Noticias Outras novas Mobilizacións Galiza pola soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude!
 
 

Galiza pola soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Concentración nacional en Compostela o sábado 17 de setembro na Praza da Quintana, ás 18:00 horas

Catorce organizacións sindicais, políticas e sociais veñen de presentar a convocatoria dunha concentración en Compostela para o vindeiro sábado día 17 de setembro, ás 6 da tarde na Praza da Quintana, baixo o lema “Galiza pola soberanía, os dereitos sociais e os servizos públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude!" Os convocantes chaman a participar masivamente para manifestar un rotundo rexeitamento ao antidemocrático pacto acadado entre PP e PSOE que terá graves consecuencias nas nosas condicións de vida e que limita a capacidade de Galiza para adoptar políticas propias en materia económica.
No acto de presentación, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, manifestou que introducir o principio neoliberal do déficit cero na Constitución ten como obxectivo “minimizar o Estado para que todo quede en mans do capital privado”.

Alertou de que xa nos orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza terá consecuencias, polos recortes que se van aplicar no gasto social e nos investimentos públicos e, polo tanto, na calidade dos servizos públicos e nunha caída do emprego nestes sectores.

Advertiu que estas medidas lonxe de “frear aos especuladores” levan a unha creba da economía, como está ocorrendo en Grecia e denunciou que son o propio BCE e os estados europeos os que están a fomentalas “para recapitalizar a banca incrementando os seus beneficios”.

Asegurou que é falaz o argumento esgrimido por PP e PSOE, comparando unha economía familiar coa economía dun Estado, cando din que unha familia non pode gastar máis do que ingresa. “Foron estes partidos quen as levaron a recorrer ao endebedamento para fomentar o consumo e para alimentar a burbulla inmobiliaria”, afirmou.

Lembrou que un Estado ten mecanismos para diminuír o déficit. Como exemplo puxo incrementar os ingresos pola vía de aplicar políticas fiscais que graven aos que máis teñen e fixo un chamamento a combater a mensaxe constante de que “esta é a única vía para saír da crise”.

Así, reiterou a necesidade de concienciar á poboación de que “hai alternativas políticas e sociais a estas medidas” que, denunciou, “só serviron para incrementar o desemprego e precarizar os servizos”.

O problema é o modelo neoliberal

Na presentación do acto interveu tamén o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen cualificou esta modificación da Constitución como “antidemocrática, antigalega, antisocial e inútil”, que supón “un salto cualitativo gravísimo” do PP e PSOE que pretenden así deixar claro que “goberne quen goberne fará unha soa política”.

Vázquez responsabilizou o modelo neoliberal da actual situación de crise e das respostas que se están a articular para combatela e afirmou que “mentres non se ataque ese modelo as cousas van ir a peor”.

O portavoz nacional do BNG coincidiu co secretario xeral da CIG ao asegurar que é necesario abrir o debate e facer comprender a gravidade destas decisións que “non son inocuas” porque condicionan “o futuro do punto de vista social e do país” . Chamou a participar no acto previsto para o vindeiro sábado para manifestar que unha parte importante da sociedade “non está disposta a resignarse e aceptar esta política letal para a nosa nación” porque, advertiu, de seguir así “a crise do 29 vai quedar en anécdota”.

O futuro do rural galego

Pola súa banda, Xosé Alfredo Pereiro, representante da Organización Galega de Montes en Man Común, lamentou as graves consecuencias que estas políticas neoliberais están a ter no rural galego. Sinalou ao PP como alumno adiantado na súa aplicación e denunciou que o propio conselleiro do Medio Rural xa afirmou que “o rural galego non ten futuro”.

Das lesivas políticas que se foron adoptando desde que chegou o PP ao goberno da Xunta e que exemplifican como se materializa o neoliberalismo no rural salientou o decreto eólico, a eliminación das axudas para o sector agrario e gandeiro ou a privatización dun sinal de identidade de Galiza, alén dun ben de todos os galegos e galegas, como son Montes en Man Común.

Aínda que só houbo estas tres intervencións en representación das 14 organizacións, na presentación da convocatoria estaban, alén da Organización de Montes en Man Común, a CIG e o BNG, ADEGA, Comités, FRUGA, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a AS-PG, Galiza Nova, a Liga Estudantil Galega, Plataforma en defensa dos Servizos Sociais Públicos, Galiza Cultura, MEU e Rede Galega de Empresas.


Noticia en Avantar.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto