Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A Área Pública da CIG oponse aos recortes nas condicións laborais e salariais do persoal da administración pública
 
 

A Área Pública da CIG oponse aos recortes nas condicións laborais e salariais do persoal da administración pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Anuncia mobilizacións para exixir a súa reconsideración e retirada

A Área Pública da CIG manifesta o seu rotundo rexeitamento ás medidas anunciadas pola conselleira de Facenda, no día de hoxe. Medidas que implican recortes nas condicións laborais e salariais e supresión de dereitos do persoal das administracións públicas. A Xunta de Galiza pretende eliminar desde o cobro do 100% de salario en todas as baixas por debaixo dos 21 días, até reducir de forma obrigatoria un terzo da xornada e, en consecuencia de salario, aos traballadores/as interinos e contratados. A CIG exixe a reconsideración e retirada destas propostas ou, do contrario, convocará a todas as empregadas e empregados públicos a mobilizarse en defensa dos seus dereitos.
A conselleira de Facenda anunciou esta mañá aos secretarios nacionais das federacións da Área Pública (Administración, Saúde e Ensino) toda unha serie de medidas que implican recortar as condicións laborais e salariais de todo o persoal de todas as administracións públicas: entes, organismos, consorcios, universidades, Parlamento...

As federacións da Área Pública da CIG denuncian que a Xunta de Galiza pretende que sexan as súas traballadoras e traballadores quen paguen os recortes que a administración vai realizar, segundo a conselleira de Facenda, para cumprir as exixencias de Bruxelas e do estado español.

A secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña, como coordinadora das federacións de Área Pública asegura que se trata de medidas “moi agresivas e lesivas” para o persoal. “Isto supón unha regresión canto a dereitos adquiridos, algúns deles consolidados desde os anos 60 e 70 do século pasado, como é eliminar o complemento das baixas por incapacidade, penalizando así ás traballadoras e traballadores polo feito de estaren enfermos”.

A pretensión da administración é rebaixar os salarios en caso de incapacidade temporal (enfermidade común), eliminando o complemento que garantía a remuneración do 100% do salario e só ofrecendo a posibilidade de cobralo a partir do día 21 da IT.

A este respecto, López Santamariña sinala que na propia xuntanza e tal e como a CIG ten manifestado en anteriores ocasións, se lle comunicou aos representantes da consellaría que “se se precisa facer un control das causas das baixas a administración ten mecanismos para realizalos”. Entre outros, a coordinadora de Área Pública, sinalou o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Alén diso, cuestiona que con esta medida, a administración pretenda, unha vez máis, seguir deteriorando a imaxe do seu persoal e, por ende, dos seus servizos públicos.

Facenda propón a redución voluntaria dun máximo dun terzo da xornada laboral para o persoal laboral e funcionario fixo. Redución que pretende que sexa obrigatoria para o persoal interino e contratado. Para a aplicación desta medida, adiantouse que será o Consello da Xunta o encargado de regulala. “Supón un ataque para as condicións laborais e salariais deste persoal, que é xustamente o que ten as peores condicións de traballo e xunto coas taxas de reposición e a non cobertura de vacantes é un ataque aos servizos públicos”.

López Santamariña lembra ademais que este colectivo, a día de hoxe sabe que case é imposíbel acceder ao emprego público, porque xa está anunciado que non haberá oferta pública de emprego.

A Xunta de Galiza tamén pretende reducir tres días de asuntos propios dos nove actuais, mantendo a mesma masa salarial malia incrementarse o número de horas, o que supón unha rebaixa implícita do salario.

Supresión do fondo de acción social

Outra das medidas, especialmente lesiva para o persoal é a retirada do fondo de acción social, agás no caso das axudas por incapacidade. Santamariña aclara que a súa supresión “é inadmisíbel”, dado que a existencia deste fondos naceron como consecuencia de acordos coas organizacións sindicais para, retrotraendo unha pequena porcentaxe do total da masa salarial compensar solidariamente, a aqueles traballadores en peores condicións, en temas como gastos sanitarios non cubertos pola Seguridade Social, atención a menores, dependentes, axudas para estudios...

Respecto do anuncio de regular a xornada para que nunca sexa inferior a 37,5 horas, a CIG xa ten manifestado que este é o tempo de traballo xa establecido na normativa da función pública galega e no convenio do persoal laboral.

Canto á aplicación da xubilación forzosa aos 65 anos e á valoración con revisión anual das solicitudes que se presenten para prolongar a vida laboral, os representantes da área pública da CIG manifestaron, na propia xuntanza, que isto é inadmisíbel e que en moitos sectores non estaba nin regulado, nin negociado, porque é mandato do Estatuto Básico do Emprego/a Público/a. “Desta forma o que fan é pechar as portas a calquera modificación e aplicar a reforma das pensións pura e dura”.

Xunto a isto, e especificamente para o persoal laboral da Xunta de Galiza, ademais de todo o anterior, preténdese modificar o V Convenio Colectivo do Persoal Laboral, concretamente nos seu artigo 19, relativo á compensación en días libres por traballo en festivos e domingos. Neste caso, explican, preténdese anular esa compensación en días libres e pagalos.

Do artigo 29, pretenden eliminar o dereito, recoñecido por convenio, a xantar ou cear naqueles centros que conten con servizo de comedor e tamén pretenden suprimir a Disposición Adicional Terceira dese convenio, que recoñece que en todos aqueles centros que por causa das súas características específicas os traballadores/as viñesen gozando dun período de descanso en Nadal ou Semana Santa o perdan.

 Plus de Altos Cargos

A CIG critica que a suspensión do plus dos altos cargos, sexa só provisional, tendo en conta que, no momento no que nos atopamos e coas medidas agresivas que se poñen enriba da mesa para as traballadoras e traballadores públicos era o momento de facer efectiva a súa supresión definitiva. A CIG lembra que, sobre esta cuestión, fixo unha intensa campaña para que isto se lograra e mesmo presentou unha ILP no mesmo sentido, avalada por miles de sinaturas de galegos e galegas que manifestaban así, a súa demanda de que este plus fose eliminado.

Documento remitido: Borrador de Anteproxecto de Lei de Medidas do Emprego Público.

A nova en Avantar.
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto