CIG Saúde Estatutos da CIG Saúde
 
 

Estatutos da CIG Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

ESTATUTOS DA CIG-SAÚDE

(aprobados no VI Congreso, A Coruña 5-6 abril 2014)

 

CAPÍTULO I

DEFINICIÓN, ÁMBITO E OBXECTIVOS

Art.1

A Federación CIG-Saúde é unha Organización Sindical integrada na Confederación Intersindical Galega (CIG). O seu funcionamento dentro da CIG réxese polos Estatutos desta, salvo nos casos que se regulan nos presentes estatutos.

Art.2

A CIG-Saúde ten por ámbito territorial o de Galiza e poden formar parte dela todas/os as/os traballadoras/es que presten, prestasen ou orienten a súa profesión a desempeñar os seus servizos nunha empresa pública ou privada, dedicada á actividade sanitaria, incluíndo as/os traballadoras/es que traballen fóra de Galiza.

Art.3

A CIG-Saúde constitúese por tempo indefinido, e só poderá disolverse por acordo adoptado segundo os preceptos legais aplicábeis e co procedemento contido nestes estatutos así como nos da CIG.

Art.4

A CIG-Saúde goza de capacidade xurídica propia e de plena capacidade de obrar, necesarias para o cumprimento dos seus obxectivos, dentro do seu ámbito e con respecto das disposicións concordantes dos Estatutos da CIG, destes Estatutos, e acordos adoptados nos seus congresos e nas resolucións dos órganos de goberno regulados nestes Estatutos.

Art.5

A CIG-Saúde ten como única lingua a galega, defendéndoa como única lingua oficial de Galiza e asumindo o compromiso de contribuír á súa normalización.

Art.6

A CIG-Saúde estabelece o seu domicilio social en Santiago de Compostela, na rúa Miguel F. Caaveiro, 10, podendo o seu Consello Federal acordar o cambio deste.

Art.7

A CIG-Saúde adopta como propios os fins e obxectivos aprobados pola CIG, así como os seguintes específicos:

a)  A defensa do dereito á protección e promoción da saúde integral das/os galegas/os.

b)  A defensa do carácter de servizo público da atención de saúde, e por tanto a consolidación dun sistema sanitario público, universal, gratuíto e de calidade.

c)   A loita contra o corporativismo e a integración dos lexítimos intereses particulares dos diferentes colectivos nunha concepción sindical global, de clase, e unha acción común.

d)  A organización, o asesoramento e a defensa das condicións laborais, profesionais e sociais das/os traballadoras/es do sector sanitario alí onde estean.

CAPÍTULO II

AFILIACIÓN

Art.8

Poderán afiliarse á CIG-Saúde todas/os as/os traballadoras/es que presten, prestasen ou orienten a súa profesión a desempeñar os seus servizos nunha empresa pública ou privada, dedicada á actividade sanitaria, incluíndo as/os traballadoras/es que traballen fóra de Galiza.

Art.9

A afiliación é individual e voluntaria, tendo como requisito a aceptación dos presentes Estatutos e os da CIG, e respecto dos principios e obxectivos, sen que poida existir discriminación por razóns de idade, sexo, ideoloxía, orixe, relixión, pensamento ou afiliación política.

Art.10

A condición de afiliada ou afiliado produce efectos desde o día seguinte ao da formalización da ficha de afiliación, que se entenderá realizada no mesmo momento da asignación dun número de afiliación, aínda que o exercicio dos dereitos de acceso aos servizos técnicos e de participación en eleccións internas non se poderá reclamar até que transcorran tres meses desde aquela data e se satisfagan as cotas correspondentes Todas/os as/os afiliadas/os da CIG-Saúde teñen os mesmos dereitos e as mesmas obrigas, coincidentes coa regulamentación dos Estatutos da CIG, e Estatutos, regulamento e programa da CIG-Saúde.

Art. 11

A afiliada ou afiliado perderá a súa condición polos seguintes motivos:

a)  A petición propia.

b)  Por non aboar a cota nos tres primeiros meses desde a formalización da ficha de afiliación.

c)   Por non aboar a cota durante seis meses sen alegación dunha causa xustificada; neste caso poderá producirse o reingreso sen perda dos dereitos de antigüidade tras o pagamento previo das cotas que se deban e sempre que non transcorresen máis de doce meses.

d)  Por deixar de reunir as condicións requiridas nestes estatutos para poder participar na CIG-Saúde.

e)  Por suspensión definitiva dos dereitos como afiliada ou afiliado, en resolución validamente adoptada polo organismo competente de conformidade con estes Estatutos.

Art.12

A CIG-Saúde adopta como réxime propio de garantías e sancións o regulado polas disposicións aplicábeis dos Estatutos da CIG. Neste sentido o expediente será instruído polo organismo de maior rango ao que estea adscrito o afiliado ou afiliada. A adopción de sancións contra unha/un afiliada/o da CIG-Saúde resolverase polo Consello Federal a proposta da estrutura orgánica sectorial á que pertenza.

Art.13

A CIG-Saúde regularase polo réxime de incompatibilidades dos Estatutos da CIG.

CAPÍTULO III

ÁMBITOS DE ORGANIZACIÓN

Art.14

Territorialmente a CIG-Saúde organízase en estruturas comarcais e locais, seguindo criterios de afinidade xeográfica e operatividade sindical.

Art.15

A Unión Comarcal está formada polo conxunto da afiliación da CIG-Saúde nunha Comarca, a estes efectos considéranse comarcas as seguintes: Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo-A Mariña, Ourense, Pontevedra .

Art.16

A Unión Local está formada polo conxunto da afiliación da CIG-Saúde na Localidade.

1.- A CIG-Saúde poderase constituír en Unión Local, sempre que estas o consideren conveniente, e reúnan un número de afiliados superior a 50, e así o aprobe o Consello Federal, previo acordo nos órganos de dirección da Comarca respectiva.

2.- Así mesmo e por decisión do Consello Federal poderán constituírse as novas Unións Locais que por criterio sindical se precisen, aínda que non reúnan as condicións anteditas.

Art.17

O órgano sectorial da CIG-Saúde organízase e coordínase nas seguintes equipas de traballo: Especializada, Primaria, Fundacións, Sanidade Privada e Colectivo de traballadoras/es en Paro. Son competencias destas equipas o seu funcionamento, composición orgánica e negociación. A acción sindical e a representación institucional son competencia da CIG-Saúde.

Art.18

1.- A estrutura organizativa básica da CIG-Saúde son as Seccións Sindicais de centro, formadas polo conxunto da afiliación de cada centro ou empresa da sanidade.

2.- Son competencias da Sección Sindical:

a)     Elaborar e desenvolver a política sindical para o ámbito da empresa ou centro de traballo en que se constitúe, sen contradicir a da CIG nin a da CIG-Saúde.

b)     Elixir as/os representantes que correspondan para os órganos da CIG-Saúde da Comarca.

c)     Elixir as/os representantes para os órganos colexiados que correspondan na empresa ou centro de traballo, cando o ámbito dos mesmo non exceda o da sección sindical.

d)     Facer seguimento e análise da evolución da afiliación no seu ámbito.

e)     Aprobar as candidaturas a presentar pola CIG-Saúde na súa empresa ou centro de traballo, aínda que cando o ámbito electoral afecta a varias seccións sindicais, esa aprobación deberá facerse por acordo entre as mesmas ou no seu defecto polo Consello Comarcal que terá que ter en conta a representación en proporción á afiliación.

f)      Elixir unha/un responsábel de Saúde Laboral, dentro da Sección Sindical, que poderá, aínda que non será necesario, ser membro da Xunta de Persoal ou Comités de Empresa ou Delegada/o de Prevención.

g)     Elixir os seus órganos de goberno, os cales terán as atribucións que legal ou convencionalmente lles corresponda, alén das propias de representación da sección sindical.

h)     Elixir os cargos de delegados/as da sección sindical.

i)       Todo o relativo á negociación colectiva no seu ámbito, incluíndo o asinamento do convenio propio.

l)       Elixir os/as liberados/as de acordo coas normas da central sindical. Aprobar as acumulacións de horas para os/as delegados/as electos/as ou de sección sindical, se é o caso, e cando así se decida.

m)  Os/as delegados/as electos/as nos comités de empresa e xuntas de persoal terán que supeditar a súa actividade sindical aos acordos de sección sindical, someténdose ás decisións e pautas acordadas nestas.

As seccións sindicais que conten cando menos con 100 afiliados/as terán, para efectos internos da CIG-Saúde e para o seu ámbito de actuación, a consideración de órganos de goberno.

Constituiranse seccións sindicais en todos os centros de traballo en que exista afiliación sindical da CIG-Saúde.

Art.19

A sección sindical dotarase dun regulamento onde deberá constar, como mínimo, o número de membros que comporá o seu órgano de goberno, normas de funcionamento, xuntanzas, responsabilidades, etc.

Entre os membros do órgano de goberno elixirase un/ha secretario/a, que terá a condición de cargo unipersoal da CIG-Saúde para os únicos e exclusivos efectos de acceder ao censo de afiliados/as da propia sección sindical, previa solicitude á persoa responsábel do tratamento de datos persoais ou persoa debidamente autorizada.

Art.20

A asemblea de afiliados/as é o máximo órgano da sección sindical. Será convocada pola/o secretaria/o desta, a requirimento dun terzo dos membros do órgano de goberno responsábel, ou a petición dun terzo dos afiliados/as da sección sindical.

Art.21

Son funcións do órgano de goberno da sección sindical as seguintes:

a)      Dar resposta inicial aos problemas urxentes que se produzan na empresa.

b)      Facer seguimento inicial da afiliación, controlar as altas, baixas, cotas e pasar todo tipo de información aos/ás afiliados/as do centro de traballo.

c)       Potenciar a participación dos/as traballadores/as nas asembleas do centro de traballo.

d)      Responsabilizarse da negociación colectiva.

e)      Trasladar á asemblea de afiliadas/os as propostas a delegadas/os da sección sindical, así como as propostas a candidatas/os pola CIG ás eleccións sindicais na empresa.

f)       Colaborar solidariamente coa CIG-Saúde e a CIG no seu conxunto.

CAPÍTULO IV

DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

Art.22

1.-Son órganos nacionais de goberno da CIG-Saúde:

a)      O Congreso

b)      O Consello Federal

c)      A Executiva Federal

2.- Son órganos comarcais de goberno da CIG-Saúde:

a)      A Asemblea Comarcal

b)      O Consello Comarcal

c)      A Executiva Comarcal

3.- Son órganos locais de goberno da CIG-Saúde:

a)      A Asemblea Local

b)      O Consello Local

3.- É órgano unipersoal da CIG-Saúde:

a)      A Secretaría Nacional

b)      A Secretaría Comarcal

c)      A Secretaría Local

Ámbito Nacional

Art.23

O Congreso é o órgano soberano da CIG-Saúde, e os seus acordos, validamente adoptados, son de obrigado cumprimento para o conxunto da afiliación e estrutura da CIG-Saúde. Estará composto por un número total de delegadas/os a determinar polo Consello Federal na convocatoria, cos seguintes criterios:

1.- Son membros natos as/os compoñentes do Consello Federal.

2.- O resto serán elixidas/os polas Comarcas e Localidades seguindo criterios de proporcionalidade, e dentro destas por empresas ou centros de traballo, cun criterio proporcional á afiliación.

Art.24

a) O Congreso ordinario da CIG-Saúde será convocado polo Consello Federal unha vez cada catro anos. A convocatoria farase con catro meses de antelación, como mínimo.

b) O Consello Federal aprobará un regulamento precongresual, elaborará unha proposta de regulamento para as sesións do Congreso e designará as comisións encargadas para a redacción de relatorios.

Art.25

Son competencias do Congreso ordinario:

a)      Aprobar e modificar os Estatutos da CIG-Saúde.

b)      Definir os programas e os plans xerais da política sindical da CIG-Saúde.

c)       Elixir a 9 membros da executiva e entre eles a Secretaria ou Secretario Nacional.

d)      Aprobar a xestión económica e liquidación de contas.

e)      Analizar a xestión dos órganos de goberno nacionais.

f)       Elixir os/as membros correspondentes á CIG-Saúde no Consello Confederal.

g)      Calquera outras atribuídas polos Estatutos, os Regulamentos ou os Acordos dos órganos da CIG-Saúde.

Art.26

O Congreso extraordinario será convocado a petición 1/3 da afiliación ou de 2/3 do Consello Federal da CIG-Saúde. O prazo entre a solicitude e a celebración do Congreso extraordinario non poderá exceder de 4 meses. A convocatoria celebrarase por escrito cunha antelación mínima de 2 meses. O Congreso extraordinario só poderá tratar e pronunciarse sobre os asuntos obxecto da convocatoria.

Art.27

O período congresual e as sesións do Congreso axustaranse ao regulamento aprobado polo Consello Federal, que deberá ser ratificado polo Congreso como primeiro punto da orde do día. Das sesións do Congreso levantaranse actas e os seus acordos serán públicos para o coñecemento de toda a afiliación.

Art.28

O Consello Federal é o órgano máximo de dirección da CIG-Saúde entre Congresos. Está formado por:

a)      A Executiva Federal

b)      Secretarias/os das Unións Comarcais

c)      Secretarias/os das Unións Locais constituídas

d)      Un/ha por cada 100 afiliadas/os ou fracción superior a 50 por Comarca

e)      Poderán asistir igualmente ás sesións do Consello Federal, con voz pero sen voto, aquelas/es afiliadas/os que sexan convidadas/os polos órganos de goberno comarcais en función da súa actividade sindical. En todo caso, o Consello Federal poderá acordar a celebración de sesións pechadas cando así o estime necesario.

Art.29

O Consello Federal acordará cando así o considere oportuno a constitución de Comisións Nacionais abertas para traballos específicos, ou comisións de colectivos profesionais, que actuarán como órganos consultivos e de asesoramento do mesmo.

Estas comisións non terán consideración de órganos de goberno da CIG, é serán disolvidas ben cando rematen as tarefas polas que foron constituídas, ou por decisión do Consello Federal da CIG-SAÚDE.

Estas Comisións terán as funcións de organización e participación descritas nos regulamentos estabelecidos na súa creación.

Art.30

O Consello Federal reunirase ordinariamente cada 2 meses, sendo convocado pola/o Secretaria/o Nacional cunha antelación mínima de sete días. Reunirase extraordinariamente cando o solicite 1/3 dos seus membros ou por decisión da executiva federal.

Art.31

Son competencias do Consello Federal:

a)  Aprobar o seu regulamento de funcionamento.

b)  Convocar o Congreso e aprobar o regulamento para o período precongresual, tendo este último que contar co acordo de 2/3 dos membros asistentes

c)   Elaborar o regulamento do Congreso e cantas propostas, informes ou relatorios se estime oportuno someter a aprobación do Congreso.

d)  Aprobar o orzamento, facendo seguimento da súa execución.

e)  Coñecer os acordos anuais de fixación de cota xeral adoptados polo Consello Confederal da CIG.

f)    Planificación e seguimento da acción sindical do conxunto da CIG-Saúde.

g)  Decidir sobre a firma de convenios ou acordos da CIG-Saúde con outras organizacións.

h)  Designar as persoas que representen a CIG-Saúde nos organismos institucionais de ámbito galego, estatal e internacional.

i)    Aprobar a constitución de novas unións locais.

l)    Adoptar resolucións de urxencia sen contradicir os acordos do Congreso, dando conta disto na primeira sesión que este celebre.

m) Ratificar as responsabilidades na executiva Federal.

n)  Xestión de recursos humanos e materiais na CIG-Saúde.

o)  Designar as/os representantes da CIG-Saúde na Comisión da Área Pública da CIG.

p)  Aprobar o regulamento da Comisión da Área Pública da CIG.

q)  Deberá decidir por maioría de 2/3 a substitución ata a realización do seguinte Congreso en caso de resultar vacantes os cargos de Secretaria/o Nacional ou calquera membro da executiva.

r)   Decidir sobre acordos de ámbito nacional coa Administración ou as empresas, para aquelas cuestións que teñan unha repercusión importante para as/os traballadoras/es, terase en conta o criterio de todos os órganos da CIG-Saúde.

s)   O Consello Federal garantirá os prazos das convocatorias ordinarias ou extraordinarias das Asembleas e de ser necesario tutelará o proceso.

t)    Constituirase un grupo de traballo con responsabilidade sobre a sanidade privada.

u)  Facer seguimento das EE.SS a nivel nacional e aprobar a campaña nacional.

v)   Aprobar as campaña de afiliación nacional e facer seguimento da evolución a nivel nacional.

z)   Calquera outra competencia expresamente atribuída ao Consello Federal nos presentes Estatutos.

Art.32

O mandato das/os membros do Consello Federal será de catro anos.

Art.33

A Executiva Federal é o órgano permanente de goberno e administración da CIG-Saúde, estará composta pola/o Secretaria/o Nacional e oito membros elixidas/os en Congreso. Entre elas e eles distribuiranse as diferentes áreas de traballo que se consideren precisas, determinándose cando menos as responsabilidades sobre: organización, finanzas, acción sindical, política sanitaria, saúde laboral, formación, prensa e publicacións e sanidade privada.

Art.34

A Executiva Federal reunirase como mínimo unha vez ao mes, ou cando sexa convocado pola/o Secretaria/o Nacional ou a instancia de 1/3 dos seus membros.

Art.35

1.- A Executiva Federal exercerá mancomunadamente a representación xurídica, económica e legal da CIG-Saúde, podendo delegar na/o Secretaria/o Nacional, na súa ausencia en calquera outro membro, estas facultades para os únicos efectos de outorgamento de poderes.

2.- Son ademais competencias da Executiva Federal:

a)  Aprobar o seu regulamento de funcionamento.

b)  Representar á CIG-Saúde entre sesións do Consello Federal.

c)   Coordinar a actividade sindical das Unións Comarcais e dos distintos sectores e impulsar a organización da CIG-Saúde a todos os niveis.

d)  Coñecer a marcha dos procesos de negociación nos sectores e dos conflitos de maior transcendencia.

e)  Elaborar os orzamentos e xestionar a súa execución.

f)    Presentar informe da súa xestión ao Congreso.

g)  Propor a creación de Comisións para o estudo de temas específicos.

h)  Dirixir as actividades informativas, técnicas e de asesoramento.

i)    Decidir sobre cuestións urxentes entre reunións do Consello Federal.

l)    Calquera outra que lle sexa expresamente delegada polo Consello Federal.

m) Deseñar a campaña nacional das EE.SS., e presentala ao Consello Federal para a súa aprobación

n)  Deseñar as campañas nacionais de Afiliación e presentalas ao Consello Federal para a súa aprobación.

o)  Coordinar e facer seguimento da negociación colectiva.

Art.36

A /O Secretaria/o Nacional é o cargo unipersoal da CIG-Saúde, elixido en Congreso; é a máxima representación pública da CIG-Saúde, preside os organismos nacionais da mesma. Asume a representación institucional da CIG-Saúde e asina conxuntamente coa/o secretaria/o de finanzas da CIG-Saúde as contas nacionais.

Ámbito Comarcal

Art.37

A Asemblea Comarcal é o órgano máximo da CIG-Saúde en cada Unión Comarcal, está constituída por toda a afiliación na Comarca, que conte cunha antigüidade mínima de tres meses. Naquelas Comarcas que conten cunha afiliación superior a 500 persoas afiliadas, o Consello Comarcal pode determinar a súa constitución por delegados/as (que será como mínimo de 100 persoas, agás os/as membros natos/as), de acordo coa seguinte distribución:

·         Son Delegados/as natos/as os/as membros do Consello Comarcal

·         Os/as restantes, deica o número total acordado, serán elixidos/as polas Seccións Sindicais.

Co fin de determinar o número de Delegados/as, o Consello Comarcal fará un reparto inicial proporcional á afiliación do número que lle corresponde a cada Sección Sindical. Terán dereito a elixir Delegados/as as Sección Sindicais con fraccións igual ou maior de 1,00. As Seccións Sindicais que non teñan dereito a 1,00 Delegado/a, agruparanse todas elas para elixir en común os/as que lle correspondan.

Aquelas Seccións Sindicais que tendo dereito a elixir delegados/as optan por non facelo, eses/as delegados/as decaen, non podendo ser electos pola asemblea común, nin participar nela os/as afiliados/as pertencentes a estas Seccións Sindicais. Igual criterio será aplicábel para aquelas Seccións Sindicais que non elixan todos/as os/as delegados/as a que teñen dereito.

Cada persoa afiliada só poderá participar nunha asemblea.

Art.38

A Asemblea Comarcal reunirase con carácter ordinario, unha vez cada catro anos, debendo ser convocada polo Consello Comarcal da CIG-Saúde cunha antelación mínima de 2 meses. Extraordinariamente reunirase cando o solicite 1/3 da afiliación ou 2/3 do Consello Comarcal.

Art.39

Son funcións da Asemblea Comarcal:

a)      Elixir a/o Secretaria/o Comarcal, as/os restantes membros do Consello Comarcal (entre 5 e 7), ou a Executiva Comarcal de acordo co estabelecido no artigo 43, e os correspondentes membros do Consello Federal.

b)      Analizar e avaliar a xestión do Consello Comarcal.

c)      Elixir as/os representantes da CIG-Saúde para a Dirección Comarcal da CIG.

d)      Debater e resolver aquelas cuestións que afecten o conxunto da CIG-Saúde no seu ámbito.

Art.40

O Consello Comarcal é o órgano de dirección da Comarca entre Asembleas tendo a seguinte composición:

1.-Pola Executiva Comarcal, onde estea constituída. De non estar constituída estarase o disposto no artigo 39.a)

2.- Unha ou un representante de cada Sección Sindical constituída.

3.- Unha ou un máis por cada 50 afiliadas/os ou fracción superior a 25 de cada unha das Seccións Sindicais.

4.- Un ou unha representante da negociación colectiva da sanidade privada. De non nomearse, será asumido necesariamente pola persoa que ostente a Secretaría Comarcal.

5.- Poderán asistir igualmente ás sesións do Consello Comarcal, con voz pero sen voto, aquelas/es afiliadas/os que sexan convidadas/os polos órganos de goberno, en función da súa actividade sindical. En todo caso, o Consello Comarcal poderá acordar a celebración de sesións pechadas cando así o estime necesario.

O Consello Comarcal acordará cando así o considere oportuno a constitución de Comisións Comarcais abertas para traballos específicos, ou comisións de colectivos profesionais, que actuarán como órganos consultivos e de asesoramento do mesmo.

Estas comisións non terán consideración de órganos de goberno da CIG, e serán disoltas ben cando rematen as tarefas polas que foron constituídas, ou por decisión do Consello Comarcal da CIG-SAUDE.

Estas Comisións terán as funcións de organización e participación descritas nos regulamentos estabelecidos na súa creación.

Art.41

O Consello Comarcal reunirase ordinariamente cun mínimo dunha vez o mes, por convocatoria da/o Secretaria/o Comarcal ou a petición de 1/3 dos seus membros.

Dos seus acordos darase publicidade a todas as seccións sindicais constituídas no seu ámbito de actuación.

Art.42

1.- Son competencias do Consello Comarcal:

a)  Aprobar o seu regulamento de funcionamento.

b)  Convocar Asembleas Comarcais.

c)   Distribuír as responsabilidades que no seu seo se consideren necesarias.

d)  Coordinar e dirixir a CIG-Saúde na Comarca, cumprindo as resolucións e os acordos dos órganos nacionais.

e)  Designar a cobertura transitoria das vacantes que se produzan na representación do Consello Federal e nos órganos comarcais da CIG, ate que a Asemblea Comarcal realice unha nova elección.

f)    Decidir por maioría de 2/3 a forma de substitución ata a realización da seguinte Asemblea Comarcal en caso de resultar vacante o cargo de Secretario/a Comarcal.

g)  A Designación da representación que corresponda á CIG-Saúde en órganos colexiados institucionais ou sindicais na comarca, cando o seu ámbito exceda dunha sección sindical ou centro de traballo.

h)  Propor ao Consello Federal a constitución de Unións Locais.

i)    Aprobar os orzamentos e partes de finanzas comarcais.

  1.  
  2.  

l)    Realizar un seguimento e análise da afiliación na comarca e impulsar a constitución de Seccións Sindicais en todos os centros de traballo nos que a afiliación existente o faga posíbel, dentro do seu ámbito territorial.

m) Presentar informe da súa xestión á Asemblea Comarcal

n)  Impulsar a creación de colectivos de paradas/os do sector.

o)  Planificación e seguimento da Acción Sindical da CIG-Saúde na comarca.

p)  Decidir sobre acordos de ámbito comarcal coa Administración ou as empresas; para aquelas cuestións deste ámbito que teñan unha repercusión importante para as/os traballadoras/es, terase en conta o criterio da Asemblea Comarcal.

q)  Calquera outra que expresamente se lle atribúa.

r)   Planificación e seguimento das EE.SS no seu ámbito territorial.

Art.43

Executiva Comarcal. Constituirase por acordo de 2/3 dos/as asistentes á Asemblea Comarcal.

Está composta pola/o Secretaria/o Comarcal elixida/o en Asemblea Comarcal e entre 5 e 9 membros elixidas/os na Asemblea Comarcal, que se distribuirán cando menos as responsabilidades de: Finanzas, Acción Sindical, Saúde Laboral e Organización.

Son competencias da Executiva Comarcal:

a)      Organizar e coordinar os servizos na comarca.

b)      Elaborar os orzamentos e xestionar as finanzas da súa competencia.

c)       Executar os acordos do Consello Comarcal.

d)      Nomear as secretarias ou responsabilidades.

e)      Calquera outra que sexa atribuída por estes estatutos ou as que lle sexan delegadas polo Consello Comarcal.

f)       Aprobar o seu regulamento de funcionamento.

g)      Representar á CIG-Saúde entre sesións do Consello Comarcal

h)      Coordinar a actividade sindical das Unións Locais e dos distintos sectores e impulsar a organización da CIG-Saúde a todos os niveis.

i)        Coñecer a marcha dos procesos de negociación nos sectores e dos conflitos de maior transcendencia.

l)        Presentar informe da súa xestión á Asemblea Comarcal

m)    Propor ao Consello a creación de Comisións de estudio para temas específicos.

n)      Decidir sobre cuestións urxentes entre reunións do Consello Comarcal

A Executiva Comarcal xuntarase cunha periodicidade mínima dunha vez ao mes, por convocatoria do/a Secretario/a Comarcal ou a instancia de 1/3 dos seus membros

A/O Secretaria/o Comarcal elixida/o en asemblea presidirá o Consello Comarcal e asumirá a representación institucional da CIG-Saúde, no ámbito correspondente.

Ámbito Local

Art.44

A Asemblea Local é o órgano máximo da CIG-Saúde en cada Unión Local; está constituída por toda a afiliación da Localidade.

Art.45.-

A Asemblea Local reunirase con carácter ordinario con anterioridade a Asemblea Comarcal. Extraordinariamente reunirase cando o solicite 1/3 da afiliación ou ben por 2/3 do Consello Local.

Art.46

Son funcións da Asemblea Local:

a)      Elixir a/o Secretaria/o Local e as/os demais membros do Consello Local.

b)      Analizar a xestión do Consello Local.

c)      Debater e resolver aquelas cuestións que afecten o conxunto da CIG-Saúde no seu ámbito.

Art.47

O Consello Local é o órgano de dirección da localidade entre Asembleas. Estará composto pola/o Secretaria/o local, elixida/o na Asemblea Local máis unha/un representante por Sección Sindical constituída e unha/un máis por cada 25 afiliadas/os, cun mínimo de tres membros.

Art.48

O Consello Local reunirase ordinariamente cun mínimo dunha vez ao mes, será convocado pola/o Secretaria/o Local ou a petición de 1/3 dos seus membros.

Art.49

1.- Son competencias do Consello Local:

a)  Convocar Asembleas Locais

b)  Coordinar e dirixir a CIG-Saúde na Localidade, cumprindo as resolucións das Asembleas Comarcais, Local e os acordos dos órganos nacionais.

c)   Elaborar os orzamentos e partes de finanzas locais.

d)  Presentar informe da súa xestión a Asemblea Local.

e)  Decidir sobre acordos de ámbito local coa Administración ou as empresas; para aquelas cuestións deste ámbito que teñan unha repercusión importante para as/os traballadoras/es, terase en conta o criterio da Asemblea Local.

f) Aprobar o seu regulamento de funcionamento.

g) Distribuír as responsabilidades que no seu seo se consideren necesarias.

h) Designar a cobertura transitoria das vacantes que se produzan na representación do Consello Comarcal ate que a Asemblea Local realice unha nova elección.

i) Decidir por maioría de 2/3 a forma de substitución, en caso de quedar vacante o cargo de Secretario/a Local, ata a realización da seguinte Asemblea Local

l) Realizar un seguimento e análise da afiliación na localidade e impulsar a constitución de Seccións Sindicais en todos os centros de traballo nos que a afiliación existente o faga posíbel dentro do seu ámbito territorial.

m) Impulsar na localidade a creación de colectivos de desempregados/as do sector.

n) Calquera outra que expresamente se lle atribúa.

2.- A/O Secretaria/o Local elixida/o en asemblea presidirá o Consello Local e asume a representación institucional da CIG-Saúde, no ámbito correspondente.

CAPÍTULO V

RÉXIME ELECTORAL

Art. 50

Como norma xeral, os procesos electivos para os órganos e cargos da CIG-Saúde regularanse polo disposto nestes estatutos. Poderanse estabelecer procedementos electorais específicos cando así o prevexan os regulamentos que desenvolven estes Estatutos.

Art. 51

Todos os cargos da CIG-Saúde hanse de prover mediante votación secreta e persoal. En casos determinados poderase admitir votación a man alzada, cando así o considere unha maioría de dous terzos dos/as membros asistentes do órgano elector, aínda que ese acordo será ineficaz cando calquera dos/as membros reclame o exercicio do dereito á votación secreta.

Art. 52

A elección de órganos e cargos farase mediante a presentación de candidaturas en listas pechadas, que deberán conter cando menos o número de persoas de que se compoña o organismo.

É responsabilidade do máximo órgano ou cargo executivo existente no ámbito en que se produce a elección a presentación dunha candidatura.

A composición do órgano elixido resultará da proclamación dos membros de cada lista presentada en proporción directa aos votos acadados.

Art. 53

Será en todo caso de aplicación directa o procedemento electoral regulado nos artigos anteriores nas eleccións que correspondan realizar polo Congreso e de forma supletoria para os demais casos.

Non obstante, será igualmente obrigado en todos os casos cando se presente polos seus promotores cando menos unha candidatura en lista pechada.

Art. 54

Cando por aplicación do previsto no artigo 50 se prevexa procedemento electoral específico que implique a posibilidade de presentación de candidaturas abertas, a lista deberá conter cando menos un número de membros igual ao de postos a cubrir e a votación efectuarase na papeleta por un número máximo de candidatas ou candidatos igual ao 75% dos postos a cubrir, resultando proclamadas/os aquelas ou aqueles que obtivesen o maior número de votos; en caso de empate, será proclamada/o a candidata ou candidato con maior antigüidade na afiliación.

Art. 55

No caso de listas pechadas, as vacantes que se poidan producir serán cubertas pola/o candidata/o seguinte da mesma lista. No caso de listas abertas, pola/o seguinte en número de votos.

CAPÍTULO VI

RÉXIME ECONÓMICO

Art.56

Os recursos económicos da CIG-Saúde están constituídos por:

a)      As cotas de afiliación, coa distribución entre estruturas que aproben os órganos confederais da CIG e, na súa aplicación, os da CIG-Saúde.

b)      As doazóns efectuadas ao seu favor, así como as subvencións que lle poidan ser concedidas.

c)      A participación que corresponda nos ingresos distintos das cotas dos orzamentos confederais da CIG.

d)      Os créditos que poidan ser xestionados.

e)      Calquera outro obtido por actividades licitas de acordo cos presentes estatutos e os da CIG.

Art.57

Os criterios de gasto serán fixados polo Consello Federal, de acordo co regulamento financeiro da CIG. O réxime de Administración e Contabilidade da CIG-Saúde será común en todos os seus ámbitos, así como os mecanismos que permitan á afiliación coñecer a situación económica da mesma. O Consello Comarcal e Local exercerán funcións homólogas no seu ámbito territorial específico.

CAPÍTULO VII

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira. O Consello Federal poderá aprobar a edición dun voceiro oficial, así como as características do mesmo. Así mesmo poderá aprobar a edición de calquera tipo de publicación, separada ou conxuntamente coa CIG.

Segunda. A aprobación e modificación dos presentes Estatutos é competencia exclusiva do Congreso da CIG-Saúde e requirirá en primeira votación unha maioría de 2/3 das/os congresistas en votación global, e en segunda votación unha maioría de 2/3 das/os congresistas presentes.

Terceira. Os aspectos non contemplados nos presentes Estatutos regúlanse polo disposto nos Estatutos da CIG.

Cuarta. A CIG-Saúde integrada como Federación de Sanidade da Confederación Intersindical Galega, só poderá desconfederarse da mesma mediante Congreso Extraordinario convocado ao efecto e por maioría de 2/3.

Quinta.No caso de disolución, os bens económicos, móbeis e inmóbeis serán doados á CIG; en caso de non existir esta, ao que o Congreso acorde.

Sexta. O anagrama de CIG-Saúde correspondese co deseño adxunto, e as súas posíbeis modificacións serán igualmente inscritas no rexistro con carácter de modificación estatutaria.

CIGSAUDElogo

Sétima. O carné de afiliación de CIG-Saúde será uniforme para todas/os as/os afiliadas/os, conforme o modelo aprobado polos órganos da CIG.

Oitava. Participación da muller. Para que a incorporación das mulleres na composición dos órganos da CIG sexa unha realidade, as distintas candidaturas en calquera dos procesos deberán contemplar na súa composición a proporcionalidade entre afiliados e afiliadas de cada estrutura.

 


 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto