Noticias Outras novas Mobilizacións Éxito da manifestación en Madrid
 
 

Éxito da manifestación en Madrid

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Máis de 6.000 persoas maniféstanse polas rúas de Madrid contra as reformas laboral, das pensións e da negociación colectiva

“Polo dereito a decidir as nosas condicións laborais e sociais”
Arredor de 6.000 persoas -entre as que participaron uns 1.500 delegados e delegadas da CIG- manifestáronse polas rúas de Madrid na mobilización convocada polas organizacións sindicais nacionalistas vascas ELA, LAB, STEE-EILAS, EHNE, HIRU, a catalá CSC, a canaria IC e a CIG, baixo o lema “Polo dereito a decidir as nosas condicións laborais e sociais”.

A manifestación, que durou aproximadamente unha hora, partiu do Pazo de Congresos e Exposicións, na Praza Juan Miró, para a continuación percorrer o Paseo da Castellana cara a Nuevos Ministerios e rematar diante do Ministerio de Traballo.

Durante a marcha, que rematou con música de gaitas e txalaparta, berráronse consignas como “Non falta diñeiro, sobran ladróns”; “Nin pacto social, nin reforma laboral”, “Zapatero, cabrón, traballa de peón”; “PSOE-PP, a mesma merda é” ou “CCOO-UGT, sindicatos do poder”. Os secretarios xerais de ELA, Adolfo Muñoz, ‘Txiki’; LAB, Ainhoa Etxaide e Suso Seixo, da CIG, pecharon o acto, ao que puxo punto final a Internacional.

Seixo comezou lembrando que as organizacións sindicais convocantes veñen demostrando que están decididas a mobilizarse en defensa da “dignidade e dos dereitos dos traballadores e traballadoras”, como xa fixeron na folga xeral convocada para o pasado 27 de xaneiro contra a reforma das pensións.

Neste sentido, a secretaria xeral de LAB, Ainhoa Etxaide, salientou o valor que ten a manifestación convocada hoxe en Madrid, porque é imprescindíbel unir forzas e porque “non se pode ir da man do goberno porque están en nómina do poder económico”, afirmou.

 

“Non todo o sindicalismo actuante no estado español está domesticado e ao servizo do poder”

Os secretarios xerais da CIG, ELA e LAB foron especialmente críticos con CCOO e UGT, aos que acusaron de asinar unha reforma, a das pensións, amparándose no chamado ‘Pacto Social’, que supón, segundo explicou Seixo, unha “traizón aos intereses da clase traballadora”, porque favorece ao neoliberalismo e persegue, ademais a “desmobilización”, nun momento no que sería necesario xusto o contrario “se queremos parar estas políticas tan agresivas contra os intereses da maioría social”, dixo, lembrando que “non todo o sindicalismo actuante no estado español está domesticado e ao servizo do poder”.

A este respecto, o secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz, ‘Txiki’, afirmou que “estamos ante o maior ataque en décadas aos dereitos sociais” e denunciou que estes ataques están contando, ademais, con cobertura política.

Uns recortes avalados por CCOO e UGT que supoñen, para a secretaria xeral de LAB “un caso único en Europa”, porque en ningún outro país teñen, as organizacións sindicais, apoiado estas medidas regresivas.

Para Suso Seixo non é casual que nese ‘Pacto Social’ non figure ningunha medida que poida “molestar” aos verdadeiros responsábeis da crise -os especuladores e o capital financeiro- como incrementos de impostos ao capital, ás grandes fortunas ou ás rendas máis altas ou medidas para acabar cos paraísos fiscais, controlar os movementos do capital, crear unha banca pública ou oporse á privatización de empresas e servizos públicos.

Na mesma liña, o secretario xeral de ELA, Txiki, insistiu na necesidade de que nun momento como este, se faga máis fincapé que nunca na ideoloxía, porque “foi precisamente a ideoloxía neoliberal a que nos conduciu a esta situación”.

De feito, Seixo denunciou que coas políticas económicas e sociais impostas polo goberno o que se busca é, precisamente, consolidar o modelo neoliberal, favorecer os intereses dos especuladores, da banca e das empresas multinacionais, transferindo ao capital miles de millóns de euros do patrimonio público e dos salarios dos traballadores e traballadoras.  Transferencia que o secretario xeral de ELA definiu como “saqueo”.

 

Reforma da negociación colectiva

Porén, foi na reforma da negociación colectiva na que máis incidiron os representantes das organizacións sindicais. Unha reforma coa que, para o secretario xeral da CIG, se pretenden impor convenios marco estatais en todos os sectores, o que vai provocar unha maior burocratización da negociación, apartala da participación e do control dos traballadores/as e dificultar a participación das organizacións sindicais que practican un sindicalismo distinto ao de CCOO e UGT.

Por iso anunciaron que non aceptarán a imposición desta reforma e que continuarán loitando “polo dereito a decidir as nosas condicións laborais e sociais e por un novo modelo económico e social”.

 

Galería de imaxes

 

Artigo extraido de Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto