Noticias Sanidade Pública Outras novas CIG-Saúde reclama o correcto cumprimento dos Acordos de PACs e unha reunión urxente da Comisión de Seguimento
 
 

CIG-Saúde reclama o correcto cumprimento dos Acordos de PACs e unha reunión urxente da Comisión de Seguimento

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Entrega no rexistro da consellaría de Sanidade 400 sinaturas de médicos/as e enfermeiros/as apoiando estas demandas

CIG-Saúde demandou, en rolda de prensa, o correcto cumprimento dos acordos de Puntos de Atención Continuada (PACs) e solicitou a reunión, con carácter urxente, da Comisión de Seguimento dos Acordos para tratar aspectos como cómputo de xornada; confección de calendarios; cumprimento da acta do 16 de xuño e contratación de persoal das listas. Antes da rolda de prensa presentou, no rexistro da consellaría de Sanidade, 400 sinaturas de médicas/os e enfermeiras/os sumándose a estas reclamacións.
María Xosé Abuín Alvarez, Secretaria Nacional de CIG-Saúde, Lois Méndez e Manuel G. Moreira, da Executiva Nacional de CIG-Saúde, acompañados de enfermeiras/os e médicas/os de PACs (dispositivos de urxencias de Atención Primaria), foron os encargados de explicar a situación na que se atopa, neste intre, o persoal destes centros e as súas demandas.

Así lembraron que, o 26 de outubro, a CIG-Saúde presentou por rexistro un escrito no que xa se solicitaba que, con carácter urxente, se reunira a Comisión de Seguimento dos Acordos. Diante da ausencia de resposta, CIG-Saúde puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas á que se sumaron 400 médicos/as e enfermeiros/as de PACs, reiterando esta demanda.

A través deste escrito reclaman, no que respecta a cómputo de xornada, unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual, na que se penaliza aos traballadores/as cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído.

Xunto a isto, demandan calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadoras/es construídos con criterios de equidade. Uns calendarios nos que entenden que “a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e todos os permisos”.

Respecto do cumprimento da Acta do 16 de xuño, na súa aplicación en cada área reclaman que, de quedar horas suficientes (1.623 horas anuais), se proceda á creación dun vínculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.

Do mesmo xeito exixen que se cumpran os apartados do acordo que estabelecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que os incumprimentos reiterados da administración respecto destes acordos está a dificultar un bo clima laboral que, entende, a administración debería ser a primeira interesada en favorecer para garantir a mellor calidade asistencial posíbel. “E máis na atención primaria, que é a porta de entrada ao sistema sanitario”.

Por iso CIG-Saúde reclama que alén de convocar á comisión de seguimento con carácter de urxencia, “para unificar criterios deben acudir a ela os responsábeis de todas as xerencias”.

Para esixir a convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Atención Primaria, iniciaranse mobilizacións cunha concentración que se levará a cabo o xoves día 15 ás 11 hs. diante do Edificio do SERGAS.

A nova en Avantar.
 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto