Noticias Outras novas Mobilizacións A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias reclama medidas para garantir a calidade dos dispositivos actuais
 
 

A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias reclama medidas para garantir a calidade dos dispositivos actuais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia a supresión ou redución de programas e actividades; recortes económicos de máis dun millón de euros en 2010, respecto de 2009 e recortes de persoal

A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas reclamou esta mañá, en rolda de prensa, que no novo Plan de Trastornos Aditivos se incorporen obxectivos e medidas para garantir a continuidade e calidade dos dispositivos de drogodependencias actuais. Ao tempo denunciou os recortes económicos e de persoal e a supresión ou redución dalgúns dos programas e actividades que se levan a cabo. Unha situación que está a provocar incerteza ante a falta de garantías de continuidade dos recursos actuais.

A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias, co respaldo de diversas organizacións sindicais, entre elas a CIG-Saúde e coa presenza de máis de 30 profesionais na propia rolda de prensa, lembrou que o último Plan de Galiza sobre Drogas rematou no 2009 sen que se cumpriran moitos dos obxectivos do mesmo, e denunciou que nestes momentos está en fase de aprobación o Plan de Trastornos Aditivos 2011-2016. “Un plan que non recolle as demandas dos/as profesionais nin das asociacións”, sinalaron.

Xunto a iso, denunciaron os recortes, tanto orzamentarios como de programas que está a sufrir a rede, que supuxo que no ano 2010 os centros asistenciais recibiran, no seu conxunto, máis de un millón de euros menos que en 2009.

 

 

 

Reducións orzamentarias

Representantes desta Asociación lembraron que na anterior lexislatura se comezou a traballar pola integración dos servizos de drogodependencias no SERGAS, pero a Consellaría de Sanidade actual paralizou este obxectivo até nin sequera consideralo para o actual Plan.

Alén diso, lamentaron que siga sen aprobarse unha guía na que se reflicta como se van atender as condutas aditivas a partires deste momento. “Nos tres últimos anos os recursos veñen soportando continuas reducións orzamentarias e limitacións á hora de dispor de materiais, suprimíndose os programas de fomento da calidade na atención”.

Esta situación tamén está a afectar á situación laboral dos/as profesionais que dependen dos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro que xestionan os centros, os equipos de prevención e os recursos reinsertivos.

Neste sentido, explicaron que a maioría dos profesionais teñen contratos eventuais ou por obra e servizo, malia levar traballando, nalgúns casos,  até 20 anos nos servizos. “A renovación dos contratos depende da subvención económica da consellaría de Sanidade, así como a contía da mesma”.

Para estes profesionais tamén é especialmente preocupante a ausencia de directrices claras de cara a onde orientar as programacións e actividades.

 

Incorporación dos recursos asistencias ao SERGAS

Por iso demandan, ademais da incorporación, no novo Plan, de obxectivos e medidas para garantir a continuidade e calidade dos dispositivos de drogodependencias actuais e a incorporación dos recursos asistencias ao SERGAS.

Ao tempo consideran imprescindíbel o recoñecemento da prevención como ferramenta indispensábel e que se aposte por reforzar o traballo dos equipos de prevención; que se garanta a continuidade dos recursos de reinserción e asesoramento xurídico; que se apoie o labor das asociacións e ONG que interveñen en drogodependencias; o compromiso de adxudicación dun orzamento fixo plurianual a cada servizo e medidas para a consolidación dos postos de traballo dos profesionais.

A este respecto, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Servizos, denunciou que a consellaría de Sanidade está a facer con este plan o mesmo que co resto porque “o servizo público non é a súa prioridade”, de cara a promover a súa progresiva privatización.

 

Abuín lembrou que desde a primeira Mesa Sectorial celebrada, unha vez tomou posesión a nova conselleira, a CIG-Saúde insistiu na necesidade de que se integren estes servizos e profesionais á rede do SERGAS, sen que se dera nin un só movemento nese sentido.

 

 

ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DE DROGODEPENDENCIAS E OUTRAS CONDUTAS ADICTIVAS

MANIFESTO

 

A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias e de Outras Condutas Aditivas agrupa á práctica totalidade dos profesionais que traballan nos recursos de atención ás Drogodependencias do Plan de Galicia sobre Drogas.

Estamos a falar de  17 Unidades Asistencias, 8 Unidades de Día, 3 Comunidades Terapéuticas, 6 Unidades de Tratamento de Alcoholismo, 43 Equipos de Prevención e máis de 12 programas de inserción social e apoio xurídico. Tamén do importante labor de sensibilización e prevención que desenvolven máis de 20 asociacións e ONG’s. En definitiva falamos de máis de 400 profesionais, pero sobre todo, en materia de drogodependencias hai que falar do importante: máis de 12.000 pacientes e familias atendidas anualmente nos Centros Asistenciais, 325 programas de prevención, de Programas e convenios de reinserción, do mantemento de 5 pisos para pacientes en proceso de reinserción e 8 Programas de asesoramento xurídico.

Todos estes recursos dependen dos Concellos e entidades sen ánimo de lucro que xestionan os recursos e asumen a contratación do persoal. O mantemento desta rede dependen na gran mayoría dos casos do mantemento da subvención económica da Consellaría de Sanidade, así como da contía da mesma. Por outra banda, as nosas función e o noso traballo vén definido polos obxectivos que se prantexan no Plan de Galicia sobre Drogas. O Plan que está actualmente en vigor é o do 2007, que remataba no 2009 e que foi prorrogado dous anos, mentres non se elaboraba e aprobaba o novo, que como é público, está nestes momentos a debate no Parlamento galego.

Pois ben, os profesionais queremos expor públicamente a nosa preocupación polo futuro da atención ás Drogodependencias, diante das últimas novas e actuacións que se están a levar a cabo por parte da consellaría de Sanidade.

Por un lado estaría o tema dos continuos recortes tanto orzamentarios como de programas que está a sufrir a rede desde hai dous anos. Primeiro foron os programas de Implantación de políticas de calidade nos Centros Asistenciais, suprimidos dun plumazo sen dar máis explicacións, logo veu o conseguinte recorte orzamentario, que supuxo que no ano 2010 os centros asistencias recibirán, no seu conxunto, 1.100.000 euros menos que en 2009. Por pór exemplos concretos podemos citar o caso da ACLAD da Coruña, á que lle reduciron a subvención nun 13,8% ou Alborada de Vigo, cunha redución dun 13%.

No que se refire aos Equipos de Prevención, 43 en toda Galicia, todos sen excepción viron reducida a subvención da consellaría de Sanidade, nunha media dun 8,07%, con casos especiais como od o Concello do Grove, ao que se lle reduciu nun 21% ou o de Ames, cunha redución dun 18%.

Para este ano non dispomos aínda de todos os datos dos convenios de financiamento asinados, pero a situación non parece mellorar. Mentres que os datos iniciais amosan que hai un estancamento nas subvencións e axudas aos recursos asistenciais, desta volta parece que os recortes máis importantes lle tocan ás asociación que traballan nos eidos da prevención e a incorporación social. Así por exemplo, o Plan Comunitario de Vite, en Santiago de Compostela recibirá 16.000 euros menos que o ano pasado, ou a Fundación ERGUETE integración, que ten asignados 50.000 euros menos que no 2010, ou no caso da propia FENAD, cunha redución de 24.000 euros a 18.000 euros. Hai que destacar a redución das axudas aos programas de apoio xurídico, que nalgúns casos, como o das Asociacións ATOX-Ourense ou REXURDIR de Pontevedra, só recibirán a metade da subvención que recibiron en 2010, situación que fai perigar a continuidade dos mesmos.

Estes recortes orzamentarios, xunto con outras actuacións da consellaría, como a supresión do Programa Alternativa, a redución dos kits de control de ouriño, análises dos que disponen as unidades, ou a non disposición de material divulgativo para a distribución por parte dos equipos de prevención, fan que por parte dos profesionais e as asociación exista una crecente preocupación polo futuro da atención ás Drogodependencias en Galicia.

A esta situación hai que engadir agora o tema do novo Plan de Trastornos Adictivos 2011-2016, que se está a tramitar por parte da consellaría de Sanidade. Un plan que non recolle as demandas dos prefesionais que traballamos nos recursos e que non garante a continuidade dos mesmos.

Así preséntase un plan que podíamos definir como una mera declaración de intencións, un canto á galería da Consellaría de Sanidade, con moitas ambigüidades e sen concretar obxectivos concretos de actuación, nin medidas para logralos.

Resaltar que na proposta da Consellaría de Sanidade nin sequera se considera o obxectivo da integración dos recursos no sistema público de saúde que propoñía o anterior Plan, suprimíndose a mención ao mesmo no actual. Tampouco se recolle ningún capítulo no que se mencionen os recursos necesarios para o desenvolvemento do Plan, nin se recolle o compromiso económico para o mantemento dos recursos actuais durante os cinco anos que se prevén de vixencia do Plan.

Por todo isto, dende a Asociación acordamos saír públicamente para expresar os nosos temores polo futuro do Plan de Galicia sobre Drogas, e facer una campaña informativa para que a sociedade coñeza esta realidade e as nosas, entendemos que xustas, demandas.

 

 

En definitiva pedimos:

  • Que no novo Plan de Trastornos Adictivos se incorporen obxectivos e medidas para garantir a continuidade e calidade dos dispositivos de atención ás drogodependencias actuais.
  • Que se traballe para a incorporación dos recursos ao sistema público de saúde.
  • O recoñecemento da Prevención como ferramenta indispensable e que se aposte por reforzar o traballo dos equipos de prevención.
  • A continuidade dos recursos de reinserción.
  • Apoio e recoñecemento ao labor das Asociacións e ONG’s que interveñen en Drogodependencias.
  • O compromiso de adxundicación dun orzamento fixo plurianual a cada servizo.
  • Medidas para a consolidación dos postos de traballo dos profesionais.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto