Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria O noso compañeiro, Xabier Aboi, demanda que se adopten medidas contra Pilar Farjas polas consecuencias dos recortes no servizo de ambulancias en Marín
 
 

O noso compañeiro, Xabier Aboi, demanda que se adopten medidas contra Pilar Farjas polas consecuencias dos recortes no servizo de ambulancias en Marín

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O deputado do BNG, Bieito Lobeira, presenta os datos oficiais da Consellaría de Sanidade, onde se reflicten os tempos de tardanza na resposta a emerxencias

O responsábel comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi, comparecía en rolda de prensa acompañado polo deputado do BNG, Bieito Lobeira, para avaliar as consecuencias dos atrasos nos tempos de resposta da ambulancia de Marín, logo de ter sido recortado o servizo de ambulancias por decisión da consellaría de Sanidade. O deputado nacionalista aclarou que os datos foron proporcionados pola propia consellaría, logo de seren demandados en sede parlamentaria polo BNG.
2011 11 14 roldaPrensaAboilobeiraAmbulancias
Segundo Aboi, estes datos constatan que os atrasos son cada vez máis considerábeis. De feito, o 19 de setembro, tras saltar unha alarma no servizo de emerxencias ás 21:48 horas, a ambulancia de Marín, que foi desviada a Pontevedra ás 21.30 horas por orde da Consellería, estaba inmobilizada e tivo que vir a de Pontevedra, que tardou 24 minutos en atender ao doente cando “se estivera en Marín, estaría en 2 minutos” porque a alarma produciuse a carón da base da ambulancia.

O responsábel comarcal da FGAMT denuncia que, segundo os datos aportados pola consellaría, a media de resposta é de entre 19 e 26 minutos, o que “provoca que non se atenda adecuadamente á xente”.

Do mesmo xeito, na noite do 24 ao 25 de setembro, coincidindo coa celebración en Marín da festividade de San Miguel, “entre as 3 e as 4 da madrugada non houbo ambulancias na comarca de Pontevedra, que quedou desatendida, porque estaban todas en Marín. Si había ambulancias, pero as unidades estaban apagadas na base”.

Dos datos proporcionados pola Consellaría tamén se desprende que entre o día 28 ás 8:04 horas foi activada unha alerta no centro de control de emerxencias 061, non sendo atendido o paciente até as 8:23 horas. “Lamentabelmente a persoa morreu, non sabemos a causa nin se esta persoa seguiría con vida , pero si que a ambulancia tardou máis ao ter que vir de Pontevedra”.

O día 29 de setembro ocorreu algo semellante. Ás 5:03 horas activouse outra alerta que foi atendida ás 5:22. A conclusión é que, segundo os cálculos de CIG e BNG, o tempo medio de resposta, pola noite, é de até 18 minutos.

Cinco mortos por distintas circunstancias

Segundo as informacións das que dispoñen Lobeira e Aboi, a estas alturas irían xa cinco persoas mortas, por distintas circunstancias. “Non sabemos se o resultado tería sido o mesmo se os tempos de resposta fosen inferiores, pero si é verdade que é imposíbel que a ambulancia tarde o mesmo estando en Pontevedra que estando en Marín”.

Diante desta situación, o deputado nacionalista anunciou que o BNG solicitará a comparecencia da conselleira para explicar este asunto no Parlamento. Lobeira considera “surrealista” que se persiga a quen “defende a sanidade pública” e non se intente solucionar o problema que está provocando o recorte do servizo de ambulancias en Marín. Un recorte xustificado, dixo, polas supostas políticas de “austeridade”, que pon en xogo a “saúde da xente”.

Para o responsábel comarcal da FGAMT, é de especial gravidade que ante esta situación a consellaría presentara unha denuncia contra Xabier Aboi e contra a CIG, por facer públicas as deficiencias dun servizo básico, no canto de adoptar medidas contra quen ten a responsabilidade de recortalo. “O normal é que a procesada fose Pilar Farjas”, afirma.

Aboi foi chamado a declarar por un presunto delito de revelación de segredos, nunha rolda de prensa na que denunciou os recortes nos servizos de emerxencias públicos e as súas consecuencias.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto