Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Consecuencias do Decretazo de Rajoy no Emprego Público
 
 

Consecuencias do Decretazo de Rajoy no Emprego Público

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Deixámosvos aqui un informe da nosa Asesoría Xurídica sobre cómo afecta o Decreto que ven de publicar o goberno de Rajoy ao Emprego Público. Como vedes, os efectos, algúns xa volos fomos anunciando, son devastadores. Só coa unión de todos/as os/as traballadores/as poderemos frear esta marcha atrás nas condicións laborais.

“ISTO É SÓ O PRINCIPIO DO PRINCIPIO”

COMO AFECTA AO EMPREGO PÚBLICO O PRIMEIRO DECRETAZO DE RAJOY?

No BOE do 31 de decembro de 2011 foi publicado o Real Decreto-lei 20/2011, do 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público. Como recoñeceu –de forma desacougante– a vicepresidenta do Goberno español, é só “o principio do principio” dunha serie de reformas lexislativas a medio prazo.

O Real Decreto-lei 20/2011, do 30 de decembro, ten carácter básico e resulta aplicábel a todas as administracións públicas nalgunha das súas previsións. Noutras, porén, só se aplica á Administración Xeral do Estado, polo que haberá que agardar ao que dispoña o Parlamento de Galiza respecto do sector público autonómico e municipal. Vexamos, pois, cales son as reformas e o seu alcance:

1.    Conxelación das retribucións dos empregados públicos.

A medida é taxativa: “En el año 2012, las retribuciones del personal al servicio del sector público no podrán experimentar ningún incremento respecto a las vigentes a 31 de diciembre de 2011”. É, ademais, moi exhaustiva, para evitar calquera risco de fuga:

a)    Afecta a todos os empregados públicos: funcionarios, estatutarios, laborais e tamén aos altos cargos.

b)    Conxélanse “as retribucións” e tamén “a masa salarial”.

c)    Anula ás achegas a planos de pensións de emprego ou contratos de seguro colectivos que inclúan a cobertura da continxencia de jubilación, que fican reducidas a cero.

d)    Aplícase a todo o sector público, no sentido máis amplo posíbel: administracións públicas, órganos constitucionais ou estatutarios, organismos autónomos, entes públicos, sociedades mercantís, etc.

e)    As excepcións formúlanse en termos moi estritos: “Sin perjuicio de las adecuaciones retributivas que, con carácter singular y excepcional, resulten imprescindibles por el contenido de los puestos de trabajo, por la variación del número de efectivos asignados a cada programa o por el grado de consecución de los objetivos fijados al mismo”. A das “adecuacións retributivas” é a pequena válvula de escape que deixa a norma para permitir o incremento de complementos en ámbitos concretos Aínda que na Administración Xeral do Estado se estabelecen controis estritos (informe favorable do Ministerio de Facenda e Administracións Públicos), pódese prever que noutras administracións que contan con garantías constitucionais de autonomía (comunidades autónomas, corporacións locais, universidades públicas) a cláusula será interpretada con diferentes graos de flexibilidade, o que inclúe tamén o risco da discriminación e o favoritismo.

A norma coloca nun estraño limbo o complemento de carreira profesional: parece claro que non vai desenvolverse normativamente nos sectores onde non está implantado, mais fica a dúbida de se é posíbel admitir novas coberturas nos sectores en que xa existe, como a sanidade.

2.    Sinal de stop aos novos procesos selectivos.

“A lo largo del ejercicio 2012 no se procederá a la incorporación de nuevo personal, salvo la que pueda derivarse de la ejecución de procesos selectivos correspondientes a Ofertas de Empleo Público de ejercicios anteriores” (artigo 3.1 do Real Decreto-lei 20/2011, do 30 de decembro).

O precepto transcirto ten carácter básico, o que significa que afecta a todas as administracións públicas. Os procesos selectivos xa convocados, ou os non convocados que se correspondan coa oferta de emprego público de 2010 ou anteriores non corren perigo. Pode darse algún problema práctico no caso de administracións que teñan postos de traballo dotados orzamentariamente en anos anteriores, pero que non aprobaran formalmente unha OEP. Co texto do Decreto-lei, non poderían convocar.

3.    Conxelación da consolidación de emprego temporal.

A parálise de procesos selectivos esténdese aos procedementos de consolidación de emprego –como laborais fixos ou funcionarios de carreira– habilitados polo EBEP: “Esta limitación alcanza a las plazas incursas en los procesos de consolidación de empleo previstos en la disposición transitoria cuarta del Estatuto Básico del Empleado Público.” (artigo 3.1 do Real Decreto-lei 20/2011, do 30 de decembro).

Aplícase o mesmo criterio que para os procesos selectivos ordinarios. Só se poden desenvolver os xa convocados, non os negociados ou os previstos.

4.    Féchase a porta á incorporación de persoal temporal e interino.

A prohibición de convocatorias de procesos selectivos nin sequera se poderá aliviar mediante a cobertura das vacantes con persoal temporal:

“Durante el año 2012 no se procederá a la contratación de personal temporal, ni al nombramiento de personal estatutario temporal o de funcionarios interinos salvo en casos excepcionales y para cubrir necesidades urgentes e inaplazables que se restringirán a los sectores, funciones y categorías profesionales que se consideren prioritarios o que afecten al funcionamiento de los servicios públicos esenciales.” (artigo 3.2 do Real Decreto-lei 20/2011, do 30 de decembro).

As excepcións céntranse no ámbito das forzas armadas, a sanidade e o ensino non universitario.

5.    Amortízanse as vacantes producidas por xubilacións.

A chamada “taxa de reposición cero” non ten carácter básico, polo que só é aplicábel á Admnistración do Estado: “Durante el año 2012 serán objeto de amortización en Departamentos, Organismos autónomos, Agencias estatales, entidades públicas empresariales y resto de los organismos públicos y entes del sector público estatal, un número equivalente de plazas al de las jubilaciones que se produzcan”.

É importante o matiz de que a norma non alude aos postos que os xubilados ocupaban, senón a un “número equivalente”. Polo tanto, podería manterse un posto cando se xubile o seu titular sempre que se amortice outra praza vacante.

6.    Xornada de traballo de 37,5 horas.

Isto tampouco é básico: “En el ámbito de la Administración del Estado, y para el conjunto del sector público estatal, la jornada ordinaria de trabajo tendrá un promedio semanal no inferior a las 37 horas y 30 minutos”. (art. 4 do Real Decreto-lei 20/2011, do 30 de decembro). No ámbito do sector público estatal vai prevalecer o disposto nesta norma –con rango de lei formal– sobre as xornadas inferiores pactadas en negociación colectiva.

  
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto