Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Rescatan aos bancos, afunden ao pobo
 
 

Rescatan aos bancos, afunden ao pobo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Vimos de asistir ao anuncio de Mariano Rajoy sobre a "liña de crédito" que acadou despois dunha dura negociación na UE. Unha "liña de crédito" moi vantaxosa, seica, que vai solucionar todos os problemas do Estado. O que é un rescate evita chamarse así, para evitar comparacións con Grecia, Portugal ou Irlanda, pero chamen como lle chamen, o que hai enriba da mesa é un rescate. Un rescate para salvar aos bancos, pobriños eles, que están en moi mala situación mentres as persoas viven por enriba das súas posibilidades, segundo lles temos escoitado a grandes líderes do Partido Popular, que por iso se dedicaron e se dedican a recortar unha e outra vez nos servizos públicos, nomeadamente na Sanidade Pública, e nas condicións laborais e sociais da xente.

Poden disfrazalo como queiran, mais o pobo xa está farto de saber que o que pretenden, unha vez máis, é conseguir máis cartos para a banca, e o xeito de facelo é quitándolles máis cartos á xente a través de afondar nos recortes nos servizos públicos, aumento de impostos indirectos, baixada de soldos ao funcionariado, aumentos da idade de xubilación... Tempo ao tempo, estas medidas están xa desde hai tempo na axenda de Rajoy, Feijoo e demais dirixentes ultraconservadores e vanas aplicar se non lles paramos os pés.

Desde CIG-Saúde facemos un chamamento á poboación para que se mobilice, para que esixa o fin desta calamidade, para que non permita que sigan afondando o burato no que nos meteron para poder salvar a bancos que manexan inxentes cantidades de diñeiro para especular ou para enganar á xente, como no caso das preferentes, e cuxos maiores cargos perciben salarios desorbitados (como os 2 millóns e medio que Rodrigo Rato cobraba ao ano) e por riba "xubílanse" con indemnizacións millonarias que saen dos nosos petos. Cando hai beneficios, repártense entre os/as amigos/as, pero cando orixinan perdas, a poboación tén que pagalas.

Desde CIG-Saúde rexeitamos, condenamos e contestamos a intención de seguir a recortar a Sanidade Pública e as condicións laborais e salariais dos/das empregados/as públicos/as co único fin de amasar cartos para darllos á banca. Desde CIG-Saúde rexeitamos, condenamos e contestamos a pretensión de Rajoy e Feijoo de facer pagar a unha poboación xa arruinada coas medidas aplicadas ata agora, o pato da especulación e da codicia da banca e das grandes corporacións. 

Mobilicémonos, parémoslles os pés!!!

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto