Noticias Outras novas Mobilizacións Botan a andar no 2º día as marchas galegas polo emprego
 
 

Botan a andar no 2º día as marchas galegas polo emprego

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Centos de desempregados/as súmanse ao percorrido cara a Compostela que organiza a CIG

A Marcha galega polo emprego da CIG segue a sumar efectivos na súa segunda xornada. Hoxe incorporáronse á mobilización cara a Compostela parados e paradas da Coruña e de Vigo. O grupo máis numeroso, integrado por máis de 100 persoas, partiu da cidade olívica pouco antes das nove da mañá acompañado polo secretario comarcal, Serafín Otero, que percorreu xunto a eles os primeiros quilómetros. A mobilización da Coruña, na que tamén participa o secretario comarcal, Paulo Carril, contou coa presenza do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen sinalou que con estas marchas preténdese chamar a atención sobre o gran problema que golpea nestes momentos a Galiza: o desemprego.

 

No noso país hai máis de 240.000 parados e paradas e máis de 70.000 familias que teñen a todos os seus membros sen traballo. “Estamos ante unha situación dramática e preocupante, porque as políticas que se están a aplicar non axudan a que teñamos perspectiva de que se vaia crear emprego”. Máis ben pola contra, apuntou Seixo, as políticas chamadas de “austeridade” e o recorte do gasto público provocarán maiores taxas de desemprego. Ao que se engaden as tentativas por parte dos gobernos de derivar as rendas da clase traballadora ás empresas coa perspectivas de que así se vaian crear postos de traballo. Expectativas que, matizou, son totalmente falsas, como se ten demostrado.

Como exemplo, expuxo o caso de Telefónica, unha empresa que con 10.000 millóns de euros de beneficios o ano pasado vén de presentar un expediente de extinción de contratos para 8.000 traballadores/as. “Ou se mudan as políticas ou as posibilidades de creación de emprego serán moi poucas”, denunciou Seixo.

 

 

Un problema de toda a sociedade

Coas marchas, a CIG quere facer unha chamada á solidariedade con aqueles traballadores e traballadoras que nestes momentos están pasando por unha situación tan complicada como a que supón estar no desemprego. A este respecto, o secretario xeral da CIG sinalou que a sociedade ten que percibir ás claras que a problemática do desemprego non se limita só aos parados e paradas, senón que é unha lacra social e económica que afecta ao conxunto do país e a toda a sociedade.

Do mesmo xeito, preténdese mandar unha mensaxe ao colectivo de parados e paradas para que non caian na pasividade e “que se decaten de que a única maneira de mudar esta situación para a clase traballadora é a través da organización, a mobilización e a contestación social. Senón, é evidente que os gobernos non van mudar as políticas de recortes que están a levar a cabo”, asegurou Seixo.

 

 

 

 

 

Unha chamada contra a resignación

Antes de iniciar a marcha, os/as voceiros da Marcha da Coruña explicaban aos medios de comunicación os motivos que os levaron a participar desta mobilización. Duarte Abade, parado do sector servizos dende hai un ano e licenciado, puxo o acento na necesidade de que os desempregados/as galegos/as se mobilicen “para non caer na resignación e porque é importante que como clase traballadora, porque os parados/as seguimos a ser parte da clase traballadora, non abandonemos a loita polos nosos dereitos sociais e laborais”.

Parada e cunha licenciatura en Historia debaixo do brazo dende hai un ano, Águeda Rei, representa o día a día de moitos mozos e mozas galegas: a procura imposíbel dun emprego. Rei lembrou que na Galiza nestes intres hai unha taxa de paro xuvenil do 40%, unha das máis elevadas de Europa. Alén das dificultades para atopar un traballo, Águeda Rei denunciou as precarias condicións laborais nas que os mozos e mozas se ven obrigados a traballar. Neste senso, criticou que un dos supostos revulsivos económicos da comarca da Coruña, o macro centro comercial Marineda City, represente precisamente este tipo de contratación precaria, inestábel e sen dereitos. A propia Rei vén de ser despedida da superficie comercial logo de ser contratada por un período de tres meses. “En canto teñen que facerche un contrato estábel as empresas bótante á rúa”, denunciou.

“Iniciativas como esta son moi necesarias. É importante que a mocidade galega responda á crítica situación na que nos están condenando a vivir. Non queremos ter que emigrar para poder traballar”, aseverou.

 

Marcha de Lugo. Segunda xornada

A marcha que onte saía de Lugo, fixo nesta segunda xornada o camiño entre Guntín e Melide, a onde chegaron esta tarde. Ás 20:30 horas celebrarán unha asemblea na praza principal. Quilómetros de sol, vento e pendentes arriba e baixo que non puideron co seu bo ánimo.

Polo camiño a xente pregunta, con curiosidade os motivos da marcha. Eles explican, reparten panfletos e chaman a sumarse á manifestación do domingo en Compostela. Todos contra o desemprego.

Uxío Souto é un dos integrantes desta marcha. Até hai sete meses traballaba nunha empresa do sector do transporte. Desde entón é un máis dos 240.000 galegos e galegas que quedaron sen posto de traballo. Non pasou un día sen que intentara buscar un novo emprego. “Non atopo nin no transporte nin noutros sectores. Intenteino mesmo no sector gandeiro, pero din que non teño experiencia. Noutros dixéronme que era moi maior e só teño 46 anos”.

A muller de Souto tamén está no paro. “Non puido vir, porque está facendo un curso no INEM e se non asiste perde os 140 €”. Viven cunha prestación de 1.000 euros, da que pagan unha hipoteca e manteñen a unha filla na universidade. “Estou aquí porque creo que temos que loitar por un posto de traballo”, afirma.

Pola mesma razón camiña ao seu carón Jaime Fuentetaja, que leva 9 anos empadroado en Lugo, pero que chegou emigrado dun pobo de Segovia. A súa é unha vida de constantes entradas e saídas nas oficinas do INEM. A primeira, tras dunha suspensión de pagos na empresa na que traballaba, no ano 1992.

Unha das súas últimas experiencias frustradas foi a de Lugo Emprego. “Son un dos enganados”, asegura. A última un Obradoiro en Lugo que ofertaba 600 prazas e ao que se apuntaron 2.500 persoas. Para acceder tiñan en conta un baremo a partir do que se lle daba a cada un/unha dos/as aspirantes unha puntuación. “Os delineantes entraron con 13 puntos. Aos obreiros máis de 20”.

Fuentetajada ten 52 anos e desde decembro de 2010, non cobra nada. Aínda así insiste, “non son un parado, son un desempregado” e engade que “estou aquí non só porque é necesario, senón porque é obrigatorio”. Coincide en que hai que demandar medidas para crear emprego e garantir unhas condicións dignas ás miles de persoas, de familias, que xa non teñen ningunha fonte de ingresos, pero considera que tamén “temos que esixir que se nos devolvan os dereitos perdidos”.

 

De Miño a Betanzos, acurtando camiño

Sen acusar o cansazo dos quilómetros acumulados durante a primeira xornada, os compañeiros da Marcha de Ferrol avanzaban este xoves o seu camiño cara Compostela dende o Concello de Miño, onde o mércores polo serán celebraron un acto/asemblea para dar a coñecer á iniciativa e onde tamén pasaron a noite. Aproveitando a coincidencia coas festas da localidade, o acto, explica un dos voceiros da marcha, Daniel Lourenço, desenvolveuse o ritmo do son das gaitas, recibindo boa acollida por parte dos veciños e veciñas de Miño. Alí leuse un manifesto da marcha e explicáronse os motivos que teñen levado á convocatoria da mobilización.

Xosé Meizoso, outro dos voceiros, á súa chegada á Betanzos emitía unha valoración moi positiva do desenvolvemento que está a ter até o momento a marcha. Especialmente agradeceu o interese amosado polas persoas coas que se van atopando no camiño e as palabras de apoio que lles dedican. Porén, lamentou que, aínda na grave situación de desemprego que rexistra o noso país, haxa quen “nos diga que non queremos traballar, cando iso é totalmente falso, o que pasa é que non temos onde nin en que”.

 

Galería de imaxes da segunda xornada.

Imaxes do primeiro día.

 

Noticia extraida de Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto