída desde as 13.00 ás 18.30 horas; así como as expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas, para o transporte de traballadores/as.

Ademais, comparado co último decreto, increméntanse o número de servizos e as frecuencias das liñas no transporte regular de viaxeiros.

 

Consellaría de Traballo e Benestar

Durante a xuntanza desta mañá, a CIG pediu tamén a retirada do borrador as actividades nos complexos xuvenís e as residencias de tempo libre ao non consideralos servizos esenciais.

Mención aparte merece o caso dos servizos estabelecidos no Centro de Educación Especial Santiago Apóstolo da Coruña, onde a Xunta está a punto de efectivizar despedimentos, mais non ten problema en pór a todo este persoal en servizos mínimos.

Referenciar tamén o caso do Consorcio de Igualdade e Benestar, para o que se tiveron en conta as sentenzas xudiciais que declaran abusivos os servizos mínimos da última folga neste organismo, aínda que a Consellaría non chega a aplicar o auto do TSXG a respecto das fins de semana.

 

Televisión e radio galega

No caso da TVG e a RG non se chegou a acordo na xuntanza previa co comité de folga, ao considerar este que os servizos propostos pola administración son abusivos e conculcan o dereito á folga dos traballadores/as, especialmente no apartado referido á programación prevista para o día 27.

 

Obriga de abrir todos os centros

A CIG pediu tamén a retirada do punto do borrador no que se expón literalmente que: “En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros de traballo”; mandato que xa aparecía recollido no decreto da folga xeral do 29 de setembro. Esta obriga é contraria ás disposicións que vai marcando o propio decreto e conculcadora do dereito á folga, ademais de invalidar calquera acordo. Ademais a xeneralidade da súa redacción podería dar lugar á designación de traballadores/as en servizos mínimos de forma abusiva nun xornada de folga.

Por todo isto, a CIG anuncia que vai presentar recurso contencioso-administrativo contra este decreto.

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto