Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A CIG-SAUDE SEGUIRÁ A DENUNCIAR OS RECORTES NA SANIDADE E A LOITAR CONTRA A PRIVATIZACIÓN
 
 

A CIG-SAUDE SEGUIRÁ A DENUNCIAR OS RECORTES NA SANIDADE E A LOITAR CONTRA A PRIVATIZACIÓN

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Alerta de que estas medidas que pretende impor o PP conducen ao co-pago, favorecen o desmantelamento do sistema sanitario e pretenden a súa definitiva privatización

CIG-Saúde denuncia que cobrar por comida e ducha nunha hospitalización, ou polas próteses, atenta contra a equidade

 

O PP comeza a facer pública agora a súa axenda oculta en materia sanitaria. Axenda de cuxa existencia xa se viña advertindo e que conduce, segundo CIG-Saúde, ao co-pago e ao desmantelamento do servizo sanitario público. Por iso a federación exixe a súa retirada, sequera do debate, e alerta da pretensión do goberno Feijóo de privatizar o sistema.

 

A eliminación de dereitos para as persoas sen recursos, co constatado bloqueo de tarxeta sanitaria, foi tan só un adianto do que se nos vén enriba. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lanzaba o primeiro globo sonda o pasado xoves, abrindo a posibilidade de cobrar por servizos que veñen de definir como “non sanitarios” e que suporían cobrar pola comida, a lavandería ou a ducha durante o período de hospitalización. Agora o SERGAS engade a posibilidade de que os doentes adianten os cartos do material ortopédico.

 

A este respecto, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é contundente. “Os coidados integrais dunha persoa cando está hospitalizada son un todo e iso inclúe, a hixiene e a dieta que son fundamentais para a recuperación do doente”. A isto engade que a pretensión de cobrar por certos servizos suporía “pagar dúas veces, porque a través dos nosos impostos xa temos cotizado para que se garanta o servizo”, afirma.

 

Abuín denuncia tamén a hipocrisía do PP que di que non vai haber ‘recortes’ senón ‘reaxustes’, asegurando que do que se trata é de contribuír solidariamente. Fronte a isto, a CIG-Saúde denuncia que “estas medidas supoñen unha flagrante perda de dereitos para as persoas con menos recursos e menos capacidade adquisitiva, rachando, en consecuencia, cun dos principios do sistema sanitario público: a equidade”.

 

Que estas medidas se dean a coñecer transcorrido menos dun mes logo da celebración das eleccións xerais non é, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, casual. Ao seu entender “xa as tiñan decididas, pero dado o seu carácter antisocial, agardaron a publicitalas para garantir a maioría absoluta do PP. Unha vez conseguido este obxectivo poden quitar a máscara e comezar a aplicalas facendo uso do seu rodillo parlamentario”.

 

Abuín advirte de que estas políticas que pretende impor o PP no sistema sanitario son tomadas do modelo británico, aplicando o criterio de ‘efectividade de custo’ e ‘rendibilidade’ aplicado polo Instituto Británico de Saúde. Unha institución que, lembra, foi alcumada como ‘instituto nazi’ porque exclúe do sistema aquelas intervencións que non son rendíbeis. A modo de exemplo, a secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que unha intervención nunha persoa de 80 anos pode non ser rendíbel para o sistema, pero si pode mellorar substancialmente a súa calidade de vida.

 

Por iso, CIG-Saúde exixe a paralización destas propostas, que vulneran dereitos básicos e rachan cos principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública, coa única pretensión de favorecer a subscrición de seguros privados e ás empresas que os xestionan. Do mesmo xeito, insiste en que a propia Constitución española recoñece o dereito á saúde e lembra que mesmo na Lei de Saúde de Galiza se estabelece o dereito a atención sanitaria con cargo a fondos públicos e con cobertura universal. 

 

 

Compostela, 9 de decembro de 2011.

Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto