Noticias Outras novas Mobilizacións Milleiros de persoas súmanse á manifestación coa que rematou a Marcha Galega polo Emprego en Compostela
 
 

Milleiros de persoas súmanse á manifestación coa que rematou a Marcha Galega polo Emprego en Compostela

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Suso seixo, secretario xeral da CIG, anuncia que a central sindical promoverá unha grande mobilización a finais de outubro de cara a preparar unha nova convocatoria de folga xeral
As marchas de desempregados e desempregadas que percorreron Galiza desde Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Vilagarcía confluíron este domingo na Alameda compostelá. Entre aplausos e malia o cansazo acumulado, sumáronse aos milleiros de galegos e galegas que saíron en manifestación convocados pola CIG para percorrer as rúas da capital de Galiza até a praza da Quintana. Alí foi onde Suso Seixo, secretario xeral da CIG, anunciou que a central sindical promoverá unha grande mobilización, a finais de outubro, xunto con outras organizacións políticas e sociais do país, que se intentará facer confluír con convocatorias similares noutras nacións do estado, de cara a preparar, se é posíbel, unha nova folga xeral, mesmo a nivel do estado español.

A manifestación partiu pasadas as 12:00 da mañá da Alameda, tras da chagada de todas as marchas procedentes de distintos puntos de Galiza. Ao remate da manifestación, na praza da Quintana, interviñeron os portavoces dos grupos de desempregados e desempregadas chegados de distintas partes do país para agradecer a solidariedade recibida, non só das xentes das vilas polas que foron pasando, senón tamén da propia CIG. Un tras outro foron reivindicando o “dereito a vivir e traballar na nosa terra”, como sinalou Margarita López, de Vigo; denunciar un sistema desigual que “machaca á maioría social” coa connnivencia dos “sindicatos de obediencia española”, os “da gaivota e os da rosa”, como lembrou Antón Somoza, fronte a organizacións sindicais como a CIG, como subliñou Daniel Lourenço, de Ferrol.

Pola súa banda Duarte Abade e Águeda Rei, portavoces da Marcha da Coruña, lembraron que esta experiencia serviu para demostrar que os desempregados “non podemos quedar na casa resignados mentres recortan os nosos dereitos” e como unha chamada á mobilización como única forma de cambiar a actual situación.

Do mesmo xeito, Sofía Carril, portavoz da marcha de Ourense, que se sumou a esta desde a comarca de Valdeorras, denunciou o monopolio das pizarreiras, que obrigan “aos obreiros” a aceptar as súas condicións para poder acceder a un posto de traballo, e demandou un verdadeiro proceso de industrialización en Ourense, para poder atopar “un posto de traballo digno”. Parados e paradas que foron despedidos durante estes últimos anos “por mor dunha crise que non provocamos”, como reiterou Ricardo Núñez, portavoz da marcha de Pontevedra.

 

As razóns da Marcha Galega polo Emprego

Suso Seixo, secretario xeral da CIG lembraba, na súa intervención ao remate da manifestación, que foron tres as razóns polas que a CIG acordou promover a Marcha Galega polo Emprego: a primeira, visibilizar o problema do paro en Galiza; a segunda, manifestar a solidariedade cun sector da poboación cada vez máis desprotexido; e a terceira, denunciar as políticas que se están a levar a cabo desde a Xunta de Galiza e desde a goberno español.

Políticas que, dixo, “non están a favorecer a creación de emprego”, como constatan os 240.000 desempregados/as que hai en Galiza, máis do 40% que non cobra nada, e unhas 70.000 familias nas que todos os seus membros están no paro. Ademais dos miles de mozos e mozas teñen que emigrar cada ano a buscar un posto de traballo fóra de Galiza.

Ante esta situación, denunciou que o Presidente da Xunta, Núñez Feijóo, asegurou na súa toma de posesión que remataría co problema do paro en 40 días, cando as súas políticas limitáronse a favorecer aos empresarios cando presentan os ERES; deteriorar os servizos públicos; oporse a incrementar os impostos ás rendas máis altas e apoiar á gran  patronal e ao capital financeiro.

O secretario xeral da CIG lamentou que a situación sexa tan dura e que haxa cada vez máis desempregados e máis familias que teñen dificultades para chegar a fin de mes, mentres os especuladores seguen a ingresar miles de millóns de euros ao ano. Por iso, dixo “estase a favorecer a aqueles que provocaron a crise, a aqueles que pretenden que sexa a clase traballadora quen pague esta situación”.

Seixo denunciou que “é mentira” que isto se vaia solucionar coas medidas que se foron adoptando até o de agora, e afirmou que “a reforma laboral, a reforma das pensións, a reforma da negociación colectiva, o recorte do gasto público só van favorecer a xeración de máis beneficios para as grandes empresas mentres se segue empobrecendo á maioría social, á clase traballadora”.

 

Alternativas

Asegurou que non é certo que non haxa alternativas, “como nos repiten para intentar convencernos desde o poder político, o poder económico e os grandes medios de comunicación” dos que denunciou que teñen como único obxectivo “desmobilizar e xerar conformismo”.

Por iso apelou á necesidade de que se encete unha nova política fiscal de carácter progresivo que grave máis a quen máis ten; que se remate cos paraísos fiscais, que se creen empresas públicas en sectores estratéxicos, como o financeiro, coa creación dunha banca pública, que permita apoiar ao tecido produtivo, ás pequenas empresas e ás familias. “É fundamental que cada vez haxa máis xente que se indigne con estas políticas de abuso de poder”, concluíu.

 

Loita de modelos, loita de clase

Porén, dixo, non se trata simplemente dunha loita entre modelos sociais e económicos diferentes. “É unha loita de poder cun forte contido político-ideolóxico e de clase”, que se materializa nunha loita do capitalismo contra a clase traballadora, “duns poucos contra  maioría social, cada vez máis empobrecida”.

Por iso reclamou un maior cabreo e indignación fronte o capitalismo neoliberal, que non garante nin o “dereito á vivenda, nin un posto de traballo digno, nin o dereito ao ensino, á saúde ou a unha pensión”, para converter esa indignación en “mobilizacións en demanda de políticas que si están do lado da clase traballadora” e que se traduza tamén no apoio a aquelas organizacións políticas nacionalistas “que están do noso lado, defendendo estas outras políticas”.

 

Galería de imaxes dos últimos quilómetros das marchas

Galería de imaxes da manifestación

 

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto