Noticias Persoal Contratacións Preguntas frecuentes Novo Pacto
 
 

Preguntas frecuentes Novo Pacto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O SERGAS ven de enviarnos un documento de Preguntas Frecuentes sobre o Novo Pacto, que reproducimos aqui. Proximamente pasarán a publicalo na web do SERGAS.

 

PREGUNTAS FRECUENTES NOVO PACTO DE CONTRATACIÓNS

 

Ø  O novo Pacto que regula o acceso para vinculacións temporais no Servizo Galego de Saúde foi publicado no DOG do 9 de maio (pode consultarse na web).

Ø  Nel  regúlase a selección e baremos para acceso de persoal estatutario temporal no ámbito da relación de servizos cos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e foi asinado con todas as organizacións sindicais con representación na mesa sectorial.

 

As principais novidades do novo pacto son dúas:

 

Ø  Que aplica os mesmos baremos da OPE 2008/2009.

Ø  Que prevé un novo método de elaboración de listaxes a través dun expediente electrónico de uso previsto para os/as profesionais e aspirantes que desexen acceder a postos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, denominado expedient-e.

 

Co fin de que se coñezan os aspectos máis relevantes do novo método e sistema de acceso, xuntamos información de interese para os/as aspirantes, que se irá ampliando e completando de forma paralela ao avance do proceso de execución.

 

Cando poderán os/as aspirantes acceder ao expedient-e?

 

O inicio do funcionamento do expedient-e está previsto para a segunda quincena de xullo de 2011. A data de inicio exacta será publicada mediante Resolución no DOG e na web da Consellería de Sanidade. Este novo método e sistema de xestión do currículo terá unhas normas de funcionamento accesibles dende a sede electrónica do Sergas, www.sergas.es e será previo á apertura dos procesos de inscrición nas listaxes de selección temporal e promoción profesional.

 

A partir do inicio citado os/as aspirantes poderán rexistrarse no sistema de xestión do seu currículo, acceder e consultar a información dos aplicativos de persoal, visibles dende o seu expedient-e profesional, poden tamén  introducir todos os seus datos e méritos, ben por ser novos ou ben para completar os existentes.

 

Como se acreditan os méritos rexistrados no expedient-e?

 

Con documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados, mediante documentos orixinais ou compulsados nos rexistros das administracións públicas ou dos centros sanitarios, ou outros medios que garantan a súa autenticidade. O formulario de solicitude de validación imprimirase desde o expedient-e e irá dirixido a unha unidade de validación. As unidades de validación están nos centros sanitarios de atención primaria e especializada, direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde ou entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade: FEGAS, CTG, GALARIA e 061.

 

Que prazos teño que ter en conta?

 

Os prazos de inicio do expedient-e e os prazos de inscrición dos procesos de listaxes son distintos.

 

Aconsellamos empezar recopilando a documentación. Cando estea operativo o sistema, débese continuar co rexistro dos datos e méritos e por último débese acreditar a información mediante documentación orixinal ou compulsada. Posteriormente deberá continuarse coa inscrición nas listaxes. O prazo de inicio da inscrición será previsiblemente en setembro, coa debida publicidade e  anunciado no DOG e na web.

 

Cando poderán os/as aspirantes inscribirse nas novas listaxes?

 

Publicarase no DOG e na páxina web da Consellería de Sanidade a data de inicio do prazo de inscrición das listaxes de selección temporal e promoción profesional, previsiblemente en setembro.

 

Como será a inscrición nas novas listaxes?

 

Será telemática e realizarase a través do FIDES (o enlace figurará na web do Servizo Galego de Saúde), co nome de usuario e contrasinal. O persoal vinculado ao Servizo Galego de Saúde xa dispón de ditas claves; ao persoal de nova incorporación seranlle facilitadas, logo de rexistrarse no sistema. Necesitará unha dirección de correo electrónico.

 

Se figuro nas listaxes anteriores, ¿teño que inscribirme de novo?

 

Si, resulta obrigatorio inscribirse nas listaxes para figurar nelas. Non inscribirse terá como consecuencia que non sairás incluído/a nas listaxes e non poderás ser chamado/a para vinculacións temporais. Non figurar inscrito nas listaxes terá tamén consecuencias nos ceses derivados da incorporación de persoal fixo, se se trata de persoal interino ou eventual.

 

Como é o novo sistema?

 

O/a profesional rexistra os seu datos e méritos e constrúe o seu currículo; nós axudarémoslle mediante axudas on line, a través de puntos de acceso e información nos centros e tamén coa información personalizada nos  servizos de persoal e recursos humanos dos centros de atención primaria e especializada, direccións provinciais e as entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade: INGO, FEGAS, CTG, GALARIA e 061.

 

Cales son os pasos fundamentais para utilizar ben o expedient-e?

 

1º. Recopilar toda a documentación que vai a entregar acreditativa de títulos e méritos.

 

 

2º. Acceder:

 

Recomendamos se acceda con certificado dixital.

Se non tes certificado dixital :

 

Ø  Se eres novo/a no Servizo Galego de Saúde, ten a man a túa tarxeta sanitaria para consultar o CIP. Deberás dispoñer dunha conta de correo electrónico persoal, xa que resulta obrigatoria para poder xestionar o teu expedient-e.

Ø  Se eres ex traballador/a do Servizo Galego de Saúde, debes ter a información sobre a última nómina e a data de cese do último vínculo.

Ø  Se eres un/ha profesional en activo debes ter o usuario e contrasinal corporativa pero so poderás acceder dende a rede do SERGAS. Fora da rede terás que acceder con certificado dixital.

 

3º. Unha vez iniciado o acceso ao expedient-e profesional, na data que se indique previsiblemente no mes de xullo, debes introducir ou modificar os datos persoais e méritos novos. Desde este momento pódense entregar xa na Administración para a súa validación, xunto cun formulario de solicitude de validación que aparecerá no expedient-e, de acordo coas normas de uso do expedient-e e que se publicará na páxina web da Consellería de Sanidade. Será destacado na páxina.

 

4º.- Co inicio do expedient-e, a Administración comezará a validar a documentación aportada polos/as interesados/as.

 

5º.- Abrirase o prazo de inscrición para acceso ás listaxes, que se publicará previsiblemente en setembro no DOG e na páxina web do Servizo Galego de Saúde, e que permitirá o acceso ao proceso de selección temporal para prestar servizos temporais nas categorías estatutarias convocadas. Os procesos de selección temporal e promoción profesional están previstos no Pacto de 9 de maio de 2011.

 

6º. Prevese o inicio da publicación de resultados mediante listaxes o día 31 de outubro de 2011.

 

Como son os baremos de acceso a listas para vínculos temporais?

 

Son os baremos da última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na categoría na que desexe optar o/a aspirante.

 

Os baremos poden consultarse na páxina de emprego público na OPE correspondente a 2008-2009 na maior parte das categorías. Para as que non figuren nesa OPE ou na OPE anterior, os baremos aplicables serán similares e publicaranse no DOG.

 

A puntuación total será a máxima acadable no concurso-oposición da categoría correspondente ou nos novos baremos que se publiquen.

 

O baremo de méritos para ordenar aos/ás  aspirantes ten en conta o seguinte:

 

-       A/s nota/s obtida/s no/s exercicio/s: esta puntuación supón un 60% do total do baremo (máximo tope de puntos dos exercicios).

-       A experiencia, a formación e outras actividades: segundo o baremo correspondente: 40% da puntuación restante do baremo.

 

Se non me presentei á OPE?

Podes participar no sistema de acceso pero non terás puntuación no mérito correspondente a notas dos exercicios ( agás que acredites coñecemento da lingua Galega). Terás a puntuación que resulte de aplicar o baremo correspondente da categoría aos méritos que rexistres. Ten en conta que se valora o coñecemento da lingua galega.

 

Se non teño ningún mérito?

Podes participar no sistema de acceso pero non terás puntuación nas listas; si terás un número de orde. Debes ter os requisitos esixidos para cada categoría profesional e que figuran nun enlace na web do Servizo Galego de Saúde, no apartado de emprego público - listaxes de contratación.

 

Que é a baremación automática?

 

O propio sistema informático encargarase de asignar a puntuación de cada mérito atendendo ao baremo establecido en cada proceso e categoría. Os méritos poden estar validados polo propio sistema ou ser novos.

 

Os méritos validados dos que xa dispón o sistema  e que serán visibles para os/as aspirantes e profesionais, e polo tanto que non é necesario volver a acreditalos son:

 

-       Servizos prestados no Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

-       Cursos da programación da FEGAS.

-       Cursos aportados e baremados na convocatoria anterior de listaxes de selección temporal no Servizo Galego de Saúde.

 

A titulación dos/as profesionais con praza fixa aparecerá inicialmente como non validada cunha “P” no estado. O persoal fixo non terá que volver a aportar a titulación acreditada para o acceso á praza que obtivo polo sistema de selección  e provisión correspondente. A validación dos títulos deste persoal fixo será realizada polos servizos de persoal ou recursos humanos dos centros sanitarios. Na medida que vaia completando a información de títulos, irá aparecendo o estado “V”, de validada.

 

Os novos méritos e requisitos deberán ser acreditados documentalmente nas unidades que se establezan polo procedemento indicado nas normas de funcionamento do expedient-e. Posteriormente serán validados por persoal específico nomeado para esa tarefa no Servizo Galego de Saúde.

 

Como son as novas listaxes?

 

A selección de persoal estatutario temporal realizarase, con carácter xeral, a través dunha única listaxe por categoría e ámbito territorial de dispoñibilidade, diferenciando dúas quendas de acceso: libre e promoción interna.

 

-       Quenda de acceso libre:

 

o    Listaxes únicas por cada categoría profesional e ámbito territorial.

 

§  Listaxes en cada unha das áreas sanitarias na maior parte das categorías: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Monforte, Pontevedra, O Salnés, Vigo, Ourense e o Barco de Valdeorras.

 

§  Listaxes nas áreas sanitarias con zonificación: Cee (na área de A Coruña), Barbanza (na área de Santiago) e Verín (na área de Ourense).

 

§  Listaxes de ámbito autonómico: médico/a coordinador do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061.

 

o    Listaxes compatibles: dentro de cada colectivo profesional permítese a inscrición en varias categorías, nos termos establecidos no anexo I do Pacto.

 

-       Quenda de promoción interna temporal:

 

§  Listaxes en cada unha das áreas sanitarias (nos mesmos termos e ámbitos que na quenda libre: 11 áreas e 3 zonas especiais (Barbanza, Cee e Verín).

§  Listaxes de ámbito autonómico: Médico/a coordinador do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061.

 

Que integran as áreas?

As áreas están integradas polos centros seguintes:

 

o    Complexos Hospitalarios: Centros hospitalarios e centros de especialidades.

o    Xerencias de Atención Primaria: Unidades e servizos de atención primaria e PACs.

o    Entidades públicas adscritas: Galaria, 061, CTG, INGO e FEGAS.

 

En que categorías pode un inscribirse?

 

A inscrición será nun ámbito territorial e categoría, segundo a relación que se amosa a continuación:

 

-       Persoal diplomado sanitario e de formación profesional: matrón/a, enfermeiro/a, enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a do 061, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, técnicos/as especialistas, fisioterapeuta e logopeda.

-       Persoal de xestión e servizos (as máis demandadas): auxiliar administrativo/a, celador/a, PSX, pinche e outras.

-       Pediatra e Farmacéutico/a de Atención Primaria.

-       Médico/a de Familia.

-       Odontólogo/a.

-       Técnico de Saúde de atención primaria.

-       Médico/a de urxencias hospitalarias.

-       Médico/a coordinador e médico/a asistencial do 061.

-       Médico/a especialista en Medicina do Traballo.

-       Psicólogo/a Clínico/a.

 

Naquelas categorías declaradas especificamente como compatibles no anexo I do Pacto, o aspirante poderá inscribirse en máis dunha delas.

 

Se figuro nas listaxes anteriores, teño que pagar taxas?

 

Se continúas como aspirante na mesma categoría non terás que pagar taxas. Se cambias de categoría ou te inscribes nunha nova terás que aboar as taxas correspondentes. Os novos aspirantes que non figuraban na listaxe anterior terán que pagar as taxas de acordo coa Lei.

 

Xa figuro como aspirante nas listaxes anteriores, ¿cómo teño que facer para inscribirme e actualizar os méritos?

 

Publicarase a data de inicio do expedient-e do/da profesional onde estará dispoñible a información do teu currículo e a posibilidade de actualización.

 

Posteriormente publicarase a data de inscrición, resulta obrigatorio inscribirse para todos os que desexen acceder a postos de natureza temporal no Servizo Galego de Saúde.

 

Cando entra en vigor o novo sistema de selección e promoción?

 

Ø  As normas do novo Pacto serán aplicables coa publicación das próximas listaxes previstas para o 31 de outubro de 2011.

Ø  As actuais listaxes continuarán regulándose polo Pacto do 24 de maio de 2004 (DOG nº 104, do 1 de xuño), conforme ao cal se publicaron, e ata que se elaboren e publiquen as novas.

 

Contacta

 

De ter algunha dúbida poderá dirixirse á dirección de correo electrónico novopacto@sergas.es e seralle respondida á maior brevidade.

 

O novo pacto e demais información poderá consultalo na páxina web do Servizo Galego de Saúde: www.sergas.es/empregopublico/listasdecontratacion.

 

De ter problemas cos accesos ao expedient-e poderá dirixirse a un punto de información situado nos centros sanitarios, direccións provinciais e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, unha vez se inicie o prazo de apertura do expedient-e.

 

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto