Noticias Persoal Outras novas CIG-Saúde denuncia a transferencia de competencias do persoal do SERGAS ao persoal da concesionaria de limpeza do CHUS
 
 

CIG-Saúde denuncia a transferencia de competencias do persoal do SERGAS ao persoal da concesionaria de limpeza do CHUS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que se prepara o camiño para privatizar servizos, como facer camas ou axudar no aseo aos doentes

CIG-Saúde vén de remitir un escrito dirixido á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, Esperanza Fernández Lago, no que reclama que, de inmediato, se proceda á retirada do prego de prescricións técnicas particulares da contrata de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), de funcións que se atribúen ao persoal da concesionaria que, até o de agora, eran propias de persoal do SERGAS.

O prego de prescricións técnicas particulares que ha de rexer a contratación, polo procedemento aberto, do servizo de limpeza para los centros integrantes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (EXPEDIENTE AB-CHS1-11-002) recolle, na  guía de procedementos de limpeza no medio hospitalario-Protocolos Intercentros, como funcións atribuídas ao persoal da concesionaria “a preparación da cama do doente, utilizando sabanas, mantas e colchas limpas”, así como tarefas de asistencia, subliñando que “os doentes deben ducharse e cambiarse de roupa”.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que “esta transferencia de funcións ten o obxectivo de iniciar a privatización de certas tarefas e a diminución do cadro de persoal estatutario”.

Por iso, solicita no escrito que de inmediato, a Administración proceda a “retirar deste prego as funcións que se describen e todas as relativas ás funcións que na actualidade son competencia do persoal estatutario”.

Do mesmo xeito, sinala que o tema das competencias profesionais debe ser abordado na Mesa Sectorial, xa que son condicións de traballo do persoal. “Exiximos transparencia na política de persoal;  non é boa práctica intentar colar cousas ás agachadas”, conclúe.

Folga das/os traballadores da limpeza

Esta é, entre outras, unha das razóns polas que as/os traballadoras/es da concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria do CHUS están en folga. Alén de reducir en case que 700.000 € a contrata, consideran inadmisíbel que no prego de condicións se incluíran conceptos que vulneran o convenio colectivo, como cambios de horarios, de zonas de traballo que non se corresponden coas que teñen encomendadas ou que se eliminen as especificacións das funcións do persoal, que si aparecen delimitadas polo miúdo no actual convenio.

CLECE adebédalles, desde hai máis de ano e medio, polo concepto de carreira profesional, uns 120 euros mensuais a cada traballador/a. Malia o TSXG ter emitido, hai catro meses unha sentenza que obriga a efectivizar o seu pagamento, nin a empresa o asumiu, nin o SERGAS a obrigou a cumprila.

A folga que teñen convocada repetirase nas xornadas dos días 25 e 30 de novembro e 12 de decembro. A CIG-Saúde manifesta a súa solidariedade coas súas xustas reclamacións, que agarda que sexan atendidas, polo ben das/os traballadoras/es e polo ben da sanidade pública.

A nova en Avantar.
 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto