Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A CIG rexeita calquera novo recorte nos salarios das empregadas e empregados públicos
 
 

A CIG rexeita calquera novo recorte nos salarios das empregadas e empregados públicos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Diante dos insistentes rumores, as Federacións da Área Pública da CIG (Administración, Saúde e Ensino) queren manifestar o seu absoluto rexeitamento a calquera posíbel novo recorte salarial dos empregados/as das administracións públicas. Neste senso, subliñan que os traballadores/as da administración se converteron nestes últimos anos na primeria vítima das medidas dos gobernos para supostamente combater a crise e teñen padecido unha agresiva e continuada campaña de desprestixio social, co único obxectivo de dividir á clase traballadora e xustificar a amortización de postos de traballo e o progresivo desmantelamento do estado de benestar.

 

Dende a Área Pública de CIG lémbrase que non están dispostos a aceptar nin baixadas, nin recortes salariais e esixen á recuperación dos soldos, a anulación da contraproducente taxa de reposición e a paralización da amortización directa de miles de postos de traballo.

 

Ante esta situación e tras dos persistentes rumores que apuntan a un novo recorte salarial (que estarían a negociar o goberno e as organizacións CCOO e UGT nas chamadas mesas do diálogo social) a CIG quere lembrar as sucesivas conxelacións das retribucións que sufriron os empregados e empregadas públicos/as; as reiteradas subas por debaixo do IPC;  a rebaixa salarial que se lles aplicou  o ano pasado (5% dos salarios e 33% nas pagas extraordinarias) ou a conxelación de este 2011. De feito, nos últimos anos os/as empregados/as públicos acumulan unha perda do poder adquisitivo de máis de un 20%.

 

Baixo o falso argumento da austeridade, as políticas practicadas tanto polo PSOE no estado como polo PP en Galiza van encamiñadas a adelgazar o peso do sector público e, polo tanto, a un recorte drástico dos servizos públicos. A este respecto, o propio Goberno español confirma no informe remitido á UE (Programa de Estabilidade 2011-2014) que limitará ao 10% as taxas de reposición de todo o persoal das administracións (agás no caso do ensino e sanidade , estabelecida no 30%) durante o ano 2011, 2012 e 2013, sen especificar ningunha medida que supoña a recuperación destes empregos destruídos. Isto implicará que a finais de 2013 os cadros de persoal das administracións públicas se terán reducido máis de un 7%.

 

Na Galiza, os recortes de postos de traballo e a destrución de emprego público xa se materializou na privatización de servizos públicos coa eufemística fórmula de ‘externalización’; a privatización de comedores escolares, a privatización de centos asistenciais, como o Souto de Leixa en Ferrol, ou a amortización de postos nas distintas áreas da administración.

 

Especialmente grave resultan as estimacións que fai o Goberno español a respecto da evolución da sanidade pública. Segundo o informe, a limitación na reposición do persoal ocasionou que, no terceiro trimestre de 2010,  no sector hospitalario público se rexistrara unha diminución de arredor de 21.000 traballadores e traballadoras con respecto ao mesmo período do ano 2009. As consecuencias máis visíbeis desta medida pódense apreciar no colapso continuado que sofren os hospitais e centros de saúde do noso País.

 

A Área Pública da CIG reitera que a situación actual de crise económica é produto da desregulación dos mercados que facilitou os movementos especulativos, respondendo así a unha concepción neoliberal da economía que sostén a necesidade de privatizar os servizos e desmantelar o sector público. Os gobernos, diante desta situación, en lugar de corrixir esta política que nos levou ao desastre económico medidas que afondan nos mesmos erros, incidindo no deterioro da administración coa conxelación das ofertas de emprego público, externalización de servizos e a redución os salarios dos empregados e empregadas públicos/as.

 

Así mesmo, advirten que estes ataques contra os empregados/as públicos/as non responden a unha estratexia redistributiva da riqueza, co obxectivo de desviar estes fondos retraídos ao resto dos traballadores/as ou desempregados/as e sectores populares, senón que van na dirección contraria: afondar no deterioro das condicións laborais e as prestacións sociais.

 

Por iso, a Área Pública da CIG adiantou que levará a cabo todas as medidas precisas para frear calquera novo ataque aos traballadores e traballadoras da administración e  que supoña a aniquilación dos servizos públicos de calidade. Neste senso, lembran que a central sindical xa promoveu e participou nunha folga específica do sector e dous paros xerais, así como en multitude de mobilizacións e manifestacións públicas en contra destas medidas.

 

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto