Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Os pensionistas con rendas baixas terán que adiantar 30 € mensuais para retirar das farmacias os medicamentos
 
 

Os pensionistas con rendas baixas terán que adiantar 30 € mensuais para retirar das farmacias os medicamentos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG denuncia que con esta reforma cébanse coas persoas máis enfermas e en condicións económicas máis desfavorecidas

A partir do 1 de xullo as e os doentes con rendas máis baixas terán que adiantar 30 € ao mes polos medicamentos prescritos por facultativos da sanidade pública. Así quedará aprobado na reunión do Consello Interterritorial do Ministerio de Sanidade, que terá lugar o vindeiro 27 de xuño, co acordo das comunidades autónomas, cando menos as gobernadas polo PP. A CIG alerta de que a imposición do copago farmacéutico afectará máis ás persoas en condicións económicas máis desfavorecidas e con máis problemas de saúde, o que considera unha inxustiza inadmisíbel, e mantén que a única alternativa é recadar vía impostos por renda ou actividade económica.

En Galiza hai un total de 450.217 persoas que cobran pensión por xubilación. A contía media é, segundo os datos máis recentes, de 776,94 €, á máis baixa do estado. Na xuntanza prevista para o día 27 de xuño, o Consello Interterritorial de Saúde ten previsto estabelecer, para as rendas máis baixas, un tope de 30 € mensuais de pago directo nas farmacias que terán que adiantar as e os pensionistas para poder retirar os medicamentos prescritos por facultativos/as da sanidade pública. Unha medida que afectará a todas as persoas que cobren unha pensión, pero que gravará especialmente ás e aos pensionistas galegos.

Aínda que a pensión media é de 776,94€, esa contía obtense a partir do total das pensións, ou sexa, haberá pensionistas que cobran por riba desa cantidade pero unha elevada porcentaxe está por debaixo. En moitos casos dáse a circunstancia de que esa pensión é o único ingreso que obtén unha parella de xubilados. Pero cada membro ten a súa propia tarxeta sanitaria, o que implica que cada membro terá que adiantar eses 30 €, ou sexa, detraer 60€ ao mes, para poder retirar medicamentos.

Se o seu gasto é inferior a esta cantidade poden solicitar a devolución, pero a administración devolverá cada tres ou seis meses. Resulta cando menos rechamante que, fronte a isto, o tope que se establece para pensionistas con rendas superiores a 100.000 € sexa de 60 €. A ninguén se lle escapa que non significa o mesmo 60 euros para quen ingresa máis de 100.000 € ao ano, é dicir, máis de 8.000 € ao mes, que adiantar 30€ para quen ingresa 600 ou 700€ ao mes.

A administración recorre ao argumento falaz de que con esta medida preténdese un efecto disuasorio, para que estas persoas “non acumulen fármacos nas casas”. Para a CIG é un insulto á intelixencia. Os fármacos son prescritos por facultativos/as da sanidade pública para tratar unha doenza, non para amorear nos armarios das casas, a modo de zulo.

En todo caso, a central sindical si considera que terá un efecto disuasorio. Advirte de que as persoas enfermas, con máis problemas económicos, acabarán por non retirar os medicamentos para non ter que afrontar ese pagamento por adiantado. Isto afectará á súa saúde, que se verá empeorada e, en consecuencia, diminuirá a súa calidade de vida.

Pagamento por renda, vía impostos

Fronte a este sistema inxusto e que atenta contra o principio redistributivo, que é o que debe primar para todo o sistema público e, nomeadamente, en materia sanitaria, a CIG defende que o financiamento se faga a través dos impostos, tanto dos ligados ao nivel de renda como dos ligados á actividade económica (grandes empresas) e financeira (grandes bancos), para que pague máis sanidade quen máis ingresos teñan, con independencia do seu nivel de saúde e non quen máis sanidade necesite porque  máis enfermo ou enferma está.

A CIG é contundente: a administración non pode pretender incrementar os seus ingresos cebándose nos que máis problemas de saúde teñen, enfermos crónicos ou pensionistas (por obvias razóns de idade), porque ademais son, na súa inmensa maioría os que menos ingresos teñen.

Compostela, 22 de xuño de 2012.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto