Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria CIG-Saude pide ao SERGAS a convocatoria dunha reunión coas organizacións sindicais para abordar a redución da oferta formativa
 
 

CIG-Saude pide ao SERGAS a convocatoria dunha reunión coas organizacións sindicais para abordar a redución da oferta formativa

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A FEGAS anunciou na súa páxina web a “modificación” das actividades formativas, cando do que se trata realmente é da súa eliminación no segundo semestre

A CIG-Saúde vén de dirixirse á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, Esperanza Fernández lago, para solicitar a inmediata convocatoria dunha xuntanza coas organizacións sindicais, logo de que, con data de 31 de maio,  o Director da Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), publicara na súa páxina web unha resolución pola que se anuncia a modificación da oferta das actividades formativas correspondentes ao 2º semestre do ano 2012.

Máis alá dunha simple modificación, a CIG Saúde asegura que o que anuncia esa resolución é que se anulan parte das actividades formativas deste semestre, en proporción equivalente á diminución orzamentaria.

CIG-Saúde lembra que o Plan de formación é negociado no seo da Comisión de Formación por representantes do Servizo Galego de Saúde, da FEGAS e das organizacións sindicais CIG, CC.OO, UGT e CSI-F, asinantes do acordo de formación continua; polo que debe ser neste ámbito onde se comunique as supresións das actividades formativas do ano 2012.

Asegura que se trata da “maior falta de lealdade que unha Administración poida exercer no marco das relacións laborais, reformulando acordos asinados sen comunicación previa ás organizacións sindicais”. Lembra que o acordo de formación finánciase coas cotas das/os traballadoras/es e debe ser acordado coas organizacións sindicais que participan no Consello de Formación.

“É un insulto a intelixencia das/os traballadoras/es  pensar que ocultando a supresión das actividades formativas o persoal non vai ser consciente de que este ano vai ver reducida a oferta”, asegura a CIG-Saúde, que reitera a solicitude de inmediata convocatoria dunha reunión coas organizacións sindicais para “abordar a redución da oferta formativa 2012 e analizar as posibles medidas de aforro que se poidan aplicar antes de reducir as accións formativas”.

Neste sentido, a CIG-Saúde lamenta que a única medida que se lle ocorre aplicar á consellaría de Sanidade sexa reducir esa oferta formativa, cando é tan necesaria para a constante actualización e  formación dos profesionais da sanidade pública, no canto de adoptar medidas como facer desaparecer a FEGAS como fundación e todo o seu organigrama, o que si supón un gasto adicional que provoca un encarecemento das accións formativas.

Fronte a isto, a CIG-Saúde solicita que se manteña a Escola Galega de Administración sanitaria pasando a depender esta, en lugar da fundación, directamente da consellaría de Sanidade. Lembra que dependente da consellaría xa existe unha Subdirección xeral de Investigación, Docencia e Innovación. Considera que deste xeito si se optimizarían recursos gañando realmente en eficiencia. “Sempre se recorta no mesmo sentido, manteñen organismos paralelos ateigados de altos cargos e fanlles pagar os recortes aos profesionais da sanidade pública, en vez de aproveitar os recursos existentes na propia consellaría de Sanidade”

Ademais disto, CIG-Saúde solicita que lle sexa remitido o cadro de retribucións por módulo de hora que percibe o persoal que imparte docencia na FEGAS e as retribucións, se as perciben, dos membros do padroado da fundación, composta por Presidente, Vicepresidente, 17 patronos e un Secretario.

Nova extraída de Avantar

--------------------------------

Actualización: a raiz da nosa denuncia, a Subdirección Xeral de Xestión e Políticas de Persoal ven de convocar unha reunión do Consello de Formación Contínua do SERGAS, algo que tería que ter feito antes de emitir ningunha resolución suspendendo actividades formativas. A reunión terá lugar o martes día 12, e nela CIG-Saúde denunciará estas actitudes despóticas polas que a Administración fai o que lle vén en gaña sen ter en conta ás organizacións presentes nas mesas de negociación.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto