Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Máis de 3.000 empregados/as públicos exixen a retirada do anteproxecto que recorta as súas condicións laborais e salariais
 
 

Máis de 3.000 empregados/as públicos exixen a retirada do anteproxecto que recorta as súas condicións laborais e salariais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Convocan outra concentración, este venres 10 de febreiro, diante da EGAP, a partir das 13:00 horas, coincidindo coa celebración da Mesa Xeral do emprego público de Galiza
Máis de 3.000 traballadores e traballadoras do sector público déronse cita esta mañá diante de San Caetano, coincidindo coa celebración do Consello da Xunta. O que inicialmente estaba previsto como unha concentración de delegados e delegadas converteuse finalmente nunha masiva mobilización á que se sumou todo o persoal que por proximidade ou por quendas puido ir a manifestar o seu máis rotundo rexeitamento aos recortes propostos polo goberno do PP. O persoal, que participou masivamente nas asembleas convocadas polas organizacións sindicais, chegou a fletar autobuses desde diversos puntos de Galiza para sumarse a esta mobilización convocada con carácter de urxencia.
  
   
   
   
A concentración, que superou todas as previsións iniciais, acabou converténdose nunha marcha para acompañar ás/aos representantes sindicais do sector público que fixeron entrega no rexistro dun escrito no que se exixe a retirada do chamado ‘Anteproxecto de lei de medidas no emprego público na Xunta de Galiza’ e que realmente é unha proposta de recortes das condicións laborais e salariais dos empregados e empregadas do sector público.

Ao remate da mesma fíxose lectura dun manifesto conxunto no que se reitera a importancia dos servizos públicos, dos que “dependen a gratuidade, a calidade e a universalidade da educación, da sanidade e uns servizos sociais que atendan as persoas e desenvolvan a lei de dependencia”. Servizos que, salientaron “satisfán as necesidades máis básicas da cidadanía en condicións de acceso universal, non discriminatorio e cun custo accesíbel, vertebran a sociedade e garanten a igualdade das persoas, asegurando unha maior cohesión social”.

Xunto a isto, denunciouse que as medidas propostas, neste anteproxecto de Lei, supoñen un ataque “brutal e inxustificado, dirixido, unha vez máis, ao conxunto dos empregados e empregadas públicos”. Medidas que, de aplicarse, advertiron, “condicionarán, aínda máis, o futuro dos Servizos Públicos en Galicia”. Un ataque que se fai tamén á propia imaxe e dignidade dos traballadores e traballadoras deste sector desvalorizando, ademais a imaxe dos propios servizos públicos, minguando a súa calidade e contribuíndo á destrución do emprego.

Pagar os custos da crise

Denunciaron que o goberno da Xunta fai recaer, unha vez máis, o custo da crise sobre os empregados e as empregadas públicos/as e lembraron que xa sufriron unha diminución do salario real medio de máisconcentracin do 13% nos últimos tres anos, que a taxa de reposición aplicada na administración foi moi baixa, que se reduciu o emprego público e que se retrocedeu severamente en dereitos sociais.

Entenden que as medidas presentadas supoñen un novo erro nas políticas adoptadas para saír da crise e só terán efectos negativos sobre o conxunto da actividade económica, retraendo o consumo e o poder adquisitivo dunha parte da poboación e consideran que as medidas propostas reinciden no recorte do gasto público como única vía de reducir o déficit público.

Aseguran que mentres se lles aplican estes recortes o gasto público e o malgasto se dispara en asesores políticos, asistencias técnicas e gastos suntuarios, sen que este goberno adopte medidas correctoras. “Non se toman medidas contra a fraude fiscal nin se aplica unha política fiscal progresiva que grave máis as rendas de capital e que pague máis o que máis ten”, afirman.

Sosteñen que as medidas son discrecionais quedando, en moitos casos, ao arbitrio da Administración e provocan desigualdades entre os diferentes colectivos. “Consideramos intolerábel que quen enferme pague, pois iso significa a detracción de parte das súas retribucións nesta circunstancia, para pagar a mala xestión e a dilapidación deste goberno”, indicaron.

Ademais denunciaron que non todas as actuacións propostas supoñen a suspensión temporal de normas ou preceptos, o que implica que, unha vez máis, se aproveita a escusa da crise para adoptar medidas de cambios estruturais no emprego público baixo a aparencia de medidas conxunturais. Cuestión esta que consideran especialmente grave e discriminatoria para o persoal temporal ou interino, que pode ver reducida nun terzo a súa xornada e retribucións, mentres o seu traballo pode ser feito por empresas privadas.

Para as organizacións convocantes, o obxectivo último é a redución do emprego público, a ampliación da xornada ou a aposta pola xubilación do persoal que traerá consigo a amortización de postos de traballo, alén de denunciar que estas medidas vulneran o dereito á negociación colectiva no sector público, derrogando convenios e modificando unilateralmente o V Convenio Colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, alén de reducir o salario dos empregados e empregadas públicos/as, xa que recorta prestacións sociais que son salario diferido.

Estas medidas, advertiron, non garanten que non poidan vir novos recortes dos Orzamentos Xerais do Estado. Por iso exixiron a inmediata retirada deste anteproxecto de lei, asegurando que, ante a súa gravidade, non cabe negociación posíbel.

Ao remate da lectura do manifesto anunciaron que este venres, a partir das 13:30 horas, está convocada a Mesa Xeral dos Empregados/as Públicos/as de Galiza, con este tema como punto único. Por iso fixeron un chamamento para que aquel persoal que poida participe nunha concentración, diante da EGAP, a partir das 13:00 horas.

Galería

Documento entregado: solicitude de retirada do Anteproxecto.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto