Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Carta á Conselleira sobre a privatización de diálise no Barbanza
 
 

Carta á Conselleira sobre a privatización de diálise no Barbanza

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Esta carta foi remitida hoxe á Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas:

 

Pilar Farjas Abadia.

Conselleira de Sanidade.


A sanidade pública é un dos alicerces da nosa sociedade, a súa prestación a través do sistema público garante, entre outros, o principio de equidade e mantén o carácter de servizo público.

A política sanitaria que se está a levar a cabo pola Consellaría de Sanidade vai encamiñada a fomentar a privatización dos servizos públicos a través dos proxectos de colaboración pública privada, co único fin de aforrar custos (feito non demostrado) en detrimento da calidade.

A incorporación no SERGAS da colaboración pública privada estase a facer co maior escurantismo posíbel, mediante a política de feitos consumados. Esta colaboración non se axusta exclusivamente á posta en funcionamento das novas infraestruturas sanitarias, senon que inclúe un modelo mais ambicioso como a prestación de servizos clínicos mediante esta fórmula.

Como exemplo disto, temos a intención da Consellaría de Sanidade de trasladar á Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo (FRIAT) a prestación do servizo de diálise do hospital do Barbanza a esta Fundación.

O servizo de diálise ven funcionando neste hospital con altos niveis de calidade, dando un servizo á poboación do Barbanza sen que esta se teña que desprazar a outro centro hospitalario. Motivado pola demanda que presenta o devandito servizo, desde a Dirección do centro tense presentado perante esa Consellaría un proxecto de ampliar a prestación do servizo a todos os días da semana, xa que agora só funciona 3 días.

Ante esta petición, motivada por criterios asistencias que permita garantir esta prestación sen ocasionar desprazamentos ás/aos doentes, a resposta da Consellaría que vostede dirixe é privatizar o servizo.

Seguramente na comunicación pública que vostede emita xustificando esta decisión, basee os seus argumentos en facer máis con menos; pero omitindo o dato de que este modelo é máis barato porque as instalación e a tecnoloxía a cede o SERGAS.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos se paralice a decisión da Consellaría de privatizar o servizo de diálise do hospital do Barbanza mediante a cesión á Fundación FRIAT. Así mesmo, solicitamos que se poña en marcha o proxecto de ampliar este servizo a todos os días da semana, garantindo a prestación e evitando desprazamentos fóra desta comarca.

Parécenos lamentábel o retroceso que estamos a sufrir na sanidade pública.

Agardando teña en conta as nosas consideracións.

 

Compostela, 25 de marzo de 2011.



Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto