Noticias Persoal Outras novas A CIG oponse ao proxecto de Real Decreto que regulará a entrada de ETTs na Administración Pública
 
 

A CIG oponse ao proxecto de Real Decreto que regulará a entrada de ETTs na Administración Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

As Federacións da Área Pública da central sindical apelan á responsabilidade da Xunta para que deixe sen aplicación a medida en Galiza. A CIG manifestou hoxe en rolda de prensa a total oposición ao Proxecto de Real Decreto presentado polo goberno español ás organizacións sindicais, polo que se regulará a entrada de empresas de traballo temporal nas administracións públicas para desenvolver tarefas que até agora realizaba persoal laboral da Función Pública. As Federacións da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) valoraron moi negativamente esta normativa por canto supón un avance no proceso de privatización e desmantelamento progresivo dos servizos públicos e unha agresión ás condicións laborais dos/as empregados/as.

 


A Secretaria da CIG-Administración Pública, María Carme López Santamariña, lembrou que o sistema de acceso á Función Pública está recollido e claramente regulado na Constitución española e no Estatuto Básico do Empregado Público, e estabelece como criterios básicos a igualdade, o mérito e a capacidade, co obxectivo de garantir unha correcta prestación dos servizos. Criterios que ficarán desaparecidos se as contratacións se realizan a través das empresas de traballo temporal.


Para Anxo Louzao, Secretario da CIG-Ensino, esta decisión do goberno español supón unha volta máis no deterioro e a privatización dos servizos públicos e vén instalar as prácticas máis nocivas das relacións laborais dentro da administración. Neste senso, o Secretario da CIG-Ensino lembrou a oposición da central sindical á creación deste tipo de empresas e referiuse aos elevados índices de precarización aos que están sometidos as persoas que traballan a través delas, xa que as súas condicións salariais e laborais son moi inferiores ás do resto dos traballadores/as.


Aínda que o goberno español escusa a súa decisión argumentando que a entrada das ETTs está limitada a uns casos concretos, Louzao e Santamariña advertiron da posibilidade de ampliar estes supostos nos vindeiros anos. Até o de agora, as actividades nas que a administración tiña permitida a contratación a través de empresas de traballo temporal cinguíase á realización de enquisas, a toma de mostras e a servizos de carácter estatístico.


Segundo o texto do proxecto trasladado aos sindicatos, a partir da súa aprobación traballos relacionados co transporte e o mantemento tamén poderán pasar a ser desenvolvidos por persoal de ETTs. Prexudicando así ao persoal laboral de Función Pública que viña realizando estas tarefas e ao propio servizo achegado.


Por iso, Maricarme López adiantou que moi posibelmente nun breve período de tempo comezarán a proliferar as ETTs especializadas en servizos relacionados coa administración. “Estas empresas, aseverou, serán as verdadeiras beneficiarias desta medida”.


Máis recortes na Administración

Paradoxalmente á presentación do RD na Mesa Xeral na tarde do luns, durante a mañá a Administración puxo formalmente en marcha o Observatorio do Emprego Público. Un organismo creado para estudar as condicións do persoal da administración e avaliar as necesidades humanas da mesma.


Maricarme López cuestionaba a creación deste Observatorio horas antes de abordar a entrada das ETTs na administración e precisamente nun momento no que se teñen producido importantes recortes nas diferentes administracións públicas. Así lembrou que a taxa de reposición está fixada no 10% (é dicir de cada 100 funcionarios/as que se xubilen ou causen baixa só serán reemprazados 10) e no 30% para ensino e saúde; prohibiuse de xeito expreso a cobertura das interinidades e das baixas; está conxelada a oferta de emprego público; e privatízanse a pasos axigantados múltiples servizos.


O obxectivo de todas estas medidas, engadía Louzao, é desvalorizar os servizos públicos e instalar na cidadanía a idea de que funcionan mellor cando se privatizan. E con este horizonte estanse reducindo prestacións e convertendo en deficitarios servizos básicos como a sanidade ou o ensino.


Cesión ilegal de traballadores/as

Con este RD ábrese tamén unha vía para novas demandas contra a administración que, previsibelmente, rematarán con sentenzas que recoñezan a estes traballadores/as como persoal laboral indefinido. Así, Maricarme López alertou que, ao igual que vén acontecendo con outras contratacións non reguladas, a contratación de persoal a través de ETTs pode derivar en denuncias por cesión ilegal de traballadores/as, xa que realizan actividades que ten que desempeñar estruturalmente a administración pública.
Responsabilidade da Xunta

Durante a comparecencia, a CIG demandou da Xunta de Galiza que asuma a súa responsabilidade e deixe sen aplicación este Real Decreto, xa que a súa aprobación non obriga ao seu cumprimento. Neste senso, Maricarme López e Anxo Louzao apuntaron que o criterio de aforro non serve para os servizos da administración, xa que debe primar o criterio da calidade e as condicións laborais de quen os presta.


 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto