Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Sanidade publica os decretos de xestión integrada, malia as graves consecuencias que ten este modelo
 
 

Sanidade publica os decretos de xestión integrada, malia as graves consecuencias que ten este modelo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A consellaría aproveitou o mes de agosto para sacalos, sen previa información ás partes interesadas

 

CIG-Saúde vén de denunciar que a consellaría de Sanidade acaba de publicar no DOG deste venres os decretos de xestión integrada de Pontevedra-Salnés e Ourense-Verín-O Barco, aproveitando que estamos en período estival e sen informar previamente nin á poboación, nin aos traballadores/as, nin aos seus lexítimos representantes. Para a CIG-Saúde o único obxectivo que se pretende con esta decisión, é afastar as tomas de decisión dos centros sanitarios sen ter en conta as repercusión que isto terá para a poboación e sen atender ningunha das reclamacións feitas polas distintas plataformas en defensa da sanidade pública.

 

O modelo que impón a consellaría de Sanidade, baseándose nunha suposta austeridade e diminución de estruturas directivas que realmente non se dá, supón crear un marco normativo de xestión que supere os límites xeográficos das actuais áreas sanitarias. CIG-Saúde denuncia que o que realmente están a facer é mudar o actual mapa sanitario, baixo unha única xerencia que acollerá dispositivos sanitarios integrados territorialmente en áreas diferentes ás actuais.

 

Isto condiciona de xeito negativo o futuro desenvolvemento da atención primaria quedando subordinada ás estratexias de xestión dos centros hospitalarios.

 

Nos decretos fai referencia ademais aos servizos socio-sanitarios, como se recolle no Plan estratéxico do SERGAS 2011-2014. Os doentes crónicos serán remitidos ao plano integramente socio-sanitario, sector que esta administración pretende privatizar. CIG-Saúde denuncia que isto é desprazar a estes doentes dos servizos sanitarios a outros dispositivos non sanitarios.

 

CIG-Saúde lembra que no seu día a administración publicou o Plan de Ordenación de Recursos Humanos no que se adaptan as condicións laborais do persoal do SERGAS á creación das novas estruturas de xestión integrada nas áreas. O único que lexitima este Plan son unha serie de medidas de flexibilidade laboral: mobilidade xeográfica e funcional, traslados forzosos entre os niveis de asistencia (primaria e especializada) e cláusulas nos nomeamentos do persoal temporal eventual para prestar servizos noutras áreas distintas ás que foron contratados.

 

Para a CIG-Saúde non é real a suposta austeridade, porque se mantén o mesmo persoal nas estruturas directivas, cambiando unicamente a súa denominación, sen que se saiban sequera, as súas retribucións e os seus complementos de produtividade, constatándose así a absoluta falta de transparencia desta administración.

 

Alén diso, para a CIG-Saúde fronte a este, o que debería imperar sería un modelo de xestión integrada onde realmente o doente sexa o eixo principal do sistema sanitario. Por iso, lamenta que non foran atendidas, nin as alegacións presentadas pola central sindical, nin as demandas da poboación canalizadas a través das plataformas sanitarias.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto