Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A CIG-Saúde manifesta, na Mesa Sectorial, a súa máis rotunda oposición á lei de medidas no Emprego Público imposta pola Xunta
 
 

A CIG-Saúde manifesta, na Mesa Sectorial, a súa máis rotunda oposición á lei de medidas no Emprego Público imposta pola Xunta

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Esixe que se faga constar por escrito, e se publique mediante unha Orde, que o persoal do SERGAS, interino e substituto, non verá reducida a súa xornada un terzo

Na mesa sectorial celebrada esta mañá, as organizacións sindicais manifestaron, unha vez máis, o seu rexeitamento á Lei de Medidas no Emprego Público. CIG-Saúde ademais, denunciou a gravidade de impor un “imposto sobre a enfermidade” ao introducirse unha redución salarial en caso de Incapacidade Temporal e exixiu que se aclare, nos casos nos que se estabelece o cobro do 100% do salario, como se vai aplicar.

Neste sentido lembrou que malia recoñecerse o dereito ao cobro do 100% en caso de hospitalización, non se especifica se isto inclúe fórmulas como a hospitalización no domicilio ou no caso de que sexan outras fórmulas de prestación sanitaria que precisen a intervención de profesionais sanitarios.

fotosergasAdemais, demandou que ese 100% sexa garantido nas baixas por IT derivadas dese proceso de hospitalización. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde explica que tras dunha intervención cirúrxica, por exemplo, poden producirse baixas posteriores relacionadas con ese mesmo proceso e exixiu que, neses caso, tamén quede garantido o pago do 100% do salario. “Estamos falando”, dixo “do tratamento dos procesos de longa duración ou de procesos crónicos que poidan conlevar unha IT dentro do mesmo, ou en distinto, ano natural”.

A este respecto, desde a administración indicouse que se vai facer unha instrución para regular as distintas casuísticas que, segundo Abuín “vai ser inaplicable, por iso, reiteramos a nosa exixencia de que esta medida sexa retirada”.

Aplicación de xornada

CIG-Saúde denunciou a redución de días de libre disposición e as consecuencias laborais que isto terá, porque, “na práctica”, afirma Abuín, “o que vai é supoñer unha redución de postos de traballo pola vía da redución das contratacións”.

Xunto a isto, e malia especificar a administración que o recorte dun terzo da xornada para interinos e persoal substituto, non será de aplicación no SERGAS, a secretaria nacional de CIG-Saúde exixiu que este compromiso se recollera na acta da mesa Sectorial e que fora publicado posteriormente. Ademais, demandou da administración a publicación dunha Orde na que se recolla “a desaparición definitiva de contratos a media xornada, contratos de luns a venres e resto de modalidade de contratacións respectando sempre o principio de causalidade que motiva a contratación”. Algo ao que se negou a administración, argüíndo que a non redución de xornada para o persoal interino do SERGAS xa é un compromiso que fixeron público, e que as contratacións de media xornada ou de luns a venres son fórmulas de “xestión eficiente”.

Respecto da xornada, CIG-Saúde matizou que non hai que incrementar o número de horas, porque xa se está a facer a xornada de 37,5hs semanais. “Non se pode imputar a mala xestión do SERGAS con que os profesionais non realicen a xornada”, afirma Abuín, quen engade que o aumento de 3 días ou 21 hs, xa se produce co tempo que o persoal inverte no cambio de quenda.

A este respecto, os representantes do SERGAS mantiveron o incremento de xornada dos tres días que antes eran de libre disposición, polo que a CIG-Saúde manifestou o seu rexeitamento. O que si se garantiu foi o mantemento da xornada e da redución do número de horas en función das noites.

Acción social

A CIG-Saúde tamén reprobou a retirada da acción social, nomeadamente no que respecta ás garderías. Nese sentido, Abuín denunciou que o Sergas está contribuíndo ao que Gallardón definiu como “violencia estrutural” contra as mulleres, xa que son maioría as traballadoras no sector sanitario e precísanas, entre outras cousas, para poder conciliar a súa vida laboral e familiar.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto