Noticias Outras novas Mobilizacións Pronunciamento da CIG ante a agresión militar ao pobo libio
 
 

Pronunciamento da CIG ante a agresión militar ao pobo libio

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A central chama a participar nas concentracións convocadas este xoves 24 nas sete cidades
A Executiva Confederal da CIG, en xuntanza celebrada este martes 22 de marzo, fixo unha valoración pública da agresión militar que nos últimos días está a sufrir Libia. Unha agresión de carácter imperialista que, baixo a retórica dos argumentos humanitarios, ten uns obxectivos político-económicos e xeoestrátexicos evidentes, mesmo que conte co aval dunha controvertida resolución de Nacións Unidas. Así mesmo, a CIG chama a participar nas diferentes concentracións que o vindeiro xoves 24 de marzo van ter lugar nas sete cidades.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) ante a agresión militar a Libia

 

Ante a situación creada nos últimos días en torno a Libia, país que está a ser obxecto dunha agresión militar promovida por intereses de carácter puramente imperialista, a Executiva Confederal da CIG, reunida na cidade de Compostela hoxe martes 22 de marzo de 2011, quere facer pública a súa valoración do conflito:

 

1º.- Desde as nosas máis profundas convicións solidarias e anti-imperialistas, e como organización nacionalista e de clase, a CIG expresa a súa máis firme condena e rexeitamento da agresión militar emprendida sobre Libia por parte das potencias occidentais. Unha agresión militar de carácter imperialista que, malia a retórica de Occidente disfrazando a acción militar con argumentos presuntamente humanitarios, ten uns obxectivos político-económicos e xeoestrátexicos evidentes, mesmo que conte co aval dunha controvertida resolución de Nacións Unidas. Unha resolución da ONU que, ademais, é conveniente pór de relevo que non apoiada por cinco dos quince países que conforman o seu actual Consello de Seguranza.

 

2º.- De igual xeito, a CIG quer pór de manifesto a hipocrisía que están a amosar as potencias occidentais para con Libia, xa que, mentres se xustifica a agresión militar a este país coa escusa de querer deter a represión que o goberno libio parece exercer sobre a poboación civil, no caso doutros países próximos en conflito Occidente mira para outro lado e permite, cando non alenta, que réximes autocráticos e ditatoriais (como Bahrein, Iemen, Arabia Saudita, etc.) actúen de maneira violenta e represiva contra cidadáns desarmados que se manifestan en favor da democracia e da xustiza social. Nese mesmo sentido, a CIG denuncia o cinismo das potencias occidentais que nada fan por tentar conflitos históricos, como os dos pobos de Palestina e o Sáhara, que ven negados os seus dereitos máis elementais e que levan décadas sufrindo represión e padecemento por parte do Estado de Israel e do Reino de Marrocos, ambos aliados de Occidente, e isto a pesar das ducias de resolucións de Nacións Unidas en prol dos pobos palestino e saharauí.

 

3º.- Así mesmo, a CIG manifesta a súa oposición a que o Estado español, a través do seu exército, se involucre nesta agresión militar sobre Libia e deplora a actitude das diferentes forzas políticas que hoxe mesmo, nas Cortes Xerais españolas, decidiron co seu voto apoiar a proposta do Executivo de Rodríguez Zapatero de participación do Estado español na intervención militar en Libia.

 

4º.- Por último, a CIG fai chamamento á sociedade galega á que se mobilice e se una ao berro de NON Á GUERRA, co fin de tentar parar esta agresión militar sobre Libia e de reclamar unha outra solución ao conflito aberto neste país, solución que debe pasar polo cesamento das accións armadas e por estabelecer as vías diplomáticas necesarias para que o pobo libio, así como os diferentes pobos e nacións árabes hoxe en conflito, poida conquistar os seus anceios de paz, soberanía, democracia, dereitos humanos e xustiza social. Neste sentido, a CIG chama a participar nas diferentes concentracións que o vindeiro xoves 24 de marzo van ter lugar nas sete cidades galegas, como primeiro acto de repulsa ante a agresión militar que padece o pobo libio.

 

Galiza contra a guerra! Non á agresión militar imperialista contra Libia!

 

Galiza, 22 de marzo de 2011

 

Lugares e horas das concentracións

-Lugo: Praza de Armañá (diante da Subdelagación do Goberno), ás 20:30 horas.

-Santiago: Praza de Cervantes, ás 2030 horas.

-Ourense: Subdelegación do Goberno de Ourense, ás 20:30 horas.

-Foz: Praza do Concello, ás 20:30 horas.

-Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 20:30 horas.

-A Coruña: no Obelisco, ás 20:30 horas

-Vigo: diante do Museo Marco (Rúa do Príncipe), ás 19:30 horas.

-Ferrol: Praza de Armas, ás 19.00 horas.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto