Noticias Sanidade Pública Outras novas Traballadores/as dos Puntos de Atención Continuada convocados pola CIG-Saúde péchanse en protesta polo incumprimento dos acordos co Sergas
 
 

Traballadores/as dos Puntos de Atención Continuada convocados pola CIG-Saúde péchanse en protesta polo incumprimento dos acordos co Sergas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As mobilizacións foron convocadas pola CIG para reclamar cambios na xornada, calendarios anuais e contratación de persoal das listas

Centos de traballadores e traballadoras dos Centros de Atención Continuada (PAC) participaron hoxe nas mobilizacións convocadas pola CIG para denunciar os incumprimentos dos acordos de Atención Primaria por parte do Sergas. No caso de Vigo, cerca de 50 persoas concentráronse no centro da rúa Bolivia por espazo de media hora e a continuación iniciaron un peche no interior das instalacións que teñen previsto manter até mañá.
No decurso da mañá deste martes 31 de xaneiro celebráronse concentracións ante as xerencias Integradas de Atención Primaria e xerencias de área de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Compostela, entre outras, para reclamar o cumprimento dos acordos asinados polo Sergas coas organizacións sindicais. CIG-Saúde considera prioritaria a defensa do emprego público, que se respecten os dereitos do persoal e que se fagan as contratacións a través das listas.

A CIG-Saúde demanda a inmediata convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria. María Xosé Abuín, secretaria nacional da federación, reclama da administración “unha actitude negociadora para desbloquear esta situación e que non aconteza como na xuntanza anterior, á que chegaron coa negativa absoluta a abordar ningún dos problemas expostos”.

Abuín fai este chamamento ao SERGAS, logo de ter fracaso a anterior xuntanza coa administración, convocada a instancias da CIG e avalada coa sinatura de máis de 400 profesionais.

Con estas concentracións CIG-Saúde segue a reclamar:

1.- Cómputo de xornada. Reclamamos unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual na que se penaliza aos traballadores cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído.

2.- Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadores e construídos con criterios de equidade. Neses calendarios, a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos.

3.- Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na súa aplicación en cada área reclamamos que, de quedar horas suficientes (1623 horas/anuais), se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.

4.- Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpran os apartados do acordo que establecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións. Lembran que na área de Vigo, por exemplo, hai máis de 70 médicos nas listas.

Finalmente, advirten que esta situación está a provocar a precarización das condicións de traballo do persoal dos PAC's, “o que repercute moi negativamente no servizo prestado aos cidadáns”. 

Artigo en Avantar.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto