Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Os hospitais de Monforte e A Mariña poden pasar a depender da Xerencia de Lugo
 
 

Os hospitais de Monforte e A Mariña poden pasar a depender da Xerencia de Lugo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Xunta de Galiza vén publicar este venres o plan de ordenación de RRHH, no que recolle nun texto ambiguo o que non se atreveu a publicar como decreto de xestión integrada (área única). Trala activa e masiva contestación das poboacións das áreas sanitarias de A Mariña e Monforte en ámbolos dous casos, o poder político do PP (o Sr Feijoo e a Sra Farjas) aseverou no seu momento que ambas áreas non dependerían de Lugo. É por esto que o decreto de xestión integrada de Lugo quedou adiado, sendo un dos poucos que quedan por publicar, evidentemente cunhas eleccións á Xunta de  Galiza por diante, a Consellería decide publicar ás escondidas (no medio dunha ponte e nun documento que non é o adecuado) que as Xerencias da Mariña e de Monforte, antes independentes, poden pasar a depender dunha única Xerencia de atención especializada, a de Lugo.  Dicindo literalmente no apartado de estruturas do Servizo Galego de saúde:

-Xerencias (atención especializada de Lugo).

             Asumen a xestión Integral dos recursos asistenciais de atención especializada (Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, Hospital Comarcal de Monforte, Hospital da Costa Burela), correspondentes as áreas sanitarias de Lugo, Monforte e Cervo.

Non só está mal redactado, se non que a súa interpretación pode ser múltiple, unido isto ao parágrafo anterior, onde se reitera que a xestión da atención primaria segue a ser provincial, co que logran provocar unha confusión suficiente para ordear arbitrariamente a xestión do sistema sanitario en Lugo.

Hai 2 anos nunha visita do Sr Feijoo a Monforte comprometeuse expresamente a facer unha área de Xestión Integrada sen dependencia de Lugo, o que se anticipa neste plan de ordeación de RRHH é que en canto pasen as eleccións, Lugo será unha área única provincial, como xa é actualmente Ourense, xerencia da que dependen hospitais tan afastados como Verín e O Barco.

O Sr Feijoo mentiulles a tódolos Monfortinos e a Farjas a tódolos Mariñaos.

Máis alá de todo isto, o significado desta política sanitaria vén sendo a descapitalización da asistencia sanitaria nos hospitais comarcais, coa perda de servizos e de profesionais, isto obsérvase perfectamente cando no propio plan se recollen:

- o uso de medios telemáticos que permitirían implantar as gardas de raios en Lugo, ou a centralización dos laboratorios para analíticas ordinarias.

- a modernización das infraestruturas, ¿como van modernizar as infraestruturas dos hospitais de Monforte e Burela, cando en Lugo está todo novo e modernizado? (para exemplo o mamógrafo do ano da polca que se instalou en Monforte). Actualmente ambos hospitais son as plantas de reciclaxe do SERGAS, xa que todo o refugallo sobrante en Lugo vai parar alí.

- a mobilidade forzosa do persoal: ¿que pasará cando pechen un servizo neses hospitais?, por exemplo, pediatría... pois nada o persoal será enviado forzosamente a traballar ao HULA e os/as doentes tamén.

Por outra banda, en Lugo o flamante e ben dotado hospital (de medios e RRHH) foi deseñado para asistir á poboación da área sanitaria de Lugo, non para a asistencia á poboación de toda a provincia, polo tanto o máis probable é que os recursos volvan ser escasos, a poboación chegue a estar peor atendida, lonxe da súa casa, as condicións laborais dos/as profesionais empeoren...

Supoñemos que a vantaxe que lle verán a isto dende a Xunta é que é máis doado precarizar a asistencia se esta está centralizada, será máis doado facer concertos e privatizar servizos, mentres os/as traballadores/as e cidadáns pagan a asistencia, as viaxes, as estancias.... e ven como se retroceden 50 anos na Política Sanitaria.

Nin que dicir ten que a CIG-Saúde rexeita este documento ao completo, xa que só amosaron na Mesa Sectorial un borrador pero en ningún caso foi negociado, a maiores pensamos que non serve para o que di o seu título se non para ter plenos poderes unilaterais para a organización (provisión, mobilización...) tanto de profesionais como de servizos sanitarios que irán claramente en detrimento da Sanidade Pública en calquera das dúas vertentes.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto