Noticias Outras novas Mobilizacións Unhas 60.000 persoas maniféstanse coa CIG no Primeiro de Maio en contra dos recortes sociais e laborais do PP
 
 

Unhas 60.000 persoas maniféstanse coa CIG no Primeiro de Maio en contra dos recortes sociais e laborais do PP

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A central chama a continuar no proceso de acumulación de forzas e de contestación para crear un escenario favorábel aos intereses da clase traballadora galega
  
Unhas 60.000 persoas manifestáronse coa CIG neste Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, para amosar na rúa o seu rexeitamento ás políticas laborais e económicas do PP e demandar outras medidas favorábeis aos intereses da clase obreira. A central nacionalista, que convocou as manifestacións baixo o lema “Por emprego digno, non á reforma laboral do PP” e “En defensa do ensino e da sanidade públicos”, reiterou o chamamento a seguir na contestación social e no proceso de acumulación de forzas para avanzar na consecución dun modelo económico e social máis xusto e solidario.

En total foron once as manifestacións organizadas polo sindicato nacionalista nas distintas comarcas do País para celebrar o Primeiro de Maio. Este ano o acto central tivo lugar na Coruña, que contou coa participación de arredor de 10.000 persoas, mentres á cidade de Vigo acudiron uns/has 35.000 manifestantes e a protesta de Ferrol, a terceira en número de participantes, contou con 7.000 persoas. En Pontevedra saíron á rúa convocadas pola CIG máis de 3.000 persoas, mentres que en Vilagarcía foron preto dun milleiro.

Ao remate da mobilización da Coruña, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, lembrou que, por cuarto ano consecutivo, a clase obreira afronta o Primeiro de Maio sendo vítima dunha profunda crise económica que non provocou e "sometidos, neste caso por un goberno do PP, a unha espiral permanente” de recorte de dereitos, redución dos salarios, desmantelamento e privatización dos servizos públicos en beneficio dos intereses do capital privado.

“En definitiva”, denunciou, “un conxunto de medidas que buscan desmantelar o actual modelo de relacións laborais, de servizos públicos e de protección social, conquistados tras moitos anos de loita do movemento obreiro e das organizacións sociais e políticas de esquerda”. Precisamente, con tal motivo, a consigna baixo a que a CIG conmemorou este Primeiro de Maio é “Por emprego digno, non á reforma laboral do PP” e “En defensa do ensino e a sanidade”.

Modelo económico fracasado

Seixo cargou contra unhas políticas de recorte “erradas” e “inxustas”, iniciadas polo Goberno do PSOE e agora continuadas con maior virulencia polo PP, que lonxe de favorecer a saída á crise afondan na destrución de emprego -en Galiza o número de persoas sen traballo acadou xa as 65.000-, o peche de empresas, o incremento das desigualdades sociais, ou a entrada nunha nova situación de recesión económica.

Medidas que xa amosaron a súa ineficacia pero que seguen a ser defendidas como as únicas alternativas posíbeis polo PP e promovidas por institucións internacionais como o FMI, BCE ou a Comisión Europea. “Todas estas institucións, e tamén o PP, son firmes defensores deste modelo de capitalismo neoliberal. Este modelo económico fracasado, que é o causante da crise económica que estamos a vivir, e que pretenden fortalecer con estas políticas tan antisociais e antiobreiras”, advertiu.

O Secretario Xeral da CIG aseverou que estas políticas apuntalan un modelo económico inxusto, insolidario e antidemocrático, e por iso non se poden entender de xeito illado, senón enmarcado na loita de clases: na loita do poder entre o capital e o traballo, entre a oligarquía -por manter un modelo económico que garante os seus intereses- e as clases traballadoras -por conquistar un novo modelo económico-.

Chamada á mobilización social

Fronte a esta interese do capital e a dereita por implantar un modelo de relacións laborais fortemente desregularizado e individualista e un sistema de protección social precarizado e privatizado, a CIG chama á contestación e á mobilización social, porque “estamos nun momento político clave”. Tras do éxito da Folga do 29 de Marzo, a central nacionalista xa lle propuxo ás demais organizacións sindicais  a necesidade de promover unha nova xornada de folga xeral para a primeira quincena do mes de xuño, antes de que se aprobe definitivamente a reforma laboral e antes de que o goberno decrete “novos recortes nos dereitos e calidade de vida”.

Se non hai unha resposta social contundente, adiantou Seixo, “o PP vai aproveitar a súa maioría absoluta e os primeiros meses da lexislatura para impor o seu programa ideolóxico neoliberal e ao servizo da banca e dos intereses da oligarquía española”. “Hai que seguir acumulando forzas para crear un escenario favorábel aos intereses da clase traballadora galega, na rúa, nos centros de traballo e tamén nas institucións. Con ese obxectivo temos que traballar”.

Así, anunciou que a CIG vai promover e colaborar nas diversas mobilizacións que van ter lugar en diferentes sectores nos vindeiros días, tais como a folga do estudantado do vindeiro 10 de maio, as mobilizacións en defensa dos servizos públicos ou a tradicional manifestación do 17 de maio.

Loita tamén pola soberanía nacional

A esta loita de poder e intereses tampouco son alleos os dereitos das nacións que integran o estado español. Seixo censurou que, aproveitando a situación de crise, a dereita española pretenda impor o seu modelo centralista de estado, baleirando de contido e competencias as autonomías. Unhas pretensións que no caso galego contan coa colaboración explícita do PPdeG. “O chamado estado das autonomías é unha mera descentralización administrativa, que non é garante dos dereitos de Galiza a gobernarse e decidir por nós mesmos”, aseverou, ao tempo que animou á avanzar na defensa dunha soberanía real para Galiza.

Galería de imaxes das manifestacións

Video-resumo das manifestacións da CIG en toda Galiza

Lista de reproducción con todos os videos das manifestacións da CIG

Video da manifestación en Vigo

Video da manifestación en Compostela

Video da manifestación en Ferrol

Video da manifestación en Ourense

Video da manifestación na Estrada

Video da manifestación en Ribeira

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto