Noticias Outras novas Mobilizacións A CIG conmemora o 10 de Marzo cunha chamada á mobilización e á organización na defensa dos nosos intereses de clase
 
 

A CIG conmemora o 10 de Marzo cunha chamada á mobilización e á organización na defensa dos nosos intereses de clase

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Máis de 20.000 persoas participan nas manifestacións convocadas pola central nacionalista en toda Galiza en contra dos recortes máis agresivos dende o franquismo

No día que se cumpren 40 anos do asasinato de Amador Rei e Daniel Niebla, a loita de clases amósase máis viva ca nunca logo das últimas e regresivas reformas aprobadas polos distintos gobernos. Reformas e medidas destinadas a despoxar á clase traballadora dos dereitos laborais e sociais acadados nas últimas décadas, deixándoa indefensa ante unha ofensiva do capital que nos obriga a dar unha resposta contundente e reaxir na defensa dos nosos intereses, tal e como neste 10 de Marzo xa fixeron as máis de 20.000 persoas que participaron nas manifestacións convocadas pola CIG e como haberá que demostrar na folga xeral do 29 de marzo.

Como non podía ser doutro xeito, nesta xornada de loita a CIG comezou os actos coa tradicional ofrenda froral na escultura que rememora aqueles fatídicos sucesos de 1972. Diante do monumento ao 10 de Marzo, os voceiros da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos e Manel Grandal, depositaron un grande ramo de caraveis vermellos mentres lanzaban un chamamento a continuar coa loita fronte a este “golpe de estado do capital” e “mirándonos no espello de Amador e Daniel, digámoslles non. Somos nós a maioría social e o poder a ser noso”, aseveraba Grandal.

Nesta liña tamén se manifestou Pintos ao asegurar que “os traballadores/as de ferrolterra estaban loitando contra unha ditadura fascista que apoiaba a ditadura do capital. Hoxe no 2012 estamos diante dunha ditadura do capital apoiada por unha falsa democracia”. Ambos os dous referíronse á necesidade de manter unha loita contundente e sostida no tempo, rachando co medo e reconquistando os mesmos dereitos e liberdades polos que loitaba a clase obreira no ano 72.

Unha xornada para reivindicarse como clase

A CIG sempre entendeu a conmemoración do Día da Clase Obreira Galega como unha data de reivindicación, máis que de celebración, como definiu o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quen tomou parte da manifestación de Ferrol. Seixo referiuse ás consecuencias que a crise económica está ter para o conxunto da clase traballadora, a pesares de non ter culpa da súa xeración: destrución de miles de empregos, rebaixa dos salarios, recorte de dereitos, rebaixa das pensións, privatización dos servizos públicos, etc. En definitiva, un empobrecemento xeneralizado da clase obreira fronte ao incremento dos beneficios do capital.

“Pero o capital non se conforma con isto, advertiu, quere máis. Necesita debilitar á clase traballadora para que non teñamos capacidade de resposta”. E con ese obxectivo, matizou, busca a individualización das relacións laborais, desmantelando a negociación colectiva e o dereito á folga, “dúas armas fundamentais para enfrontarnos aos abusos da patronal e do poder”. E este é o punto cara ao camiñan as reformas e políticas antisociais promovidas por institucións como o FMI, o BCE ou a CE e que os gobernos español e galego do PP se encargan de executar. Unha dereita, matizou, con fondas raíces franquistas “tanto na concepción centralista do estado como nos intereses económicos que defende”.

Fronte a esta ofensiva perfectamente orquestrada, o Secretario Xeral da CIG chamou á mobilización e á contestación social para esixir dos diferentes gobernos políticas para saír da crise favorábeis aos intereses da maioría social, porque “si se poden facer outras políticas e si existen alternativas”. Pero para conseguilo é preciso sumar esforzos e organizarse e por iso, a CIG vén realizando unha chamada á mobilización na conquista dun novo modelo económico e social.

Seixo lembrou algunhas das propostas que a central nacionalista está defendendo dende o inicio da crise, pero que abordan cuestións que non interesan a oligarquía, obsesionada con manter a toda costa unha economía especulativa incapaz de xerar riqueza real.

Fronte a especulación coa débeda pública, que sexa o BCE quen adquira directamente á débeda dos estados; fronte ao déficit, unha fiscalidade progresiva, control da fraude fiscal, redución do gasto militar e das axudas á igrexa; fronte a especulación da banca privada, creación dunha banca pública; fronte á caída do investimento privado, incremento do gasto público para reactivar a economía e manter un servizos públicos e de cualidade, xeradores tamén de emprego; fronte á precariedade laboral, traballo fixo e salarios dignos...

Estas demandas, lembrou, foron as que levaron á central sindical a convocar as folgas do 29 de setembro de 2010 e do 27 de xaneiro de 2011, e estas “son as mesmas razóns que nos moven a convocar a folga xeral do 29 de Marzo, para esixir do goberno do PP a retirada da reforma laboral”. “Despois de anos de loita e sacrificios, agora atopámonos con que o PP, a dereita, o capital, pretenden recortarnos dereitos e levarnos a unhas condicións laborais de hai 50 anos”.  

Porén, para batallar esta loita cómpre tamén que Galiza sexa soberana nas súas decisións e teña capacidade para gobernarse naquelas materias básicas para garantir o seu desenvolvemento económico, social, laboral ou cultural. Cómpre sermos donos do noso futuro.

Galería de imaxes das manifestacións de Ferrol e A Coruña.

Galería de imaxes das manifestacións de Compostela, Lugo e Ourense.

Galería de imaxes das manifestacións Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ribeira.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto