Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria As federacións da Área Pública da CIG denuncian a campaña mediática emprendida contra os servizos públicos e o seu persoal
 
 

As federacións da Área Pública da CIG denuncian a campaña mediática emprendida contra os servizos públicos e o seu persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Manifestan a súa oposición a calquera medida que supoña recortar aínda máis as condicións laborais dos empregados e empregadas públicas
As federacións da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) denuncian a campaña sistemática de desprestixio dos/as empregados/as públicos/as e, por extensión, dos servizos públicos. Manifestan a súa oposición a calquera medida que supoña recortar aínda máis as condicións laborais dos empregados e empregadas públicas e denuncian a publicación de informacións baseadas na mentira e na demagoxia en medios afíns ao PP que teñen como único obxectivo manipular á opinión pública.
10-04-25 Manifestación nacional en denfensa dos servizos públicos XIX
 
Segundo unha información publicada este xoves, a Xunta de Galiza estaría a barallar novas medidas que implicarían aplicar novos recortes laborais aos empregados e empregadas públicas. Estes recortes afectarían aos días de libre disposición, ao complemento por IT (Incapacidade Temporal) e xornada laboral que pasaría a ser de 37,5 horas.

Fronte a isto, as federacións da área pública da CIG afirman que no referido á xornada laboral, en Galiza todas as empregadas e empregados públicos traballan xa 37,5 horas semanais, que é o que esteblece a normativa da Función Pública galega e o Convenio do persoal laboral.

Neste sentido, matizan que só o persoal laboral que traballa a quendas, con noites e festivos, ou que teña un contrato fixado por horas, coa redución proporcional do soldo, traballa menos horas, do mesmo xeito que o fai o persoal funcionario e laboral que ten unha redución de xornada por conciliación familiar, ao que tamén se lle aplica unha redución proporcional do soldo. “Hai outras administracións que si teñen un horario menor, en Galiza non se dá o caso”.

Polo que se refire ao recorte dos días de libre disposición, que segundo a información citada se reducirían de 9 a 6, a secretaria nacional de CIG-Administración, María carme López Santamariña, explica que esa medida afectaría ao persoal de Sanidade e da Administración de Corpos xerais, pero non a Ensino nin a Xustiza, onde teñen a súa propia regulamentación.

Alén diso, aseguran que non produciría ningún aforro económico, xa que este goberno leva anos sen chamar a persoal interino para cubrir estas ausencias, o que está a producir un grave deterioro dos servizos públicos.

Tamén se di que o goberno baralla unha posíbel rebaixa salarial para as baixas por enfermidade, que agora se complementan até o 100%. Proposta que as federacións da área pública da CIG consideran inadmisíbel.

CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde lembran que os empregados e empregadas públicas non son os responsábeis da crise, non viviron nunca por riba das súas posibilidades e que todo o que cobran aparece reflectido nas súas nóminas, nunha ampla porcentaxe mileuristas.

Alén diso, desmenten que se mantiveran contactos coas organizacións sindicais para expor estas medidas, tal e como afirma o xornal. Aseguran que a CIG non tivo comunicación de ningún tipo, nin se fixo referencia a posíbeis recortes en ningunha mesa de negociación.

Alertan de que con este tipo de informacións, que pretenden presentar ao persoal ao servizo da administración como uns privilexiados non só se está atancando á súa dignidade como traballadoras e traballadores, senón tamén, de forma encuberta, aos propios servizos públicos, que teñen como obxectivo desmantelar.

A nova en Avantar.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto