Noticias Outras novas Outras novas Informe do CES sobre a Lei de Familia
 
 

Informe do CES sobre a Lei de Familia

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

En data 9 de novembro de 2010 tivo entrada no Consello Económico e Social oficio do presidente da Xunta de Galicia remitindo, para o seu preceptivo ditame, o anteproxecto de Lei de Apoio á Familia e á convivencia de Galicia.

 

Este organismo ven de publicar o correspondente ditame, e non pode ser máis clarificador. Para empezar xa din que "O CES estima que esta norma semella de pouca incidencia práctica, na medida en que se centra na declaración de intencións e principios, pero non nas accións materiais a desenvolver", o cal xa indica por onde van os tiros en canto á necesidade de promulgar unha lei destas características.

 

Non imos poñer aqui, punto por punto, as lóxicas apreciacións do CES no seu ditame, deixamos abaixo unha copia do mesmo para aquelas persoas que queiran botarlle un vistazo. Só a modo de exemplo,  esta é unha das primeiras apreciacións que fai o ditame sobre o anteproxecto de Lei:

 

Consideración xeral segunda:

"O CES entende que este anteproxecto de Lei é regresivo, xa que leva implícitos graves recortes dos dereitos das mulleres, facendo retroceder moito tempo atrás os avances sociais, así como pola profunda carga ideolóxica que conleva, recuperando a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital das mulleres, o cal supón o control, a fin de contas, da súa vida sexual."

"...os poderes públicos deben poñer a disposición das mulleres o sistema sanitario para que sexa capaz de dispensar os métodos anticonceptivos para evitar embarazos non desexados (incluíndo ás solucións de urxencia como a pílula postcoital), para facer un seguimento do embarazo e o parto, humanizando este, e tamén para que atenda ás interrupcións voluntarias do embarazo, sendo preciso contemplar na rede educativa unha verdadeira materia de educación sexual que poida orientar á mocidade a vivir a sexualidade sen tabús e limitacións, pero cun maiorcoñecemento que poida evitar embarazos non desexados "

 

Algún outro exemplo:

Consideración xeral terceira:

 "...deberíanse substituír os termos minusvalía e persoas discapacitadas por persoas con discapacidade."

 

Consideración xeral quinta:

"...conceptos dunha profunda carga ideolóxica que, por outra banda, pouco teñen que ver coa idiosincrasia da sociedade galega actual e menos aínda atopan unha xustificación coherente que as sustente. A idea de que a esencia do desenvolvemento das persoas é a formación ou desenvolvemento da familia é tremendamente reducionista e inxustificada"

"O CES entende que a expresión ámbito “natural” non parece a máis apropiada para un texto legal, pois pode dar a entender que hai un desenvolvemento “natural da persoa”, habendo outros anómalos ou irregulares."

 

Demoledor. E iso nas primeiras páxina de contido do ditame, que consta de 28. Isto xa dá unha idea do terríbelmente antisocial que sería esta lei en caso de que chegue a levarse adiante e adquira vixencia.

 

Por certo que o ditame inclúe un voto particular da Confederación de Empresarios de Galicia (mira ti por onde) posto que non están de acordo con algúns dos contidos do ditame, entre eles o que se expresa na Consideración xeral segunda (que critica o carácter anti-abortista da lei) e na Consideración xeral quinta (no que falan da familia como institución "natural").

 

Inda que este ditame non é vinculante, e, xa que logo, o goberno do PP podería sacar adiante a lei igualmente, agardamos que este ditame (e o sentido común) faga que se recapacite sobre a mesma.


Ditame do CES sobre o Anteproxecto de Lei de Apoio á Familia e á convivencia de Galicia.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto