Noticias Outras novas Mobilizacións Marcha galega polo emprego
 
 

Marcha galega polo emprego

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG lanza unha “Marcha galega polo emprego” que rematará o 3 de xullo en Compostela cunha manifestación nacional

Demanda a creación dun Salario de Inserción Social para garantir que os parados que non cobran xa ningunha prestación, un 40% do total, non caian na “pobreza e a marxinalidade”
A CIG presentou en rolda de prensa, a “Marcha Galega polo Emprego”. Unha gran mobilización na que se agarda que participen desempregados/as de toda Galiza, que percorrerán a pé o país, partindo inicialmente das cidades, o día 29 de xuño, para rematar o 3 de xullo en Compostela, cunha manifestación nacional. Con esta marcha preténdese sensibilizar á poboación ante o grande problema que supón o paro e exixir a posta en marcha de toda unha serie de medidas que permitan o crecemento económico e a creación de emprego, fronte as políticas neoliberais aplicadas até o de agora, que provocaron unicamente a precarización das condicións laborais.

 

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen compareceu acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, lembrou que un 40% dos parados/as galegos no cobran prestación de ningún tipo, polo que demandou a creación dun Salario de Inserción Laboral. “É fundamental garantir que estes traballadores/as conten cunha cobertura que garanta uns ingresos básicos, mentres non teñen unha saída laboral”.

Para a CIG, este salario estaría acompañado doutras medidas, como a asistencia a cursos para diversificar a súa formación e unha atención personalizada para facilitar que se atope un posto de traballo.

 

Seixo salientou ademais que hoxe, o desemprego, é unha das preocupacións fundamentais da poboación, non só pola súa incidencia senón tamén porque as previsións non permiten albiscar unha pronta saída da recesión económica.

Lembrou que segundo a EPA do primeiro trimestre, en Galiza hai máis de 226.000 parados/as, cifra que se incrementa até os 250.000 se se toman como referencia os últimos datos de paro rexistrado.

 

Alén diso, considerou especialmente grave que nos últimos dous anos se perderan máis de 100.000 postos de traballo no sector industrial, fundamental polo seu peso estrutural e porque se trata de emprego de calidade. Como grave considerou tamén que o 51% dos desempregados/as sexan menores de 35 anos.

A este respecto, criticou expresamente a actitude da Xunta de Galiza, por “cruzarse de brazos ante esta problemática e mirar para outro lado, sen adoptar medida algunha, máis alá de campañas publicitarias que ao final non se traducen na creación de emprego real”. A isto engadiu que “os 100.000 empregos que se perderon nos anos 2009 e 2010 en Galiza, foron baixo o goberno de Núñez Feijoo e do Partido Popular”.

 

Políticas neoliberais

O secretario xeral da CIG asegurou ademais que todas as políticas neoliberais que se veñen poñendo en marcha desde os distintos gobernos, centradas na redución dos investimentos públicos, no incremento dos impostos indirectos e na precarizarización das condicións laborais (reducindo salarios e recortando dereitos), lonxe de favorecer o crecemento económico están a provocar unha redución da capacidade adquisitiva da clase traballadora. “Iso incide na caída do consumo interno, frea o crecemento económico e provoca a perda de máis postos de traballo”.

A iso engadiu que o pouco emprego que se está a crear é de moi baixa calidade, tal e como constatan as cifras de temporalidade, e que se está a favorecer a fraude na contratación, ao subvencionarse os empregos a tempo parcial, cando despois os traballadores fan xornadas completas sen cobralas. “Camiñamos cara un modelo produtivo que non favorece o crecemento da economía.

Fronte a isto, a CIG exixe que se aumenten os investimentos públicos; a creación de empresas públicas e dunha banca pública; unha reforma fiscal profunda, coa recuperación do imposto de patrimonio, o incremento dos impostos sobre as rendas do capital e mecanismos para combater a fraude fiscal. Deste xeito, a central sindical entende que se podería reducir o déficit sen precarizar, aínda máis, as condicións laborais, favorecer o crecemento económico e, en consecuencia, a creación de emprego.

 

Nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto