Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Publicada a Reforma da Negociación Colectiva: un ataque durísimo a unha ferramenta fundamental d@s traballador@s
 
 

Publicada a Reforma da Negociación Colectiva: un ataque durísimo a unha ferramenta fundamental d@s traballador@s

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O pasado sábado día 11 publicábase no BOE o texto do Real Decreto de medidas urxentes para a reforma da Negociación Colectiva.  Unha reforma que consideramos desde a CIG un grave ataque a unha das ferramentas fundamentais coas que contan os traballadores e traballadoras. Deixamos aqui unha primeira análise publicada en Avantar:

Avaliación da CIG sobre a reforma da negociación colectiva

A central sinidcal considera que o obxectivo que se busca coa reforma é facilitar a flexibilización do salario e das condicións laborais
O Consello de Ministros vén de aprobar un Decreto Lei sobre a reforma da negociación colectiva modificando varios artigos do Estatuto dos Traballadores co obxectivo de facilitar a flexibilización do salario e das condicións de traballo, fortalecer o poder empresarial e favorecer a aplicación da reforma laboral en detrimento da clase traballadora. Unha primeira análise de urxencia require partir do que nós propomos, considerar o que agora mesmo existe e avaliar os cambios normativos que se propoñen.

 

Negociación colectiva en Galicia

Queremos poder establecer a estrutura da negociación en Galicia. Queremos convenios en Galicia e poder decidir como se relacionan uns con outros, establecendo as regras de concorrencia e complementariedade en función da nosa realidade e das necesidades propias do País. Como reivindicamos nas manifestacións: queremos convenios aquí en non en Madrid. E así o queremos porque é bo para a clase traballadora, que esixe ter participación e control sobre os procesos negociadores das súas condicións de emprego e de traballo. E tamén porque a negociación colectiva en Galicia é un elemento esencial para a consecución dun marco propio de relacións laborais.

 

Actualmente a negociación colectiva ven condicionada polo pacto de centralización subscrito por CEOE-CEPYME e CCOO-UGT en 1997

Este acordo interconfederal tiña carácter obrigacional, non normativo, e buscaba concentrar a negociación colectiva no ámbito estatal aproveitando a derrogación das antigas Ordenanzas de Traballo franquistas. Realmente serviu para potenciar a negociación colectiva estatal aparecendo grande número de convenios, froito moitas veces da desagregación e división de sectores tradicionais que antes estaban agrupados.

Por outra parte, desde 1994 estableceuse no artigo 84 do Estatuto dos Traballadores que un convenio de ámbito superior ao de empresa podería afectar a disposto noutro de ámbito superior (como un convenio estatal) con algunhas limitacións, xa que non se poderían negociar en ámbitos inferiores materias como o contrato de proba, as modalidades de contratación –agás nos aspectos de adaptación ao ámbito da empresa-, os grupos profesionais, o réxime disciplinario e as normas mínimas tanto respecto á seguridade e hixiene no traballo como á mobilidade xeográfica.  En definitiva, con estas limitacións, un convenio sectorial provincial ou galego podería contradicir o disposto nun convenio estatal.

 

Precisamente para evitar na práctica esta situación de prevalencia legal do convenio sectorial máis próximo con respecto ao estatal foi polo que as cúpulas das organizacións empresariais e sindicais españolas subscribiron aquel acordo interconfederal sobre negociación colectiva. Non querían unha negociación viva, que basculara nas nacionalidades e territorios do Estado español, senón unha negociación burocratizada e controlada desde Madrid. E de feito impediron que se deran convenios galegos articulados en ámbitos inferiores e tamén conseguiron, en base á súa maioría e ao interese da patronal, unha negociación colectiva sucursalista e esmorecida que nos sectores onde a CIG non tiña maioría so servía para trasladar as directrices centralistas dos Acordos Interconfederais ou Pactos Sociais. Por iso a CIG salienta e valora especialmente aqueles conflitos e convenios onde a clase traballadora e a súa autoorganización foron capaces de rachar esa dinámica conformista e entreguista para conseguir melloras concretas.

Agora,  a reforma laboral que se aproba por Real Decreto –inda que despois sexa tramitada como proxecto de lei- ven a dar carta de natureza legal a esta actitude e práctica centralista que tanto dano nos fixo como cidadáns galegos e como clase traballadora.


 

A reforma sacraliza na negociación colectiva os dous campos de xogo máis desfavorables para os traballadores e traballadoras de Galicia e de todo o territorio do estado español:  o ámbito estatal e o ámbito da empresa.

Os convenios estatais teñen preferencia absoluta, de forma que poden establecer cláusulas sobre a estrutura da negociación colectiva, fixando, no seu caso, as regras que resolvan os conflitos de concorrencia entre convenios de distinto ámbito.Poden polo tanto decidir que os contidos do convenio estatal non poida ser modificados por un convenio de ámbito inferior, inda que sexa máis favorable.

Poden establecer que materias son negociables en cada ámbito baleirando de contido aos convenios provinciais, que estarán así condenados á extinción, inda que nada se diga ao respecto.  Este é o mecanismo legal que necesitaban para facer valer a centralización da negociación colectiva e a concentración do poder convencional nas cúpulas sindicais e empresariais.

Agora, so se pode negociar un acordo ou convenio no ámbito dunha Comunidade Autónoma si non hai acordo ou convenio estatal ou ben si o propio convenio estatal o permite expresamente. Ou sexa que necesita a inacción ou o permiso dos negociadores estatais En calquera destes dous casos o convenio autonómico prevalecerá sobre o convenio estatal, pero inda así con certas limitacións como son: o período de proba, as modalidades de contratación, a clasificación profesional, a xornada anual máxima de traballo, o réxime disciplinario, as normas mínimas en materia de prevención de riscos laborais e a mobilidade xeográfica, que son todas elas materias reservadas e non negociables no ámbito autonómico.

En definitiva, hai unha clara aposta legal pola centralización, potenciando así o campo de negociación máis afastado das persoas afectadas polo convenio, onde a estatística demostra que se pactan menores incrementos salariais e a práctica constata o empobrecemento da negociación colectiva. O convenio negociase para persoas que teñen imposibilidade de controlar e ter influencia sobre os seus representantes,  existindo unha dificultade manifesta para a participación asemblearia e para tomar decisións de mobilización con respaldo garantido. Apóstase por unha dinámica de desmobilización onde a burocratización está servida.

Por outra parte,  agás pacto en contrario negociado nun acordo interprofesional ou no convenio colectivo estatal (tamén no ámbito autonómico, no difícil caso de que este exista), o establecido nun convenio de empresa terá preferencia absoluta sobre o convenio sectorial de calquera ámbito respecto de materias claves como son:

  • O importe de salario base e dos complementos salariais.
  • O abono ou compensación das horas extras e a retribución específica do traballo a quendas.
  • O horario e a distribución do tempo de traballo, o réxime de traballo a quendas e a planificación anual das vacacións.
  • A adaptación ao ámbito da empresa do sistema de clasificación profesional .
  • A adaptación dos aspectos das modalidades de contratación que se atribúen legalmente aos convenios de empresa .
  • As medidas para favorecer a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal.

Igual prioridade de aplicación terán nestas materias os convenios colectivos para un grupo de empresas ou unha pluralidade de empresas nominativamente identificadas (empresas en rede, clusters de empresas, etc).

Ou sexa que independentemente do que diga o convenio provincial o realmente prioritario é o contido no convenio de empresa, inda que sexa inferior. Para que iso non sexa así debe existir un pacto en contrario nun acordo interprofesional ou nun convenio estatal e, no seu defecto, autonómico. Difícil será que exista tal acordo coa patronal, xa que a lei consagra a prevalencia do convenio de empresa a falta de pacto en contrario. ¿Para qué vai a pactar nada si xa ten garantido o que quere?

Dada a estrutura empresarial en Galiza, con absoluto predominio das pequenas empresas, esta disposición legal consagra un campo de xogo totalmente desfavorable para a causa obreira, xa que se lle da todo o poder a un ámbito onde a presión do empresario é máis forte e determinante de cara a impor as súas condicións.

No ámbito empresarial, particularmente nas pequenas e medianas empresas, a forza da unión e a acción sindical diminúe a súa eficacia ante a dificultade de conseguir unha masa crítica dabondo para levar o conflito fora da empresa e sometelo á avaliación pública. Dáselle prioridade practicamente absoluta ao negociado nun espazo restrinxido, de dominio directo do empresario, afastado da valoración social e onde a mobilización e o conflito, en caso de se dar, tenden a enquistarse sen o concurso solidario.

O Decreto Lei contén outras cuestións respecto ao contido obrigado dos convenios colectivos, a vixencia dos mesmos, á lexitimación para a negociación, ao papel das comisións paritarias, etc. Todas elas teñen a súa importancia que analizaremos máis detalladamente noutro momento. Pero, en calquera caso, o substancial é o que se acaba de expor, ou sexa a elección dos campos de xogo máis desfavorables para que a clase obreira negocie a mellora das súas condicións salariais e de traballo. Inda que tamén se pode dicir doutro xeito: trata de fortalecer o poder empresarial e debilitar a forza sindical e a mobilización colectiva para explotar así máis facilmente á clase traballadora, que é quen ten que pagar a crise orixinada polo capital financeiro e especulativo. Pero ollo que non é unha reforma temporal  -iso so se aplica aos contratos de traballo- senón que se aproba con vocación indefinida, igual que a reforma laboral e a reforma das pensións.

 

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto